Comecei a concibir a necesidade de escribir un texto teatral sobre as guerras o día 16 de marzo do ano 2022, cando coñecín a noticia de que as forzas rusas bombardearan o Teatro Dramático de Mariùpol, destruíndoo totalmente e masacrando a centos de persoas que se refuxiaban nel, considerando inocentemente que un edificio así non sería bombardeado.
A reacción internacional foi case unánime, non se fixo nada pero declarouse moito: “Despois de meses de rigorosa investigación, análise de imaxes de satélite e entrevistas con decenas de testemuñas, chegamos á conclusión de que o ataque foi un claro crime de guerra cometido por forzas rusas”. “Moitas persoas resultaron feridas ou perderon a vida neste desapiadado ataque. É probable que as súas mortes foran causadas polo ataque deliberado das forzas rusas a civís ucraínos”. “A Corte Penal Internacional e todas as demais instancias que teñen competencia en materia de crimes cometidos durante este conflito deben investigar este ataque como crime de guerra. Todos os responsables deben render contas por causar tanta morte e destrución”. En fin, palabras e máis nada.
Eu aportaría o que podía aportar e debía traballar nun texto que fora unha traxedia ao estilo shakespeariano (salvando as distancias). Quérese dicir, unha traxedia aderezada de comedia e ironía para dulcificar as arestas tráxicas.
Quería facer un texto teatral que tratara sobre a guerra, sobre todas as guerras, as pasadas, as presentes e as futuras, as guerras das nacións e os pobos, as guerras das tribos e as guerras das persoas, dos seres humanos, guerras exteriores pero tamén, se fora posible, as interiores. Mais debía tratar a guerra de xeito teatral, como as guerras das obras de Shakespeare, ou de Bertolt Brecht, ou Lope de Vega, ou Carderón, ou as carlistas de Valle Inclán, ou as imaxinadas escenicamente por Lorca. O teatro debe tratar tamén os temas que atinxen á realidade e, nestes momentos, as guerras reais, crueis, ilóxicas e desoladoras sempre, arrodéannos e mesmo se instalan no corazón de Europa.
O ser humano ten que reflexionar sobre isto e o teatro é a mellor palestra para facelo. Desde logo que debe entreter, pero tamén concienciar. E desde a maior humildades pero desde a ambición máis saudable, iso é o que pretendín con esta obra, iso é o que pretende “Guerra”: entreter concienciando.
E así foi, aos poucos, construíndose este texto teatral onde se cadra o máis difícil foi concibir as personaxes, porque estas anúncianse como actores ou actrices: actor shakespeariano, actor brechtiano, actriz valleinclaniana, actriz lorquiana, moza, diva do teatro musical, pero realmente máis que actores ou actrices son a esencia das personaxes de teatro que supostamente representan. Polo tanto, actores e actrices como a encarnación de personaxes, pero de personaxes múltiples e variadas, de tal xeito que unifican as súas esencias para sublimalas. A construción destas figuras alegóricas ten a dificultade de esencializar un número incontable de personaxes para construír un denominador común, pero para iso é mellor deixarse guiar pola intuición antes que emprender un estudo detallado e minucioso de todas as personaxes posibles que aparecen nas obras dos autores referenciados.
É, sen dúbida, a alegoría dalgunhas personaxes masculinas e femininas da dramaturxia europea e universal. Estes autores: Shakespeare, Valle Inclán, Lorca, Brecht, Lope ou Calderón, son referencias intuitivas como pautas internas que forzan a expresión dunha maneira determinada dándolle un senso concreto. E, partindo da situación na que se atopan: un teatro totalmente destruído polos bombardeos nunha guerra absurda e total, como símbolo e alegoría da vella Europa, hoxe destruída. Un teatro no que vivirán sempre, como espazo, universo único e excepcional no que enmarcan as súas experiencias e inquietudes. Unha realidade actual trasladada a unha alegoría eterna e substancial.