Revelesencia. Revelación. Rebeldía. Reconexión | XII Escenas do Cambio 2026

Non é habitual que a directora artística dun festival invente palabras e cree conceptos motores, activadores e estimuladores, arredor dos que articular unha experiencia transcendente, emocionante e iluminadora. Se callar, isto é posible cando esa directora, que xestiona e programa, é unha artista que leva toda a súa vida poñendo o corpo no que fai, porque o corpo é o mundo e o seu substrato fértil. A danza crea realidades posibles extraordinarias. Neste caso refírome á coreógrafa e bailarina, entre outras moitas ocupacións, Kirenia Martínez Acosta. A ela se debe o concepto “Lostopía”, arredor do que estruturou a dramaturxia do XI Festival Escenas do Cambio 2025 (sobre o que xa escribín aquí), e o concepto “Revelesencia” sobre o que pivotou a XII edición de 2026, entre o 7 e o 10 de maio. 

Quen puidemos e quixemos desfrutar da experiencia ao completo, descubrimos fascinados os reflexos e as conexións que se daban entre as diferentes pezas programadas.  

Rocío Cibes

Quen puidemos e quixemos desfrutar da experiencia ao completo, descubrimos fascinados os reflexos e as conexións que se daban entre as diferentes pezas programadas. Alén da catarse producida por algúns espectáculos en particular, gozamos da catarse derivada da “anagnórise” (revelación) producida pola conxunción deses enlaces e reverberacións. A súa decantación é a “Revelescencia”. Para iso, ademais, contamos coa colaboración  e co coidado do Comando Dramatúrxico, formado por Amantia Coello, Julia Sueiro, Ginés Alén, Tyler McKechnie e quen isto escribe. Un grupo cómplice das artistas e dos públicos, encargado de tender pontes, expandir a experiencia, xerar pensamento, propiciar encontros, deixar pegadas, e darlle unha calidez especial ao evento. 

Entre eses reflexos e conexións, alén dos eixes curatoriais descritos por Kirenia no programa de man, estarían outros que brotan do ámbito da “Revelesencia”. Por exemplo, a inclusión non só das persoas e colectivos marxinalizados, como os pobos indíxenas das Américas, nas propostas de Martha Hincapié Charry: Hecatombe II – Movementos e rituais para a renovación do mundo e de Reinaldo Ribeiro: Arder épica (Cap. 1); a inclusión e participación dos seres máis-que-humanos, da paisaxe, do ecosistema natural e cultural, colaborando na creación de Laura Aris, Jakob Jautz e Jorge da Rocha: Horizontes errantes. A forza que inspira a danza de equilibrios míticos de iXa (Xián Martínez e Elena Castellanos), coa súa oda marítima en 52-Blau. Un prodixio no que a beleza camiña por riba das ondas, nunha peza na que as bailarinas e os bailaríns se xogan o tipo literalmente. Estarían as disidencias ás que calquera do occidente supostamente civilizado se somete, tragando e facendo concesións, aturando o que nos boten e gardando a compostura, tal cal a celebración punk coa que La Intrusa (Virginia García e Damián Muñoz) celebrou o seu 30 aniversario: Este himno llevará la palabra euforia. As disidencias dos corpos que non se adaptan á beleza e aos padróns da moda, así como as provocadas polos medos e prevencións illantes, tal cal as propostas de Juliana Reyes e Opsis Producións: Entrecruzad@s e a de Silke Z e ResistDance: Fear:Less. Corpos diversos movéndose e liberándose da “gordofobia”, do medo ao contacto, das ansiedades xeradas pola ausencia de comunidade, polas (auto)esixencias e polas (auto)explotacións en boga. 

A vida metida en 6 cápsulas con 6 historias sobre a soidade foi o cerne de La calidesa de Société Mouffette e Coma14. 

A vida metida en 6 cápsulas con 6 historias sobre a soidade foi o cerne de La calidesa de Société Mouffette e Coma14. Un dispositivo no que a dramaturxia dos obxectos, nunha especie de pequenos teatriños de xoguete, xunto ao relato contado aos ouvidos, fixo da frialdade dos túneles subterráneos da Cidade da Cultura, onde estaba instalado, unha lareira que nos aproximou. Saímos dela con ganas de abrazar e de compartir coas outras persoas que asistiron a esa experiencia.  

Manuel G. Vicente

Á resistencia necesaria das disidentes, das persoas negras, das mulleres, do colectivo LGBTIQA+, das persoas que sofren a soidade propiciada polo paradoxo da conexión dixital e da súa dependencia, súmanse a fragmentación que propicia o sistema de produción e consumo que impera no capitalismo e o perigo da desagregación comunitaria. Esas tensións atravesan as propostas de alta fisicalidade, tocando unha épica apoteótica, en El Vacío e en La Cura da Compañía Colombiana de Danza Contemporánea, con coreografías do cubano Julio César Iglesias Ungo. Nestas encontramos reflexos rituais non só no movemento e no ambiente sonoro e lumínico,  senón tamén nalgúns atributos simbólicos como os brazos e as mans negras tinxidas de branco e os peitos nus de ocre. En Hecatombe II de Martha Hincapié Charry, o ritual danzábao ela mesma, erixida nunha deusa, sobre a terra fresca, coas mans tinxidas de negro, en simultáneo coa trindade das pantallas e os vídeos abertos como xanelas a tres voces representativas de diferentes pobos indíxenas americanos. Algo diso fixo eco tamén no vídeo con imaxes do incendio do Museo Nacional de Brasil en 2018 e de toda a historia que alí ficou reducida a cinsa. Entre ela os restos da primeira muller da humanidade, unha homo sapiens chamada Lucy, en paralelo á historia familiar e persoal de Reinaldo Ribeiro, cun segredo relacionado coa súa nai, sublimándose no Samba feminino final en Arder épica (Cap.1). Espazos máxicos onde relato e memoria se recompoñen para liberarse de opresións e inxustizas como a homofobia, a misoxinia, o racismo. 

Dos pormenores que escintilaron entre os espectáculos, de xeito insospeitado e sorprendente, a min chamáronme moito a atención algúns. Por un lado os sorteos ou rifas populares.

Polo fío da memoria e da épica entra a volta aos escenarios de Hugo Torres, coa estrea de Black Box. Unha saga épica que pechou, no Salón Teatro, o festival, despois de catro días de intensidade, sorpresa e “Revelesencia”. Arredor da mesa, Hugo cociñou e partillou unha sopa e historias familiares nas que vitalismo e comunidade eran o prebe. Xunto a el, á mesa, alumnado da ESADG prestouse ao convite de facer algunhas accións performativas que, sen ilustrar nin representar, dábanlle un ton simpático e unha textura moi contemporánea á narración oral. Un xogo divertido, que pasa polo concurso, pola danza evocativa de viaxes e aventuras, pola recreación de encontros con raíñas e até de torturas e presidios. 

Rocío Cibes

Dos pormenores que escintilaron entre os espectáculos, de xeito insospeitado e sorprendente, a min chamáronme moito a atención algúns. Por un lado os sorteos ou rifas populares. Laura Aris, Jakob Jautz e Jorge da Rocha, en Horizontes errantes, deron números ás persoas que se prestaban a escribir nunhas tarxetas como imaxinaban un futuro esperanzador e introducilas nunha pota de facer o caldo. Despois eran escollidas a sortes e bailadas por Laura e Jakob. Máis tarde sortearon, entre os números dados, varias cápsulas de esperanza, que eran bugallas de carballo cunha mensaxe dentro. En Este himno llevará la palabra euforia de La Intrusa, Virginia García ofrecía rifas para levar hostias, e berraba: “Non se apuren! Hai hostias para todos!”. E, se cadra, algunha nos tocou, de xeito metafórico, que pode ser o máis eficaz. 

Así pois, non só se produciron ecos temáticos e conceptuais, articulados nunha retícula ou rede na que os corpos en acción foron o maior expoñente, espertando empatía e xogando coa química que só a co-presenza nos pode brindar.  

Por outro lado, na primeira parte de Entrecruzad@s de Opsis Producións e Juliana Reyes, mentres persoas de diferentes empaques facían fitness, coas súas caras de látex, entrou un gorila xigante, deses inchables de peluche, como personaxe alegórico quizais do subtexto desa sociedade de ximnasio, teléfono móbil e cirurxías plásticas. Na danza teatral e punk de La Intrusa, de repente, nunha euforia de creatividade explosiva, entra na celebración do aniversario, non só o pallaso terrorífico que andaba facendo das súas durante toda a peza, senón tamén un oso rosa xigante, outro inchable de peluche, e outra alegoría que se presta a múltiples lecturas.

Rocío Cibes

Así pois, non só se produciron ecos temáticos e conceptuais, articulados nunha retícula ou rede na que os corpos en acción foron o maior expoñente, espertando empatía e xogando coa química que só a co-presenza nos pode brindar. Tamén houbo reverberacións xeradas por elementos escénicos aparentemente illados, como os mencionados, ou os pasos de danza e movementos diversos. Por exemplo, os do dúo formado por Laura Aris e Jabo Jautz en Horizontes errantes, que traen consigo a pasaxe e o camiño, e os pasos de transcender limiares en El Vacío e en La Cura da Compañía Colombiana de Danza Contemporánea, nas coreografías de Iglesias Ungo. Tamén as dinámicas físicas de axitar, abalar, expulsar, atraer, no ritual de Hincapié Charry en Hecatombe II ou do “Pas de deux” en Fear:Less de Silke Z e ResistDance, no que os corpos se cargan, se pesan, se contrapesan, abalan as gorduras, conxuran os medos. 

Manuel G. Vicente

Houbo preguntas que se leron sobre o veo que velaba os tremores e a danza das respiracións temerosas en Fear: Less de Silke Z, pero tamén as houbo, en xeral, desprendéndose de accións teatrais e movementos coreográficos que posuían a rara calidade de conxugar claridade expositiva, dicindo e mostrando o que case sempre se cala, se tapa e se oculta, coa desinhibición salutífera da liberación e da revelación, co cuestionamento e a denuncia. Denuncia da extinción de culturas que configuran o nós ancestral e contemporáneo, de ecosistemas e paisaxes, aniquilando a diversidade. 

A calidez, o sentido de comunidade, a liberación, o recoñecemento das disidencias alleas e das propias son só algunhas das sensacións e das vivencias que puidemos desfrutar. Os efectos e os afectos producidos pola experiencia intensa propiciada por todo o festival van alén, segundo cadaquén. Un festival que segue sendo a punta de lanza das artes escénicas máis innovadoras e iconoclastas e que continúa facendo honra ao seu nome, porque é imposible saír igual que se entrou, sen que algo mudase en nós.