G de greguería

Tense dito que a poesía experimental é unha forma artística que integra poesía e artes plásticas, explorando imaxes, tipografías, cores, espazos e demais elementos visuais como parte esencial da obra, indo alén da poesía verbal tradicional,  na fronteira de xéneros como pintura, teatro, música e poesía, creando unha síntese artística que pode incluír poesía visual, poesía concreta, poemas-obxecto, entre outras formas. 

O caligrama é un tipo de poema visual en que as palabras, versos ou frases son organizados no papel para formar unha figura relacionada co tema do poema. Así, o aspecto visual e a disposición tipográfica son tan importantes como o contido textual, creando unha fusión entre o que se le e o que se ve. 

Na literatura galega a poesía experimental é un fenómeno que gañou relevancia especialmente a partir das décadas de 1960 e 1970, coincidindo co declive da poesía socialrealista e a procura de novas formas de expresión poética. Os exemplos de Manuel Antonio, Manuel Luís Acuña, mesmo de Vicente Risco, brillan ao fondo como estrelas distantes que sinalaron a través das décadas un camiño.  

Obras como Viet Nam Canto de Uxío Novoneyra introducen o experimentalismo fónico e gráfico, mentres que outros poetas exploran o expresionismo e o verbalismo surrealista, afastándose do coloquialismo e da retórica social dominante ata ese momento.  

Esta evolución non supuxo unha ruptura abrupta, senón unha transición onde a preocupación pola linguaxe, polos recursos formais e pola dimensión estética do poema gañan protagonismo. Os poetas comezan a experimentar coa disposición gráfica, a sonoridade, a intertextualidade e a referencia a culturas e linguas estranxeiras, abríndose ás influencias das vangardas internacionais. 

 A poesía experimental galega abrangue manifestacións como a poesía visual, o caligrama, o experimentalismo fónico, o poema-acción e outras formas híbridas, seguindo a liña das vangardas europeas e latinoamericanas, especialmente a poesía concreta brasileira e as propostas de poetas como Mallarmé ou Joan Brossa. 

Libro excepcional en palabras do seu prologuista, X. M. A. Cáccamo, este G de Diego Cousillas Novo, publicado por Laiovento, conecta con toda esa tradición, tanto propia como allea, nunha obra que reverbera enxeño e aptitude, para darnos un libro singular e sorprendente. A linguaxe, na súa tripla dimensión, acústica, gráfica e de concepto, sometida a unha exploración insólita que impacta non tanto polo seu atrevemento como polos resultados visuais e imaxinarios, nese territorio en que o soño se confunde coa perturbación perceptiva, abríndonos a novos horizontes intelectivos que ata entón ficaban velados pola forma convencional de escribirmos as palabras, de transmitirmos os sentidos a elas asociados.  

Celebremos este libro que nos reverte para a continxencia da linguaxe, do suxeito e da conciencia, lugares abruptos do impensado e da sorpresa. E celebremos o seu autor, no arrebato da mocidade e do talento. 

G  
Diego Cousillas Novo 
Editorial Laiovento 
Compostela, 2024 
Número de páxinas: 130