Tanto en Mimosas (2016) como en O que arde (2019) hai unha sensación permanente de ocaso. Sirât, a nova película do tándem Óliver Laxe – Mauro Herce asómanos definitivamente ao final de tódalas cousas, á crise final do mundo. Poucas obras audiovisuais teñen reflexado dunha maneira tan emocionante e asfixiante o que pode ser botarlle unha ollada ao abismo. Non sei se Sirât é unha película que anticipa o cine que vén, pero si transmite a sensación de aventurar o que está á volta da esquina.
Tras máis dun século de cinema estamos fartos de ver películas e series apocalípticas. A historia dun pai e dun fillo en busca da filla e irmá perdida a través do deserto en compañía dun grupo de descastados que saltan de rave en rave non é o que canonicamente entendemos como unha historia apocalíptica. Porén, as imaxes de Laxe e Herce transmiten moito mellor esa sensación de final de percorrido. Quizais isto sexa o que máis me fascina dunha película que te asolaga e que se queda pululando pola túa mente durante días.
Supoño que o esperable dunha crítica nunha revista galega sobre un filme dun cineasta galego galardoado en Cannes é unha laudatio total. Pero Sirât non é unha película perfecta, é algo moito mellor: un filme estimulante e que convida ao debate.
Estamos ante unha película profundamente escura, moito máis do que o eran as anteriores obras de Laxe. De feito, un pode preguntarse que queda da luminosidade de Todos vós sodes capitáns (2010) na ollada de Óliver Laxe.
De feito, se Sirât non cae no negrísimo buraco que conforma o binomio cinismo-nihilismo no que viven instalados cineastas como Lars von Trier (Bailando na escuridade, 2000; Dogville, 2003) ou Ruben Östlund (Forza maior, 2014; O triángulo da tristeza, 2022) é porque Laxe ao diferenza deles non é un misántropo. El, ata na fin dos días, é capaz de apreciar a bondade no rostro alleo, a sinceridade nas verbas do que está enfronte, a emoción no mirar do outro.
Precisamente, ese humanismo subterráneo que atravesa o cine de Óliver Laxe é o que fai que os plot twists (Laxe e Fillol escribindo xiros dramáticos excesivos! Quen o viu vir?) non provoquen que a película se precipite montaña abaixo cara o abismo da crueldade. Mais o risco está aí durante toda a parte final de obra.
As imaxes que confecciona o cineasta conseguen aterrorizarte e facer que conteñas o alento? Si, a plasticidade de Laxe brilla máis que nunca, pero recoñezo que as decisións narrativas que tomaron ao escribir o guión prodúcenme moitas dúbidas nun plano ético. Non porque resulten incómodas as imaxes, senón polo propósito das mesmas.
Pero como sempre sosteño neste recuncho, benvido o cinema que nos convida a dubidar, a reflexionar e a cuestionarnos. Sirât dende o logo o acada. Unha das películas máis clarividentes sobre a delirante fuxida cara adiante na que estamos inmersos.

Sirât
Dirixida por Óliver Laxe
Escrita por Oliver Laxe e Santiago Fillol
Reparto: Sergi López, Stefania Gadda, Jade Oukid





