Sábado 3, Xuño 2023
HomeCulturaESTE CHEQUE NON PAGARÁ O MEDO A MORRER

ESTE CHEQUE NON PAGARÁ O MEDO A MORRER

BANDA DESEÑADA

Carvalho. La soledad del manager. Hernán Migoya e Bartolomé Seguí. Norma Editorial, 2019. 80 páxinas

 

por Manu Barreiro

Nesta segunda entrega das aventuras en banda deseñada de Pepe Carvalho, o personaxe creado por Vázquez Montalbán, un vello coñecido de cando nos tempos mozos traballara para a CIA aparece morto cunhas bragas no peto. O historial de mullereiro e festeiro da vítima non axuda, mais a viúva non cre a versión oficial da policía e contrata ao detective, que axiña descubre o complicado do caso e os poderes fácticos que vai ter que enfrontar.

Este álbum, que adapta a segunda novela da serie creada polo escritor catalán, consolida o éxito da primeira entrega. A solvencia de Migoya e Seguí, a parella de autores, afiánzase neste libro para construír unha historia sólida, entretida e vibrante que fará gozar a quen guste do xénero e non defraudará aos que se acheguen dende a novela orixinal.

O traballo de Migoya é ingrato. Facer a adaptación dun autor tan recoñecido esixe un delicado equilibrio entre o alleo e o propio, unha sorte de adulterio consentido nun teatro cheo de voyeurs. A obra e o adaptador saen ben parados. Migoya reconstrúe a novela para a linguaxe da banda deseñada con habilidade e oficio. Os personaxes aparecen sólidos, respectan os códigos paradigmáticos do xénero de detectives e secundarios coma Biscuter van collendo importancia, até o punto de que na coda do libro temos unha mini historieta que conta como aquel remata sendo empregado de Carvalho. Seguí pon o ramo cun impecábel traballo de debuxo no que, unha vez máis, capta con acerto e estética a luz dos distintos escenarios onde transcorre a novela, desde Barcelona a Las Vegas. Un debuxo maxistral que é dinámico e moderno sen perder o pulso visual do bo cine dos setenta. Narrativa e visualmente, os autores continúan a liña iniciada co anterior volume, a través do que conseguiron crear un estilo xa desde entón recoñecible para o público. Se as vendas acompañan, a saga asentaría con nome e vida propios, máis alá de Vázquez Montalbán e da novela só escrita da que beben.

Amais dun relato de xénero, Carvalho é a crónica da España que vive o protagonista. O caso sucede na etapa predemocrática, polo que a súa narración fala tamén da tristura e do medo arraigados nas catro décadas de ditadura, das incertezas e da desesperanza convertida en conformismo, esa que ule a derrota e a incenso de igrexa de arquitectura desarrollista e cura comunista, a 1977, aos receos das elites coa democracia, a imperialismo de baixa intensidade, a manifestacións nas rúas e a policía franquista en plena orxía caníbal pese á apocalipse do porco. Asoma unha fina ironía nos diálogos e o ton anarco-derrotista tan propio deste detective que se identificaba a si mesmo como charnego. Esta BD transmite á perfección a habilidade de Montalbán para retratar de xeito realista e brutal a podremia da España posfranquista.