A mentira como estratexia para facer política contra o interese xeral é a radiografía que transloce o último traballo ensaístico de Manuel Monge, con Feijóo como suxeito político protagonista desta Biografía dun farsante (non autorizada). Biografía dun marxista (do Marx elocuente de principios variábeis) asinada por un autor valente e de principios éticos e morais sólidos.
Con todo, a lectura das máis de 300 páxinas deste volume transcende o propio personaxe principal, para reconstruír a biografía política de Galiza ao longo dos trece anos de Feijóo na presidencia da Xunta. A luz dos feitos documentados visibiliza unha Galiza que foi a menos, un país sacrificado, extenuado, hipotecado e sometido a un proceso de colonización persistente.
Fronte á estética manipuladora dun personaxe político construído nun decorado de espellos deformadores da realidade e sobreprotexido polos medios de comunicación, a comezar polos domeados públicos galegos, Manuel Monge achéganos o desenmascaramento da política indecente exercida polo Partido Popular en Galiza como preámbulo do que moitos agora andan a descubrir no Estado español.
Porque, para a sociedade galega, a recente campaña electoral das xerais pouco máis foi que unha réplica da deshonestidade e antipolítica do PP que Feijóo inauguraba naquel 2009 que nos trouxo até hoxe.
E moitos acontecementos vivimos desde aquela, por inacción ou omisión, por negación ou subordinación, por falta de confianza nas múltiples capacidades de Galiza desde o goberno liderado por Feijóo, entregado en abrazos aos intereses espoliadores dunha presa de consellos de administración.
Esta biografía presenta o catálogo de derrotas colectivas que asina quen tivo a honra de contar coa confianza da sociedade galega ao longo de trece anos. E cal foi a súa correspondencia?
Activar unha política en contra de Galiza, minguando o acceso público a dereitos básicos como sanidade, educación e coidado de maiores; descapitalizándoa economicamente agasallando as caixas galegas ao capital foráneo e eliminando un apoio imprescindíbel ao desenvolvemento e aforro galego; anulándoa industrialmente co maior feche de empresas e a incapacidade para abrir novos espazos de traballo e investigación; converténdoa nun deserto demográfico como país envellecido, achicado no volume de nacementos, insubstancial para reter a inmigración e co billete de saída do país na man da mocidade mellor cualificada da historia; sacrificándoa ambientalmente á depredación eólica; negando o presente e o futuro para a lingua e a cultura galegas.
Toda unha farsa de ficción representada no escenario “Galicia, Galicia, Galicia” como ensaio do actual “Madrid, Madrid, Madrid” interpretado a ritmo de chotis.
Feijóo. Biografía dun farsante (non autorizada)
Manuel Monge
Edicións Laiovento
Santiago, 2023