Escribir a catro mans

Sempre se dixo que o oficio de escribir é algo intimista, unha actividade solitaria e persoal, que cada autor ou autora traballa encerrándose no seu propio mundo e tratando de evitar calquera interferencia externa que provoque un distanciamento coas musas. Pero non sempre é así. De cando en vez xorden traballos en coautoría, algo ao que estamos bastante acostumados no mundo, por exemplo, da investigación, pero tan difícil de atopar no eido da creación literaria. Excluímos intencionadamente desta reflexión a ilustradores ou fotógrafos, que decote comparten un mesmo espazo cos escritores dando lugar a propostas ben interesantes. Aquí do que falamos é de escribir a catro mans. E por iso sorprende que dúas propostas que responden a tales parámetros coincidan no tempo. Máis aínda nun sistema literario coma o galego, tan pouco proclive a este tipo de colaboracións. 

Podiamos pensar que a primeira das referencias que traemos a estas páxinas é, en realidade, un traballo de investigación. Pero non é verdade. Ou si, pero presentado de maneira moi literaria. O título pode inducirnos a engano: «De Esmelle a Ítaca. A pegada de Begoña Caamaño na reescritura mítica feminista», semella anunciar un tratado sisudo e farragoso sobre o papel dos mitos na escrita literaria da narradora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. Pero está asinado por dúas das nosas autoras contemporáneas máis sorprendentes, como son Emma Pedreira e María Besteiros. E iso xa nos dá unha pista de que os tiros van ir por outro camiño. 

De cando en vez xorden traballos en coautoría, algo ao que estamos bastante acostumados no mundo, por exemplo, da investigación, pero tan difícil de atopar no eido da creación literaria.  

Abre esta homenaxe tan distanciada das pautas habituais, un texto conxunto que nos amosa o marco teórico sobre o que se prantexa a proposta así como o seu carácter simbólico. De seguido, Emma acomete unha viaxe en tren ao estilo do «Divino sainete», de Curros Enríquez, saltando de vagón en vagón para descubrir distintos aspectos da escrita de Begoña. María Besteiros súmase ao xogo con algo similar, pero esta viaxe faina nun pailebote ao xeito de Manuel Antonio en «De catro a catro», na procura dun avistamento de baleas que non dá chegado. En ambas expedicións, as autoras estarán acompañadas por Begoña Caamaño (ou pola súa pantasma, se preferimos velo así), coa que manteñen diálogos profundos sobre distintos aspectos da súa escrita, do emprego da mitoloxía e da súa relectura dende un punto de vista no que a muller recupere o papel que lle foi negado polos relatos tradicionais do patriarcado. Para darlle unha completa unidade ao conxunto, Pedreira e Besteiros intercámbianse breves postais ao longo dos seus textos/viaxes, nas que cada unha delas informa á outra do acontecido durante o traxecto. 

O lector mergúllase, desta maneira, na súa propia viaxe á escrita de Begoña, guiado por dúas perfectas coñecedoras do seu traballo e do seu pensamento. A proposta é, a maiores, un convite á reflexión e á corrección das pautas que levaron a esa tradición de corte claramente patriarcal na elaboración dos mitos artúrico e homérico. E nesa travesía, ten un papel fundamental o empeño de Cunqueiro, e da propia Begoña (entre outros autores), en achegar eses personaxes a espazos coñecidos e recoñecibles para o lector, tal e como anuncia o título. Converter a illa de Avalon nunha aldea pesqueira da costa galega, ou a abadía de Glastonbury nun convento de Dodro, non é un simple capricho literario: é un esforzo de aproximación á historia, unha guía para que a nosa inmersión nas súas propostas resulte máis eficaz. 

Esta colaboración é un dos proxectos máis interesantes dos publicados en Galicia nos últimos meses. Pero dixemos que compartiu espazo con outro que tamén resulta tremendamente suxestivo, como é «Lovers», un pequeno enredo argallado a catro mans por María Xosé Porteiro e Alberto Avendaño. Neste caso o enfoque é moi diferente, pois é un xogo entre dous autores que foron quen de elaborar unha colección de relatos ben peculiar. Non se trata dunha simple recompilación de narracións de cada un deles, senón de algo máis elaborado: cada unha das partes deste dueto proponlle á outra un conto/argumento, que vai ser contestado/complementado/contrastado (ou o que xurda) polo receptor. Ou tal é a sensación que queda no lector. Deste xeito, a case trintena de relatos curtos redúcese considerablemente, pois cada historia preséntase en dúas metades complementarias. 

«Lovers» é, xa que logo, un xogo entre dous autores consagrados, un reto para compartir imaxinación, un enfrontamento literario sen vencedores nin vencidos, no que o lector é un espectador da contenda con butaca en primeira fila.  

A temática dos contos vén anunciada dende o título, pois todos eles falan, dun xeito ou doutro, dese sentimento universal que coñecemos como amor, e faino en todas as súas vertentes. Dende as máis apaixoadas, ata as máis etéreas: amor, desamor, traizón, fidelidade, sexo, encontros e desencontros, a pura atracción ou o sentimento máis sublime… todo ten cabida nesta colección na que non resulta difícil albiscar o enfoque masculino ou feminino en cada (parte do) relato. Non podemos esquecer que cada un dos narradores participantes ten o seu propio estilo e a súa propia visión do mundo, o que adobía estas narracións con elementos que, doutra maneira, dificilmente darían encaixado en cada peza. 

«Lovers» é, xa que logo, un xogo entre dous autores consagrados, un reto para compartir imaxinación, un enfrontamento literario sen vencedores nin vencidos, no que o lector é un espectador da contenda con butaca en primeira fila. E como bo xogo, vén aderezado con pingas de humor e de retranca espalladas entre as súas páxinas. En resumo: unha falcatruada curiosa e divertida que ofrece visións, ás veces antagónicas, dun mesmo relato.

Estes son os dous exemplos que anunciabamos de escrita catro mans, a escrita colaborativa. Pero insistimos en que non é o habitual no noso sistema literario. Por iso nos centraremos agora noutras propostas dos últimos meses que, pese a ser individuais, agochan un gran interese. Como o novo traballo de Antón Riveiro Coello, «Os abandonos», co que a editorial Galaxia tivo a ben inaugurar unha colección adicada ao autor limián, a «Biblioteca Riveiro Coello». 

«Os abandonos» conta a historia de Delfina, unha muller de idade avanzada, de carácter difícil e afectada pola demencia. As súas fillas preparan o seu ingreso nun centro especializado pero, no último momento, Delfina desaparece da casa. Mais esa fuxida resulta non ser o que asemella e as fillas descobren así unha nai moi diferente da que coñeceron na casa; mesmo o seu periplo vital se verá condicionado polas novas descubertas derivadas desa desaparición. 

A novela é unha reflexión sobre a dependencia e a saúde mental e como afecta ao individuo que a padece e tamén aos que o rodean; unha reflexión sobre a vellez e os coidados que non dubida en mergullarse sen complexos nas relacións familiares, nos segredos agochados e nas implicacións que o seu coñecemento poden desatar en todo o núcleo familiar. E iso, da man dun dos nosos escritores máis prestixiosos o que, xa de por si, é atractivo de interese e unha garantía de calidade. 

Outra proposta moi diferente é a que nos fai Iria Collazo en «A muller de mentira». A novela vén avalada polo premio García Barros e o que nos conta é o derrubamento dun matrimonio e como a protagonista –e relatora en primeira persoa– se ve arrastrada por unha sensación de soidade e de afastamento ata o punto de poñer en dúbida a súa propia realidade. 

Iria [Collazo] emprega un estilo directo e contundente, con afirmacións categóricas e moitas referencias literarias que axudan a comprender os acontecementos. Con todo, a escrita desta autora acostuma a ser precisa e delicada, e así se mantén nesta nova proposta. 

A historia está construída a partir de pequenos fragmentos que veñen sendo reflexións sobre os acontecementos que desembocan na ruptura ou sobre as súas consecuencias. No seu conxunto, reflicten a unha muller en evidente estado depresivo e que necesita reconstruírse páxina a páxina. Sobrevoan a narración un marido con exceso de narcisismo e unha sensación de inferioridade na muller que, en certo modo, está detrás da súa situación persoal. Mais, ao tempo, amosa unha forte afouteza que é a que lle vai permitir levar adiante esa reconstrución. 

Iria emprega un estilo directo e contundente, con afirmacións categóricas e moitas referencias literarias que axudan a comprender os acontecementos. Con todo, a escrita desta autora acostuma a ser precisa e delicada, e así se mantén nesta nova proposta. O seu ton é, por momentos, case lírico, o que nos axuda a enfrontarnos a unha trama tan dura sen grandes padecementos por parte do lector. 

E rematamos esta sección cun traballo que encaixaría na cualificación de «xuvenil», a pesar de que aquí non somos partidarios de tales categorizacións que poden acoutar o público receptor. Trátase de «RdeC», acrónimo da nosa matriarca das letras que dá título á nova obra de Eli Ríos. Así se denomina tamén ao planeta ao que se trasladan Suriña e a súa nai, as protagonistas desta distopía de ciencia ficción, pois a Terra está ao bordo do colapso a causa da contaminación e dun cambio climático que provoca temperaturas insoportables.  

Nesta nova colonia todo semella tranquilo e controlado, pero non tardarán en xurdir os primeiros agromos dunha sociedade hipercontrolada por un mando central e a necesidade dunha revolución baseada na sororidade e o respecto á diversidade. E nesa historia, Suriña ten un papel fundamental que deberá descubrir coa complicidade das súas novas amizades. 

As referencias a Rosalía son constantes ata chegar a se converter nunha personaxe máis desta historia, na que a sororidade e a forza feminina teñen, como en toda a literatura da autora, un espazo fundamental. 

Mais, como sempre dicimos, estas son só algunhas referencias que cremos interesantes para o lector. Pero hai moito máis entre todo o que se publicou en Galicia nos últimos meses que cadaquén pode descubrir visitando a súa libraría favorita.