Unha muller enfróntase a un cancro terminal e decide poñer fin a súa vida antes de que esta lle resulte inhabitable. Para ilo, pídelle axuda a unha vella amiga coa que retomou o contacto mentres avanzaba a súa enfermidade. Ambas refúxianse nunha incrible casa chea de ventás no medio do monte para que Martha (Tilda Swinton) tome a pastilla que poñerá o punto final a súa existencia neste mundo. O único que lle pide a Ingrid (Julianne Moore) é que a acompañe durante os seus derradeiros días de vida, mentres pouco a pouco se vai convertendo nunha pantasma.
Porque iso é A habitación do lado, unha sutil película de pantasmas na que Martha é coma un copo de neve que na súa caída vaise espindo para perderse ao caer ao chan. Así, Pedro Almodóvar emprega as ventás da casa para ir convertendo a Martha nun espectro que aparece sen facer ruído e que xa non sinte dor porque en realidade xa non habita este mundo.
Tendo en conta isto, non debe sorprendernos que a primeira película rodada en inglés de Almodóvar renda tres emocionantes e fermosos homenaxes a Os mortos, o fermosísimo relato de James Joyce contido en Dublineses e, tamén, a película rodada por John Huston (a última que filmou) en torno a el. A través da profunda beleza e tristeza destas dúas obras, relato e filme, Martha vaise preparando para o tránsito definitivo cara a morte.
Pero… aínda hai persoas para as que a cultura é tan importante que é capaz de moldear a súa forma de ver o mundo, vivir e morrer? Pedro Almodóvar defende que si, en gran medida, porque para el o cine, a música e a literatura son elementos fundamentais da súa historia persoal.
A arte de outros non só modula a súa propia arte, senón a súa mirada cara os demais. A habitación do lado, ao igual que a maioría de películas que rodou na última década, amosa unha gran desconexión co mundo real, co que é cotiá para a maioría das persoas. Pero é que Almodóvar xa ve a sociedade só a través do cine e das súas amizades, seguramente tan desapegadas coma el do que sucede nunha rúa un martes ás 9 da mañá.
Fai isto que o seu cine sexa peor? Na miña opinión, non. A Almodóvar non lle importa captar o pulso do actual, A habitación do lado ao igual que Dor e gloria, a súa mellor película en case 20 anos, fala del, das súas obsesións, da súa incapacidade por comprender que pasa nas sociedades actuais (o auxe da ultradereita, a crise climática), da súa vellez, das pantasmas do seu pasado, da súa propia conversión nunha pantasma en prácticas.
A pesar de que cada vez haxa nas súas películas máis secuencias fóra de ton e un pouco vergoñentas (a da comisaría, case tódolos flashbacks…), é indubidable que segue sendo capaz de facer gran cine. En A habitación do lado hai secuencias dunha pureza estilística exquisita.
A habitación do lado
Dirixida e escrita por Pedro Almodóvar
Reparto: Julianne Moore, Tilda Swinton, John Turturro