A primeira muller que escribiu novela en galego

“Realmente, unha literatura que ten por principal representante a unha muller ben podía contar cun bo mangado de escritoras. Endebén, son poucas as que podemos mencionar. Antre elas, Francisca Herrera cede somente a Rosalía.” Con estas palabras abre Ricardo Carvalho Calero o epígrafe dedicado a Francisca Herrera na súa Historia da Literatura Galega Contemporánea (Galaxia, 1981, p. 493), a quen sitúa no capítulo VIII “Os Epígonos”, en que refire a obra de dezasete autores, entre eles unha soa muller, Herrera, sendo a ela e a Lugrís, aos que adica máis espazo no seu estudo. 

Carvalho enxalza a súa lírica poñéndoa á par da de Rosalía e sinalando cal é a gran diferenza entre as dúas: “Francisca Herrera é coma unha Rosalía a medias, porque Francisca é toda feminidade, e a Rosalía das mellores Follas Novas… é extraña á irrenunciable condición de muller da autora de Néveda. Por suposto que os valores femininos que ela refrexa i esalta son os valores tradicionás, feitos de mansedume, dozura, resignación e sacrificio.” (p. 495) Certamente, estas palabras, contestadas xa por Rosalía no poema que abre Follas Novas (clarividente), conteñen a resposta á pregunta que nos podemos formular diante deste volume da obra en galego da primeira muller en escribir novela na nosa lingua e ser nomeada integrante da RAG: por que non fora abordada antes a edición crítica da súa obra? 

Camiño Noia completa esta resposta no seu Limiar, en que dá conta do seu interese pola obra de Herrera, por ser un “exemplo de afouteza e forte personalidade” e porque “se atreveu coa narrativa, sen modelos que imitar” (p. 20). 

Noia detense tamén en falar do esforzo lingüístico que debeu realizar a autora de Néveda, quen, para alén de ter que superar a ausencia dunha normativa coma todos os seus coetáneos, fíxoo desde un ambiente castelán falante, conservador, e bebendo dunha oralidade que lle ofrecía a un tempo dúas realidades diatópicas diferentes: o límite entre as falas do bloque occidental e central. Porén, como recolle Camiño Noia no capítulo “Biografía”, estes atrancos non empecen unha lingua que foi louvada entre outros por Risco, como se pode ver no seguimento das recensións por el realizadas. 

O esforzo lingüístico, a decisión da autora ou a necesidade de visibilizar a súa obra e os seus logros non lle impiden á editora perseguir a obxectividade na análise, o que comprobamos cando lemos as notábeis diferenzas que sinala entre Herrera e Castro para completar a visión de Carvalho: “o ritmo e a rima que envolven de eufonía os poemas rosalianos apenas aparecen nos da coruñesa, que, en xeral, mostra escaso dominio da musicalidade, priorizando o discurso á eufonía.” (p. 202) Noia recolle tamén os desgustos da autora cando a súa obra non acada a proxección que ela entende merece, ou porque “Convencida de que a súa visión do mundo é a correcta, non pode entender que os valores que transmite nos seus textos ideoloxizados por un catolicismo tradicional non concorden cos tempos en que vive.” (p. 243) 

Chega así a nós este voluminoso volume (permítanme a redundancia) coidadosamente editado, unha xoia para filólogas e amantes da literatura, que nos vai permitir por primeira vez, repito, que nos vai permitir por primeira vez ler toda a obra que a autora escribiu no noso idioma. Sorprendente? Respondería que estes esquecementos non sorprenden xa cando de escritoras falamos. E estou certa de que Camiño Noia se lanzou a esta empresa xustamente para reparar este silencio, desta volta grazas á iniciativa e mecenado de Areal López, descendente e afillado de Francisca Herrera, e contando coa colaboración de Antía Monteagudo e Manuel Vilaboa. 

O silencio tamén acompañou á autora en vida e se fixo especialmente incómodo tras o seu nomeamento como académica a proposta de Manuel Murguía. Noia é especialmente incisiva neste capítulo da vida de Herrera, e non podía ser doutro xeito. Se foi proposta como académica en 1945, por que non chegou ler o discurso de entrada que entregou ao mes de seguinte de se lle comunicar o ingreso? Noia sinala que por misoxinia, pois non lle parece suficiente a neglixencia que argumentou, por exemplo, Casares. Só a misoxinia, o feito de ter realizado o nomeamento dunha muller por estética, mais sen convencemento, é o único que pode explicar que fosen pasando os anos sen que se axilizasen os trámites, como ben explica a editora, e que a autora falecese en 1950 sen ocupar a cadeira que lle correspondía. 

Non é a primeira vez que Camiño Noia edita e investiga a obra de Herrera. Xa en 1981, cando Edicións Xerais lle encarga a edición de Néveda, entrevista a dúas amigas e unha curmá que lle permitiron caracterizar a personalidade da autora. É o primeiro libro que publica como editora, logo virían os seus traballos sobre o conto galego, verdadeiras alfaias que lle valeron recentemente o recoñecemento de Mestra da Memoria concedido pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Netes anos tamén publicou a antoloxía poética Palabra de Muller (1992), A Historia da tradución galega (2004) ou A nova narrativa galega (1992), ensaio que parte do que fora a súa tese de licenciatura lida en 1968, un traballo dirixido por Carvalho Calero que foi “a primeira tese de licenciatura escrita en lingua galega presentada na Universidade Española” (p. 9). Nesta relación incompleta de obras escritas e editadas por quen foi a miña profesora de lingua na Universidade de Vigo nos anos 80, debe nomearse tamén o volume publicado pola UVigo na súa homenaxe, no ano 2012, baixo o título Sementar para os que veñan. Homenaxe a Camiño Noia, que dá conta do traballo desenvolvido infatigabelmente e, talvez, non sempre debidamente visibilizado, como ás veces nos sucede ás mulleres no mundo académico. 

Esta edición da Obra en galego de Francisca Herrera supera as mil páxinas encadernadas en tapa dura. É unha edición non venal case na súa totalidade (900 exemplares) e só un cento deles serán distribuídos en libraría. Conta cun prólogo do editor que tamén achega unhas notas biográficas, mágoa que non teña empregado a lingua en que a súa antepasada escribiu ao francés Lebesgue (como el mesmo destaca). 

A catedrática Camiño Noia, que asina o “Limiar”, é a responsábel da “Biografía”, a “Análise da obra” e os criterios de edición. No epígrafe “Análise da obra”, recupera un artigo de Carme Ríos Panisse titulado “Néveda”: primeiro acerto lingüístico e estilístico na novela galega”, publicado orixinalmente no número 90 de Grial, no ano 1985. 

O volume inclúe os libros de poesía Sonrisas e Bágoas (1913), Almas de muller… Volallas de luz (1915), Flores do noso paxareco (1919), a poesía publicada en xornais e revistas e nove poemas inéditos. Ademais cinco pezas narrativas, a novela Néveda (1920), as novelas curtas A y-alma de Mingos (1922) e Martes d’Antroido (1925) e os relatos A neta da naipeira (1925), Contos da montaña (1922). 

Benvida sexa, pois, esta edición crítica que nos permitirá coñecer mellor a obra de Herrera e valorar a contribución de Camiño Noia ao estudo da literatura galega. 

Obra en galego 
Francisca Herrera y Garrido 
Edición de Camiño Noia Campos 
Editorial Layren, 2024