Flares of Life, primeiro EP de Helena Egea

Helena Egea, a artista pontevedresa afincada en Santiago, presenta Flares of Life, un disco de duración estendida en formatos físico e dixital que supón o seu primeiro lanzamento de peso. No EP de cinco cancións inclúense dous temas inéditos (The Forgotten, What Can I Do), ademais de tres que xa saíran como adianto en plataformas (Glass, It Just Happened Again, Arrolo).  

O proxecto de Helena Egea xoga co poder e a paixón da voz solista como unha das principais bazas, inspirándose na obra de mulleres como Aretha Franklin, Nina Simone ou Janis Joplin. Non obstante, a súa música non implica exclusivamente unha viaxe nostálxica, senón unha axeitada actualización destes e outros referentes.  

Egea sentiu unha necesidade de expresión mediante a música dende que era nena, cursando o grao profesional de violín até 5º e continuando por libre estudos de voz, piano e guitarra. Despois de curtirse con diferentes grupos de rock e blues en Barcelona e Santiago de Compostela dende 2017, Helena Egea renace como solista en 2020 tras gañar o segundo premio dos Premios á Xuventude da Deputación de Pontevedra. Logo de debutar con banda na praia de Riazor (Festival Noroeste), consolídase agora neste formato, cun grupo composto por Jorge Álvarez (guitarra), Kike Calzonetti (baixo), Manu Gómez (teclados) e Nico Rodrígez (batería).  

O repertorio fálanos de reflexións sociais, vivencias propias e historias evocadas con imaxes, utilizadas como medio de catarse e autodescubrimento. As cancións están escritas principalmente en inglés e galego, fluindo arredor dos mundos do jazz, o soul, o blues, o folk e o rock. O EP pretende reflectir esta variedade estilística e musical que xa dera a coñecer nos adiantos previos, buscando arestora a coherencia do discurso e os puntos de unión que permitan identificar un selo persoal e conxunto do seu son.  

En palabras da propia Egea, “Flares of life é o resultado desas emocións que nos atravesan nos retrincos da vida, coma faíscas de luz. É unha viaxe que comeza na desesperación e os sentimentos que nos levan a condutas nocivas, segue coa confusión, tratando o amor propio, e convida á reflexión dende a tristura de observar o rápido que xira o mundo, mentres a empatía se dilúe. A evidencia de que podemos quedar esquecidos como quedan tantos. Recolle tamén a tenrura e o cálido dun amor de irmá e, por último, a rabia de perder aquilo que tivemos e  esvaece: a desesperación, de novo, por voltar conseguilo”.  

O disco foi gravado e producido por Juan de Dios en Estudios Mans, e vaise estrear en directo o vindeiro 14 de febreiro no clube Riquela de Santiago.  

Flares of Life  
Helena Egea  
Autoeditado, 2024