Luns 27, Xuño 2022
HomeCulturaFLORENCIO DELGADO GURRIARÁN. Retrato en claroscuro

FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN. Retrato en claroscuro

por Armando Requeixo

Non negando, de xeito absoluto, ningunha das tres razóns, coido que merecen matizarse, pois só así se fará xustiza aos méritos do homenaxeado (que os ten, ninguén o dubida), mais tamén se calibrará o alcance destes e o que cabe esperar supoña a figura de Delgado Gurriarán unha vez pase este ano de conmemoracións e homenaxes.

O compromiso político de Delgado Gurriarán proseguiu no exilio mexicano, pois alí axudou a redactar e negociar o Pacto de Galeuzca (1944), acolleu na súa casa nalgún momento a Castelao, Alonso Ríos e Suárez Picallo e, con outros, estivo detrás de moitas iniciativas e publicacións nacionalistas.

Certamente, o autor valdeorrés foi un “activista político” dende a primeira hora. Xa nos anos 30 estivo presente na Irmandade Galeguista Valdeorresa e ben pronto manifestou simpatía polas posicións do Partido Galeguista, pois en 1931 coñeceu nun mitin en Valdeorras a Alexandre Bóveda e en 1934 asistiu en Ourense á III Asemblea anual do PG en representación de Córgomo-Portela, onde se atopou con Castelao. Esta inclinación nacionalista aínda se veu máis afirmada co seu ingreso no PG en 1938, para logo continuar ao longo de toda a contenda bélica, que pasou entre territorio republicano e terras francesas, axudando á causa da República de diferentes maneiras, mais todas elas de notoria implicación (foi secretario de Propaganda do PG, colaborou coa Subsecretaría de Armamento e tamén co Servizo de Información Periférico do Estado Maior de Terra e ata estivo na fronte da batalla do Ebro). Este compromiso político proseguiu no exilio mexicano, pois alí axudou a redactar e negociar o Pacto de Galeuzca (1944), acolleu na súa casa nalgún momento a Castelao, Alonso Ríos e Suárez Picallo e, con outros, estivo detrás de moitas iniciativas e publicacións nacionalistas.

E se o seu activismo político é innegable, tamén hai que lle agradecer o seu “labor cultural”. Deixando a un lado por agora a súa obra poética, non cabe dúbida de que contribuíu a botar a andar importantes iniciativas na diáspora mexicana. Poño por caso: as revistas Saudade (1942-1953) e Vieiros (1959-1968), o Padroado da Cultura Galega en México (1953), a Irmandade Galeguista (1942), a Asociación A Nosa Xente, o Ateneo de Galicia ou a audición radiofónica Hora de Galicia (1952). Pero todas estas plataformas nin se sostiveron só pola entrega (loable, xaora) de Delgado Gurriarán, nin tampouco foi el quen as capitaneou, aínda que a súa presenza sexa ben estimable, por suposto.

Ende ben, o feito de que o de Valdeorras estivese decote ao carón doutros compañeiros de angueiras nas amentadas e noutras iniciativas explica a intención de RAG de homenaxear, por medio súa, “outros colegas que desenvolveron iniciativas sobranceiras que mantiveron vivo o facho da nosa identidade” en México. Mais esta circunstancia, tamén digna de todo recoñecemento, non xustifica, per se, a designación de Delgado Gurriarán; ou, se se prefire, non é unha razón que sosteñan unicamente os seus méritos, o que tampouco obvia a participación valiosa que nestas empresas tivo o escritor.

Deixei para o final a terza das consideracións que animou ao plenario da RAG na súa designación: a súa cualificación como “excelente poeta que foi cultivador dun galego enxebre, característico das terras de Valdeorras”.

A intención de RAG de homenaxear, por medio de FDG, “outros colegas que desenvolveron iniciativas sobranceiras que mantiveron vivo o facho da nosa identidade” en México, non é unha razón que sosteñan unicamente os seus méritos, o que tampouco obvia a participación valiosa que nestas empresas tivo o escritor.

Aínda que non son dialectólogo profesional, coido que é acertada a súa estimación como un autor que soubo tirar partido da fala da súa bisbarra e, segundo os entendidos, a gramática, o léxico e a paremioloxía do escritor confirman tal aseveración.

Agora ben, penso que é moito máis opinable defender que en Delgado Gurriarán teñamos un “excelente poeta”. Excelente de xeito absoluto ou en comparación con quen? Excelente respecto do seu tempo e lugar ou con independencia destes parámetros? Excelente cualitativa e/ou cuantitativamente? Excelente pola recepción histórico-crítica canonizadora da súa obra ou polo masivo da súa lectura? Excelente é, como mínimo, un cualificativo discutible.

Poeta de estética discreta, oportuno e xeracionalmente ecoico

Non é este o foro para unha inmersión crítico-estética no asunto, que precisaría de fonduras que nunha publicación non especializada non veñen ao caso e que necesitaría, amais, dunha extensión que tampouco aquí é recomendable. Así que me conformarei con anotar unhas cantas observacións para que se entenda mellor por que defendo que Delgado Gurriarán é un poeta estilisticamente discreto, oportuno sociohistoricamente e xeracionalmente ecoico.

É un poeta de estética discreta porque non poucos dos seus versos xogan cunha rítmica na que falta puído, na que se deslizan ripios evidentes e na que a selección léxica e as reiteracións son notorias, alén do recurso a imaxes tópicas e a unha sintagmática previsible, que é de todo menos creativa.

Que dicir cando un le versos coma estes do poema “Amores”?: “O sol, quente como as pallas,/ ao ver núa a noiva terra/ bicouna con beizos de ouro/ e tivo cópula co’ela./ Dispois, morta de vergoña,/ do amor non querendo froito,/ coa súa comadre xiada/ púido amañar un aborto”. É enlevado este xogo de símiles: “Teu cabelo é viño branco / os teus beizos viño tinto (…) ¡Quixera beberte a bicos!”. Supoñen unha avance para a escrita do seu tempo estes fraseos do poema “Laios de vello”: “Ai, aquil “agarradiño”!/ Ai, aquila muiñeira!/ Ai, aquiles coleados! Ai, aquilas habaneras!/ Ai, aquil “Tu aliento es suave”, e “Entre rosas y azucenas”/ cousa que nas rondas de outrora,/ namorabamos ás nenas!…/ Hoxe a beilar coma os pretos,/ xa todo se escozomelan…/ ¡E as cantarenas de agora/ non se acomparan cás vellas”! En fin, non seguirei, aínda que os exemplos poderían multiplicarse por ducias.

É un poeta oportuno sociohistoricamente porque soubo pulsar a lira (para)vangardista na Preguerra, estivo presto á musa combativa do socialrealismo na (Pos)guerra máis fera e foi quen de afacerse ao intimismo telúrico e evocador nos tempos democráticos. Isto é: fixo en cada tempo o que o mainstream da intelligentsia literaria ditaba que había que facer, mais evitou a poesía que se saíse das correntes adoitas, da estética prevalente, das temáticas que o sistema fomentaba.

É un poeta de estética discreta porque non poucos dos seus versos xogan cunha rítmica na que falta puído, na que se deslizan ripios evidentes e na que a selección léxica e as reiteracións son notorias, alén do recurso a imaxes tópicas e a unha sintagmática previsible, que é de todo menos creativa.

E foi un poeta ecoico porque en cada momento, con cada estética cultivada, non fixo senón seguir as derrotas que outros —estes si orixinais e pioneiros— xa marcaran: Bebedeira (1934), talvez o seu poemario máis compensado, non pode agochar as súas débedas imitativas do hilozoísmo de selo amadocarballiano. Canto a Galiza infinda (1963), Cantarenas (1981) e O soño do gueiro (1986), resultan uns do reaproveitamento parcial dos outros, polo que a poética hidráulica está á orde do día. Á parte: ensaian, en non poucos versos, a música cívica, por veces de barricada, aprendida en Celso Emilio, en Seoane, en Lorenzo Varela e noutros que xa sinalaran (e ben sinalado) o camiño. E cando se sae desta senda e tenta o poema de insercións crioulas, non supera os logros dun Avilés de Taramancos. E se xoga ao sensual e erótico, hai moito ascendente (e descendente) co que non resiste a comparanza. E outro tanto pode dicirse dos excursos neotrobadorescos (que habendo Bouza Brey ou Cunqueiro ben servidos están), das composicións tardomodernistas e neorromantistas (xa caducas no tempo que el as practica e de sobra vistas en Cabanillas e noutros) ou dos efluvios telúricos (incomparable, no seu tempo, Novoneyra), por non falar dos versos sociolingüísticos que nalgún outro momento o ocuparon, con certeza eficientes para o adoutrinamento antidiglósico, pero de moi dubidoso acerto retórico. En resumo: foi unha voz na corrente do coro, nunca un solista.

Coda final

E, secasí, celebramos neste 2022 a Florencio Delgado Gurriarán. E ben está que así sexa, pois malia o que aquí deixo escrito, son da opinión de que calquera intelectual do noso pasado que se significase na loita a prol da nosa lingua, a nosa escrita e a nosa cultura merece un e mil días das Letras Galegas. Por iso aplaudo a iniciativa da Real Academia Galega. E fago votos para que siga ofrecéndonos a escusa perfecta para (re)ler e recordar figuras estimables como a deste valdeorrés que pasou os seus oitenta e tres anos de vida convencido de que “Galicia é infinda!/ Nosa Galicia é máis ca toda a Terra./ Non é xa o cativo currunchiño/ que din escolas vellas./ Cómprenos desbotar antigos erros,/ fillos de mente estreita:/ Galicia é infinda!”. Quen así pensa é, tamén, infindo e ha contar, sempre, co meu recoñecemento.


 

 

 

 

 

 

 

 

 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]