[41º Festival de Almada] Compromiso e afectos 

O teatro e os espazos de convivencia aliméntanse mutuamente. Aínda estou dixerindo todos os nutrientes que recibín no 41º Festival de Almada 2024. Decátome de que este alimento non procede exclusivamente da programación de espectáculos e actividades complementarias, senón de dous aspectos fundamentais que caracterizan este festival. Por un lado, a organización a cargo dunha compañía de teatro, o que redunda nunha calidez e coidado humanos moi diferentes ao estilo máis frío e formal dos festivais organizados por institucións ou empresas desvinculadas do oficio da creación. O aire desenfadado e o amor polas artes escénicas séntense en todos os detalles, no trato e nas conversas co público, invitados e artistas. Por outra banda, contan cun espazo social, para comer e beber a prezos populares, con mesas longas, onde sentas xunto a artistas e veciños de Almada, no patio do Colexio D. António da Costa, que está anexo ao Teatro Municipal Joaquim Benite.  

Alí, de súpeto, coñeces a xente como Teresa Cayolla Porto e Maria José Albarran Carvalho, coas que aprendo moito sobre a historia recente de Portugal, que se converteron en amigas, porque desfrutamos falando das relacións entre a historia de Galiza e a de Portugal, as nosas linguas e culturas irmás. Por suposto, tamén falamos sobre os espectáculos que vemos. Sentas a comer diante dunha muller e dun home de Almada que che preguntan de que parte de Portugal es. Dislles que es da Galiza e despois cóntanche as conexións entre a canción protesta portuguesa, a galega e a española e tamén che din cales son os espectáculos que máis lles gustaron dos que viron no festival e por que.  

Sans tambour de Samuel Achache é un espectáculo de música e teatro, en simbiose cun dispositivo escenográfico que reproduce a casa dun matrimonio en crise, que se vai esborrallando, entre os Lieder de Schuman, tocados por un conxunto instrumental en directo, e fragmentos de Tristán e Isolda. 

Oito espectáculos ben diferentes 

Dos catorce días que dura o festival, do 4 ao 18 de xullo, estiven alí cinco días, do 10 ao 14, e puiden ver oito espectáculos ben distintos: Sans tambour de Samuel Achache (Théâtre des Bouffes du Nord. Francia), Black Lights de Mathilde Monnier (Compagnie MM. Otto Productions. Francia), Além da dor de Alexander Zeldin, dirixida por Rodrigo Francisco (Companhia de Teatro de Almada. Portugal), Full Moon de Josef Nadj (Bureau Platô. Francia), Relative Calm de Robert Wilson e Lucinda Childs (Change Performing Arts. Italia), Entrelinhas de Tónan Quito e Tiago Rodrigues (HomemBala. Portugal), Crisi di nervi, tre atti unici di Anton Cechov dirixida por Peter Stein (Tieffe Teatro Milano. Italia), e Manuela Rey Is In Da House de Fran Núñez (Centro Dramático Galego. Teatro do Noroeste – Centro Dramático de Viana. Galicia & Portugal). 

Sans tambour, de Théâtre des Bouffes du Nord (Francia)

Sans tambour de Samuel Achache é un espectáculo de música e teatro, en simbiose cun dispositivo escenográfico que reproduce a casa dun matrimonio en crise, que se vai esborrallando, entre os Lieder de Schuman, tocados por un conxunto instrumental en directo, e fragmentos de Tristán e Isolda, desde un humor incrible, próximo ao absurdo. 

Black Lights de Mathilde Monnier pon en foco e nos corpos de oito bailarinas, de constitucións e procedencias moi diversas, outros tantos relatos breves sobre abusos sexistas. Trátase dunha peza de danza que nos desacouga e que harmoniza, dun xeito perfecto, dicción e movemento. 

Além da dor de Alexander Zeldin, dirixida por Rodrigo Francisco, métenos na crueza dunha fábrica de procesamento de alimentos, na quenda nocturna, coas traballadoras da limpeza. Trátase dun realismo extremo, sen concesións, sobre a explotación humana e a falta de saídas ou horizontes, cunha clase traballadora degradada polo sistema capitalista depredador. Só unha certa tenrura entre elas pode atenuar o impacto. 

Full Moon de Josef Nadj lévanos ás orixes da danza e da humanidade, a través de sete bailarines de diversas culturas africanas e del mesmo como figura alegórica enmascarada. 

En Relative Calm de Robert Wilson e Lucinda Childs reencontrámonos coa súa estética depurada, de xeometrías que nos liberan de ocupacións e preocupacións. Unha calma relativa porque nos intermedios do tríptico tres voces, incluídas as deles, citan frases desacougantes de Ninjinsky. 

Entrelinhas de Tónan Quito e Tiago Rodrigues é unha filigrana textual, con xogos de palimpsesto, mise en abyme e matrioska, nunha especie de bucle feiticeiro no que até o teatro semella desaparecer ou confundirse. 

Manuela Rey Is In Da House de Fran Núñez foi o único espectáculo do Estado español programado. Unha ponte entre Galiza e Portugal, a través da recuperación da figura da actriz mindoniense que formou parte do primeiro elenco estable do Teatro Nacional D. Maria II de Lisboa, onde se converteu nunha estrela. 

Crisi di nervi, tre atti unici di Anton Cechov dirixida por Peter Stein é un espectáculo moi ben feito, de moldes clásicos, nos que a comedia parece brotar do drama de cores escuras e cinsentas. As tres pezas breves de Chékhov: O urso (1888), Dos malefícios do tabaco (1886) e O pedido de casamento (1889) escenifícanse no seu contexto histórico, desde unha interpretación brillante. 

Manuela Rey Is In Da House, do Centro Dramático Galego

Manuela Rey Is In Da House de Fran Núñez foi o único espectáculo do Estado español programado. Unha ponte entre Galiza e Portugal, a través da recuperación da figura da actriz mindoniense que formou parte do primeiro elenco estable do Teatro Nacional D. Maria II de Lisboa, onde se converteu nunha estrela. 

Dúas exposicións, un curso formativo e coloquios 

Puiden, ademais, ver dúas exposicións: “¡Liberdade! Liberdade! A Revolução no Teatro”, comisariada por Nuno Costa Moura (Museo Nacional do Teatro e da Danza de Portugal), que se centra nas iniciativas teatrais dunha década fundamental entre a Ditadura e a democracia, entre 1972 e 1982. Teatro universitario, compañías afeccionadas e profesionais tomando posición contra a censura e, máis tarde, abríndose a experiencias artísticas rompedoras vinculadas a ao teatro europeo, expresión desa vontade de liberdade na que insiste de xeito exclamativo o propio título da mostra. Unha instalación documental onde imaxes e breves textos nos informan dunha evolución que tamén foi unha revolución, ao ritmo da dos Caraveis. Se algo de especial ten esta exposición é que nos axuda a percibir como a través do teatro xa se estaba a impulsar a revolución que sacaría ao país das tebras. 

Castanheira converte a instalación nunha especie de Paraíso do Xardín das Delicias, no que se combinan figuras teatrais con fotografías dos rostros de artistas vinculados a A Barraca, desde o propio Lorca, até Saramago ou Bertolt Brecht, pasando por actrices e actores, como Maria do Céu Guerra, Mário Alberto ou Hélder Costa. 

En 2024 cúmprense 50 anos do 25 de abril de 1974. O 41º Festival de Almada celébraos rendendo homenaxe á compañía A Barraca de Lisboa polo seu cincuentenario, coa instalación do escenógrafo José Manuel Castanheira, titulada “Um sonho de Federico García Lorca em Lisboa”. A modo de teatro popular e colorista de monicreques, Castanheira converte a instalación nunha especie de Paraíso do Xardín das Delicias, no que se combinan figuras teatrais con fotografías dos rostros de artistas vinculados a A Barraca, desde o propio Lorca, até Saramago ou Bertolt Brecht, pasando por actrices e actores, como Maria do Céu Guerra, Mário Alberto ou Hélder Costa. 

Ademais, o 41º Festival de Almada, como en edicións anteriores, ofreceu un curso formativo baixo o epígrafe “O sentido dos Mestres”, que este ano estivo centrado na dramaturxia con Rui Cardoso Martins; as conversas dos “Encontros da Cerca” no Convento dos Capuchos, arredor do tema “Creación, ideoloxía, identidade”; pola tarde os “Coloquios na Esplanada” con artistas dalgúns dos espectáculos programados; etc. Este ano non puiden asistir a todas estas xuntanzas e coloquios, porque me dediquei basicamente a ver espectáculos e a escribir sobre eles. Este traballo fíxome perder algunhas desas actividades complementarias, pero tamén debo dicir que non me quedou máis remedio que facer deste xeito. Cando vexo algo que me afecta, que me fascina, que me sorprende, que me emociona e me fai pensar, entón teño que escribir e compartilo. É coma se me sentise obrigado a facelo, coma se non me quedase outra opción. Non escribo porque mo digan ou porque me paguen, fágoo por vocación, porque me gusta, porque aprendo e desfruto, porque ao escribir sobre un espectáculo afondo, a través da análise e da reflexión, na experiencia artística que me brindou. 

Os premios Carlos Porto 

Neste sentido, recibín a feliz noticia de que este ano me concederon o Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto, que está dedicado á prensa especializada, organizado polo Concello de Almada e o Festival. Foi debido a un artigo publicado na erregueté online sobre A equipa de Afonso Cruz e Rui M. Silva, presentado no 40º Festival de Almada 2023. Curiosamente, trátase dunha obra que é un exemplo do mencionado: o espectáculo afectoume tanto que necesitaba escribir sobre el, foi un dos que máis me tocou daquela edición do festival. É curioso, porque non escribín nada sinalándoo, nunca digo cal é o espectáculo que máis me conmove e procuro non establecer xerarquías en función dos meus gustos persoais ou das miñas vivencias máis íntimas. Porén, algo diso se debe filtrar para que, ao final, un xurado plural e diverso, como o deste Premio, se fixe nese artigo e non noutros da miña autoría. O mesmo pasou hai uns anos, en 2020, cando me concederon unha Mención de Honra polo que escribira sobre Mary Said What She Said de Robert Wilson, con Isabelle Huppert, publicado en Artezblai. El Periódico de las Artes Escénicas en 2019. 

Está claro que todo o que concirne ao teatro, cando funciona, nos afecta e nos implica até ao fondo, e iso acaba por translucirse no que somos e no que facemos. 

Por iso, que o Festival de Almada estea feito por xente do teatro inflúe directamente na calidade e na calidez e acaba por implicarnos, porque é a partir de aí, do compromiso vital, dende onde se fai.