O domingo 6 de Setembro clausurábase no Teatro Principal de Compostela a séptima edición do xa imprescindible Plataforma. Festival de Artes Performativas. A entrega do Premio Plataforma 2026 -unha fermosa peza creada pola ceramista Verónica Moar- foi un emocionante recoñecemento a Ana Gesto, pioneira e referente da performance no noso país e artista vinculada ao festival dende os seus inicios, no xa paradigmático 2020.
Aplaudimos de pé un cálido discurso onde a performadora lembrou, entre outras cousas, da frase que lle escoitara a unha transeúnte tempo atrás. A muller, topando co sorpresivo traballo de Ana a pé de rúa, comentou: ¨Hai xente que non chega ao cen por cen¨. Esta oración despectiva foi transformada pola alquimia artística nunha homenaxe a todas esas persoas que non chegan, que non chegamos ao cen por cen. Con todo, custa deixar de preguntarse qué será iso de chegar ao cen por cen. Ao cen por cen de qué? de quen? para qué? contra cantos?
Unha cousa parece clara: non completar a espectativa social do sistema obriga a transitar as marxes. Nese sentido, resulta especialmente grato lembrar que para os ¨iluminadores¨ dos fermosos libros medievais, as marxes eran sempre espazos de liberdade. Lugares onde a imaxinación podía desbordar a orde establecida dando pé á ensoñación de novos e magníficos mundos. Esa sensación de liberdade creativa foi a que sentín eu durante os 3 días nos que participei do taller de performance, na Sala Agustín Magán. Liberdade creativa alimentada pola sorte de compartir a experiencia con quince compañeiras únicas. Tamén pola dádiva dese sorriso xeneroso que brota, constante, do corazón luminoso de Ana. No segundo día de encontro pensei: ¨Quero vivir nun taller de performance de Ana Gesto¨. Ao parecer non era a única.
Saíndo dende a estatua de Lorca -unha vez rematada a crónica danzada de Álvaro Murillo e Alejandro Vega- e camiñando cara atrás, deuse inicio a unha inusitada viaxe de apertura lúdica cara a infinitos sentidos e novas posibilidades.
Xuntámonos do 2 ao 4 de Setembro, de 10h a 14h, para aprender sobre os ´parámetros esenciais que definen a formalización performativa´: espazo, tempo e presenza. Que pode ser máis importante? Ademáis, convidóusenos a levar para o primeiro día cadanseu obxecto cotiá. E así, cuns cantos utensilios anódinos, iniciamos a experiencia inmersiva, creativa, lúdica e irremediablemente humana, que nos levou a transitar por espazos, tempos e a fundamental escoita amorosa feita dende a presenza. Todas eramos alí un coro creativo co obxectivo común de reinventar o noso pequeno mundo cotiá.
Chegado o día, no domingo que se clausurou o festival, a iso das 12:30, tivo lugar na alameda compostelá a Mostra de resultados do taller de performance de Ana Gesto. O acontecemento foi un itinerario poético que atravesou o emblemático lugar da cidade, resignificando e reencantando recunchos coas pezas performativas cociñadas no taller. Saíndo dende a estatua de Lorca -unha vez rematada a crónica danzada de Álvaro Murillo e Alejandro Vega- e camiñando cara atrás, deuse inicio a unha inusitada viaxe de apertura lúdica cara a infinitos sentidos e novas posibilidades. Pois, como dixo no seu discurso Ana Gesto, lembrando as palabras dun dos seus referentes máis queridos, Bartolomé Ferrando: ¨a performance non ten sentido, crea sentidos¨. E qué falla nos fan.
Impacto xeracional
No mesmo día da clausura do Festival, ás 20h, a compañía Enésima levou ao Teatro Principal a peza de danza-teatro Transparentar, de Bal Castro e Inés Santos. Técnicamente impecables, os dous artistas mostraron un traballo que profunda no drama desatado pola adición ás pantallas e á vida on-line da xeración de Cristal. A xeración Z. Dá igual a letra que se lle poña X, Y, Z… Alfa, Omega… O sistema sempre quere ionquis e, por momentos, parecía estar pasando diante de nós a mítica Trainspotting de Danny Boyle ou os menos glamorosos heroinómanos que caían como moscas (desaparecían) preto da praza de abastos da miña vila durante os 80.
A música de Babykatze e David Lois atravesa toda esta reflexión que baila sobre algunhas problemáticas que condicionan ás novas xeracións: o futuro incerto pola ruptura do pacto xeracional, a fraxilidade da saúde mental provocada polo vicio ao espello negro e unha corporalidade desconectada de si mesma (impresionante o movemento npc de Bal e Inés que perdura ao longo da peza enteira).
Todo acontece entre unha néboa da que emerxen os bailaríns-actores con cadanseus móbis e tamén un aro de luz que adquire por momentos un simbolismo sinistro. Un novo Moloch que absorve, implacable, a tenra esencia de dous mozos sabedores, malia todo, de que o pesadelo rematará cando consigan axeitarse no abrazo. Corazón con corazón. A dor e a ironía describen o pulso desta peza na que as X puidemos gozar do lynchiano momento no que Inés, (lembrando a Rebekah Del Rio) canta o desgarro da depresión, transportándonos de inmediato ao clube Silencio, onde tamén foron benvidas algunhas letras máis.





