Batallar

Que a mellor serie estadounidense en emisión sexa unha comedia é un feito extraordinario. Quizais por iso quero dedicarlle un puñado de parágrafos a unha obra que xa recomendei nestas páxinas no pasado: Hacks 

Un relato audiovisual que xira en torno á complexa, fascinante e divertidísima relación que une, separa e confronta a dúas cómicas de xeracións diferentes. Por unha banda, Deborah Vance (sublime Jean Smart), unha pioneira da comedia que sufriu nas súas carnes o machismo sistémico da industria do entretemento e que para sobrevivir e medrar viuse abocada a perpetralo. Pola outra, FDFD (fantástica Hannah Einbinder), unha guionista de vinte e pico que ten o don de complicarse a vida e confronta a visión do mundo de Vance dende unha óptica netamente centennial.  

O que descobren na primeira temporada da serie é que se precisan. Na segunda, que logran facerse mellor a unha á outra. Nesta terceira entrega comezan a ser conscientes de que só xuntas poden ser transcendentes. 

Cando rematou a segunda entrega de Hacks, semellaba que as dúas protagonistas completaran a súa viaxe cara a auto-aceptación e o éxito. Craso erro. Non podía ser tan fácil. Para chegar á cima hai que facer un pouco o ridículo, ter moito talento e estar disposto a danar non só ás persoas que queres, senón ás que te levaron a costas ata as portas do éxito.  

Sen que fósemos moi conscientes dilo, Hacks terminou por converterse nunha serie grande, das que non se ven castigadas polo paso dos anos, capaz de conxugar o urxente co permanente e os conflitos efémeros (existe a cancelación na era do inmediato?) cos eternos (podemos esquecer o dano que nos fan as persoas as que amamos ou so nos queda convivir con el?). 

Nas últimas décadas téñense producido constantes chamamentos á guerra xeracional. Unha eficaz forma de agochar as raíces dos problemas e desafíos que enfrontamos. Fronte a esta perniciosa tendencia, Hacks defende o valor da colaboración interxeracional e a necesidade de atopar espazos de entendemento, pero tamén de confrontación enriquecedora. Deborah e EFEFE logran alterar a percepción da outra e abrir a súa forma de ollar a realidade a ideas e puntos de vista que non consideraban dignos da súa atención antes de coñecerse. 

Pero o realmente fascinante de Hacks é que non fai unha idealización desta alianza entre mulleres de idades e visións profundamente dispares. Non hai un happy ending. Por que? Hai moitas décadas de vida e de historia entre ambas. Os feitos pasados son coma ondas que nos impiden tocarnos. Os mozos poden facer un esforzo por entender aos seus maiores, pero xamais serán capaces de chegar a comprendelos dunha maneira integral. Nin viceversa. Pórse na pel dunha persoa 30 anos máis nova é imposible, non se pode deixar a equipaxe na porta. Entón, que nos queda? Esforzarnos por escoitar a pesar das interferencias. Querernos e facernos dano. Batallar… xuntos. 

Hacks 
Creada por Lucia Aniello, Paul W. Downs e Jen Statsky
Reparto: Jean Smart, Hannah Einbinder, Megan Stalter