Gene Hackman, un grande do cinema

Foise Gene Hackman. Moi posiblemente, para os que non son cinéfilos este nome non lles diga nada. Pero, para os que somos amantes desta marabillosa arte que é o cine e xa temos unha certa idade, é o nome dun dos grandes. Dun deses actores que, como no seu día foron James Cagney, Humphrey Bogart, Henry Fonda, James Steward, Marlon Brando, Alec Guinness, Lawrence Oliver, etc, e outros que seguen sendo como Michael Caine e Morgan Freeman, son quen de converter calquera película nunha obra de arte ou cando menos nun produto cinematográfico apetecible de saborear, de ver.

Poida que a algúns (moitos?) lles parezan esaxeradas as miñas avaliacións (comparar a Gene Hackman con eses monstros da interpretación?), aos que eu lles diría que lle pregunten a Clint Eastwood (“Sen perdón”, “Poder absoluto), a Woody Allen (“Outra muller”), a Francis Ford Coppola (“A conversa”) ou ao seu vello amigo e compañeiro de esmorgas Dustin Hoffmann (“O xurado”) que clase de actor foi Hackman.

Hai actores cun talento tan descomunal que calquera dos seus actos, dos seus xestos, dos seus diálogos, dos seus movementos é unha lección de interpretación.

Lin nalgún sitio que cando estaba rodando “Fort Apache” John Ford lle pediu a John Wayne que se fixase en como andaba Henry Fonda. Algo que a Wayne, un tipo bastante chulo, lle produciu sorpresa e tamén algún enfado. Mais tarde rematou por darlle a razón ao mestre, pois comprobou que hai actores cun talento tan descomunal que calquera dos seus actos, dos seus xestos, dos seus diálogos, dos seus movementos é unha lección de interpretación.

É posible, podo aceptalo, que Gene Hackman non chegara á altura dun Henry Fonda (o meu actor favorito), pero afirmo que foi un dos grandes, “un actor coma a copa dun pino”. Como proba, aí están as xa citadas “Sen perdón” e “Poder absoluto”, ás que engadiría “Superman”, “French connectión” (nun duelo interpretativo con Fernando Rey), “A conversación”, “Morde a bala”, “A esposa comprada” (onde forma un duo interpretativo xenial nada menos que con Liv Ullmann), “Bonnie and Clyde”, “A noite se move”, “Roxos”, “Arde Missisipi”… películas todas moi distintas que esixían tamén diferentes interpretacións que para ser convincentes esixían ter talento, talento interpretativo con maiúsculas. Talento para dotar aos seus personaxes ben de tenrura, ben de lascivia, ben de agresividade, ben de dozura… O que non está ao alcance de moitos actores. Porque aínda que Gene Hackman poida deixar na nosa lembranza aquelas interpretacións nas que fixo de home duro, masculino, incluso cruel, na súa nómina hai outras interpretacións distintas como as de perdedor, de home débil e inocente… Algo que só está ao alcance de actores sublimes.

Como moitos outras grandes actores, e actrices, Gene Hackman ten películas para esquecer, películas mediocres que, a pesar diso, merecen ser vistas só pola súa presenza.

Como moitos outras grandes actores, e actrices, Gene Hackman ten películas para esquecer, películas mediocres que, a pesar diso, merecen ser vistas só pola súa presenza. De cantos actores e actrices se pode dicir o mesmo?

P.D.: No relato de películas nas que aparece este actor seguramente botedes en falla algunhas. Normal, pasa con tódolos grandes actores que sempre nos esquecemos dalgunha das súas interpretacións… memorables.