A FIL 25 de Buenos Aires, a simple vista, é maior cá de Guadalaxara e, por razóns históricas, moito máis importante para Galicia: os galegos emigrados a México foron moi poucos en canto Galicia se desangraba cara a Cuba e Arxentina. De feito, na Quinta Provincia Galega sabíase que este ano coincidían aniversarios importantes para a cultura do Impaís Desgobernado: 75 anos desde a morte de Castelao, xenio único, irrepetible, e da creación de Galaxia, editorial que sorprende nas Américas pola súa resistencia ao tempo, á insidia franquista e á falta de política lingüística galeguista nos tempos de autonomía.
Alá se desprazou un grupo de escritores e xestores editoriais que non soamente farían as súas funcións propias, profesionais. Partillaron actos de galeguismo oficialista, da Xunta e da Academia, e outros de galeguismo cordial no Centro Galicia, na Federación de Asociacións Galegas e (o máis emocionante) nos centros galegos “menores”.
Pobreza: ao entrar nos pavillóns da feira xa chocan as editoriais de libros a prazos pois a xente non ten para pagar un libro.
¿Que fixeron centos de miles de emigrantes galegos na Arxentina para que ese país siga a ser “o de sempre”? Con perspectiva de quen hai cincuenta anos apareceu alí, cando as bandeiras da República presidían as entidades galegas, pouco farían porque, no fondo, a “Gran República Austral” segue retratada nos versos corrosivos de Cambalache.
O primeiro que choca é a cuestión do diñeiro: seguen a funcionar as cuevas de cambio, aínda que agora só admitan euros, dólares e reais brasileiros. Xubilados galegos que mal arrastran vida con medo ao “geriátrico” hoxe confesan que nunca foran tan pobres. Pobreza: ao entrar nos pavillóns da feira xa chocan as editoriais de libros a prazos pois a xente non ten para pagar un libro e —iso si— estamos nun país de lectores en papel: ao longo da noite na Avenida Corrientes continúan abertas as librerías, de novo e vello. Unha feira do libro con máis dun millón de visitantes —que pagan entrada— acaba de pintar o panorama.
¡Quen nos dera no Impaís dos Cosmopailáns termos a mesma proporción de neofalantes que alá atopamos!
Blanco Amor e Neira Vilas son exemplos da inmensa cantidade de galegos sen formación intelectual que se culturizaron no Gran Buenos Aires. Aquí tomaron conciencia de si propios, entenderon a súa diferenza vital lendo en castelán e mesmo chegaron a escribir en galego. ¿Canto lle debe Galicia a Cuba e á Arxentina? Ser como é: antes, terra de emigrantes desexosos de mellorar vidas; agora, terra de acollida para descendentes daqueles, afundidos nuns sistemas sociais desastrosos.
Mais, polo menos, na Arxentina non houbo confiscacións comunistas e velaí o Centro Galicia co seu Colegio Santiago Apóstol, o Centro Galego recomposto na súa función hospitalaria, a Federación de Asociacións Galegas nun edificio dignísimo e os centros xeitosos aos que nos convidaron a transmitir ideas e sentimentos da Galicia de hoxe. ¡Quen nos dera no Impaís dos Cosmopailáns termos a mesma proporción de neofalantes que alá atopamos!
O deostado Fraga —don Manuel I de Galicia e a Diáspora— repetía sobre o dos Peares “ese señor nunca leu un libro”; e as preguntas logo xorden: ¿ninguén do PPdeG leu Sempre en Galiza?
No Centro Galicia inaugurouse a exposición de Castelao e Buenos Aires, De “Sempre en Galiza” a “Alba de gloria”. Houbo discursos medidos como corresponde a quen os deron, ao oficialismo, a algo tan incrible coma que un partido de dereitas españolistas se atreva a asumir o que representa Castelao. O deostado Fraga —don Manuel I de Galicia e a Diáspora— repetía sobre o dos Peares “ese señor nunca leu un libro”; e as preguntas logo xorden: ¿ninguén do PPdeG leu Sempre en Galiza? Seguindo no Centro Galicia, ante A Derradeira Leición do Mestre, ¿como pode manterse firme ollándoa alguén ao servizo da Madriespaña aznarista?
En fin… Mellor pasar ao edificio contiguo, o do Colegio Santiago Apóstol, que se proclama Gallego, que ensina galego a unha colectividade de nenos e rapaces decepcionados cando veñen a Galicia, ao comprobaren que os galegos das súas idades non saben do idioma o que eles chegan a aprender en Buenos Aires.
O Colegio acolle escritores, responsables de liña editorial de Galaxia e mesmo dous expertos na intelixencia artificial da que se valen os estudantes dos últimos cursos. Para abraio dos conferenciantes, entre os alumnos hai unha boa proporción con riscos de “raza” coreana (é un colexio de elite, nada barato e a comunidade coreana ten cartos). O abraio chega ao seu colmo coas preguntas destes mocetes: ¡fanas en galego! Comprenderan o que un vello enxeñeiro de Telecomunicación lles dixo no idioma que non vale para as Ciencias segundo a Xunta: a IA nunca terá límites éticos nin morais. O seu límite é o gasto enerxético da xestión dos centros de cálculo e das redes que comunican o mundo globalizado…
O stand da Xunta de Galicia na FIL está ben situado, moi digno en tamaño e presentación. Aquí ninguén dos visitantes pregunta como en Guadalaxara “¿qué quiere decir Ksunta de Galicia?”. As actividades sucédense sen descanso. Todas elas teñen público galegófilo. Hai expectación sobre a conferencia do presidente da Academia Galega, con título que proe, A Situación actual da lingua galega: desafíos do presente.
Entre todas as editoras arxentinas presentes nos pavillóns da Feira, ¿non habería algunha interesada nas obras que nacen na lingua dos gayyegos?
Rotunda presentación do catedrático de Socio-Lingüística. Datos que non permiten esperanza por moito que se queiran ver coa mellor intención, a do presentador. E intervención de público: ¿que se pode esperar dun sistema educativo que exclúe falarlles galego aos meniños das garderías? ¿Que esperar da CRTVG, cuxos locutores neocastrapean con fonética castelá e pronuncian Feikhó? O máximo responsable da Xunta no acto tenta introducir argumentos sobre a validez das enquisas acerca dos falantes. Seica é o seu deber de home do partido.
Entre os presentes no acto hai comentarios posteriores: os datos coidadosamente presentados polo presidente da Academia non son completos. Falta neles a proxección do máis negro do panorama: Galicia está inzada de inmigrantes aos que a galeguidade tanto lles ten, que non precisan do galego para nada na súa vida cotiá. De seguirmos co galego no ensino como lingua allea, de non se facer a inmersión lingüística inescusable, ¿que se pode esperar?
No reconto do acontecido na FIL 24 da Buenos Aires cómpre dicir que Castelao e Galaxia foron nomes —e labores— espallados desde o stand da Xunta, as salas de conferencias dela, no sempre acolledor Centro Galicia, en varios dos outros trinta centros galegos que se manteñen nunha mestura de orgullo e saudade… Mais non se produciu algo fundamental nas feiras: a venda de dereitos de obra a editoriais presentes no acontecemento anual.
¿E cal é a obriga do sistema editorial galego? ¿Cal é o deber da Administración Galega ao respecto? Contarlle ao mundo como, milagrosamente, non se deixou de producir obra no “Ecce Homo dos Idiomas” desde cando Cunqueiro falou das mil primaveras.
Entre todas as editoras arxentinas presentes nos pavillóns da Feira, ¿non habería algunha interesada nas obras que nacen na lingua dos gayyegos? Diversos países con lingua minoritaria investiron na tradución das obras nacionais á relay language, o inglés, para facilitaren a proxección delas polo mundo. Segundo se comentaba fóra da feira entre expedicionarios galegos, non fai falta querer abranguer tanto. Non hai que pensar no inglés e en Frankfurt. Abondaría con enfocarse sobre o castelán e Buenos Aires.
Actúese logo con vistas á FIL BA 26 “e punto”, como diría o León de Vilalba.








