TRADUCCIÓN
Mapa de estradas lendario de Islandia. Jón R. Hjálmarsson (trad. da versión inglesa de Moisés Barcia). Rinoceronte Editora, 2019.
por Mario Regueira
A relación da cultura galega con Islandia foise estreitando moito nas últimas décadas, en parte pola fortuna de contar con embaixadores excepcionais como o poeta e tradutor Elías Portela, pero tamén é de xustiza recoñecer a liña islandesa que desenvolveu desde os seus inicios unha editora como Rinoceronte. A eles debemos a maior parte das obras da súa literatura ás que puidemos acceder en galego nestes últimos anos e é o seu editor o que asina a tradución (mediada, neste caso, pola versión inglesa) dunha peza tan peculiar como a que nos ocupa nesta ocasión.
O libro de Hjálmarsson preséntase como un “mapa de estradas” ou “guía de viaxe”, un espírito ao que responde fundamentalmente na súa estrutura, onde cada capítulo recolle contos e lendas dunha parte da illa. Esa perspectiva refórzase nas continuas referencias contemporáneas ás vías de comunicación, especialmente as estradas, con indicacións que permiten localizar os escenarios asociados a cada conto. Esta característica concédelle ao libro unha grande orixinalidade, xa que vai alén da colección clásica de lendas e non traizoa o seu espírito de “guía” ou “mapa”, mantendo a súa potencialidade como referencia para abordar unha viaxe diferente.
Se pensamos que as compilacións de contos e lendas populares xogaron un papel importante na construción nacional de moitos pobos europeos durante o século XIX, resulta tentador relacionar estas vellas coleccións co proxecto de Hjálmarsson, entendendo este como unha actualización dun folclore popular pensado para un novo país. A independencia de Islandia, formalizada nun proceso con datas clave tan achegadas no tempo como 1918 e 1944, deixa unha nación cun vínculo inmenso co contexto cultural nórdico, pero tamén coa necesidade de construír unha identidade propia diferente. É posíbel que a ese contexto pertenza unha proposta destas características, unha especie de versión para o século XX dun acervo cultural cunha ligazón local moi marcada.
Porque é esa outra das características desta obra: as lendas que recolle están afastadas das vellas sagas e da grandilocuencia mitolóxica do universo nórdico. Moi polo contrario, o que atopamos son versións cotiás con moitos dos seus elementos, sinaladamente elfos e trolls, xunto con outros máis raros ou asociados ao territorio. Da mesma forma, a historia da illa vibra en moitas das pezas, como na referencia ás granxas e aos colonos, que remiten á primeira poboación humana. Tamén sorprende, polo inusual, o antagonismo que aparece entre os cregos cristiáns (ás veces con poderes máxicos propios) e os bruxos escuros, se cadra memoria dunha cristianización conflitiva. Heroes, bandidos, espectros e pactos co demo: o libro de Hjálmarsson é un catálogo de conto popular, posto en galego coa riqueza léxica e o coidado minucioso ao que nos ten acostumado o seu tradutor.