Luns 19, Abril 2021
HomeCulturaEXTRAVÍO E CALIGRAFÍA

EXTRAVÍO E CALIGRAFÍA

NARRATIVA
Corazón de manteiga, de Xavier Queipo. Editorial Galaxia. Vigo, 2020. 212 páxinas

 

por Manuel Forcadela

Desde aqueles libros iniciais dos anos noventa, o autor leva máis de trinta anos de escrita fecunda e modulada por un estilo propio, por veces difícil de situar, mais que responde ás expectativas dun galego cidadán do mundo, atento á súa contemporaneidade, que fixo da escrita na lingua do seu país un modo de vida e de manifestación do propio crecemento e, tamén, de rigor co compromiso ético debido.

Cada vez é máis difícil contar, comenta unhas das voces narradoras, a do aprendiz de bruxo, da presente novela. E enténdese que esta dificultade non só atinxe ao contar en si, como actividade de produción textual, como ao obxecto dese contar. E ese obxecto do que se quere contar non é outro que o Eu. O dificil de contar non está en falar ou en escribir senón en imaxinar, en evocar. En construírse  a un mesmo a través da palabra.

Estamos, por tanto, perante unha escrita introspectiva que activa un determinado relato do Eu. Mais a voz principal, a dominante na xerarquía da enunciación, axiña tomas distancias por respecto ao autor, porque ese Eu revelásenos deseguida como “eu, o neno Mauro”.

Hai, pola contra, certa dilación que parece querer deixar no lectorado a sospeita de que nese ego hai unha especie de testaferro narrativo, un boneco co que brincar neste teatro de simulacións e de verdades que é sempre toda narrativa e onde as maiores ficcións agachan as maiores certezas e a maior das confidencias se nos pode revelar como unha impresentable mistificación. Circunstancia esta que só se nos aclarará ao final, cando entendamos quen é o “aprendiz de bruxo” que nos fala no primeiro e no último dos capítulos e quen aqueloutra voz que nos fala no resto do discurso.

E por aquí asoma un dos temas principais: o Extravío. Porque o neno Mauro, soñador e enfermizo, moi atento sempre na súa observación do mundo, é moi dado ao extravío, á levitación, ao esvaecemento.

Unha existencia convetida en relato que serve de base para a construción da cadea de feitos e acontecementos e á que se lle van engadindo diversos complementos segundo o poder evocador da propia linguaxe literaria resulte máis ou menos poderoso. Como o caso da filloa feita pola nai que leva o narrador a un xogo de evocación no que subxace, mesmo de xeito paródico, a magdalena de Proust.

Un personaxe que se individualiza comeza un relato que xa non pode transmitir. De feito o seu é un discurso que optou por ficar inconcluso mais que agora poderemos rematar. Relatar é sempre concederlle un certo estatuto ontolóxico ao narrado, mesmo que sexa o estatuto ontolóxico da fantasía e do soño. O neno Mauro é, en grande medida, o neno que fomos moitos de nós e, ao mesmo tempo, non é ningún de nós, nin moito menos o propio Xavier Queipo.

Caligrafías que se obteñen do tempo e da linguaxe unha vez superadas ou non as súas vontades de extravío.


 

[td_block_7 f_header_font_transform=”uppercase” ajax_pagination=”next_prev” sort=”” category_id=”” custom_title=”Novidades”]