Para alucinar

Roland Schimmelpfennig é un deses autores cuxas pezas non só se caracterizan pola complexidade e a actualidade dos temas, estruturas e concepción dos personaxes ou das voces que actúan nelas, senón por imaxinar un teatro no que o propio teatro se deconstrúe como un xogo calidoscópico. Nese calidoscopio as escenas aparecen como refachos ou fulgores, breves e implacables, aferradas a situacións impactantes recoñecibles da realidade e, ao mesmo tempo, con fendas ou derivas de fantasía.

O marabilloso e o terríbel poden ser un dragón, representación áurea da creatividade coa que o ser humano se pode transcender a si mesmo. Igual que se pode transcender dacabalo do humor.

A dramaturxia e dirección de Ánxeles Cuña Bóveda articula unha especie de parábola moi lúdica que pivota arredor da historia dunha moa furada, que se converte no catalizador de situacións terribles e fantásticas, nas que a crueldade e o desvalemento humanos se amosan como algo que non só nos asombra, senón que tamén nos pode divertir. Aí o humor é fundamental para que a partida non estea perdida de antemán e porque neste xogo, aínda que sexa teatro, xogámonos algo.

A estrutura caracterízase por un ritmo trepidante debido á fragmentación e á duración dos segmentos que articula, que teñen varias re-exposicións posteriores, nas que se van engadindo ingredientes que completan a situación ao mesmo tempo que contribúen ao seu desenvolvemento. Nelas, ademais, as actrices e actores funcionan como xogadores dun xogo no que deben interpretar varios personaxes sen afáns identificativos psicolóxicos ao uso. As actrices teñen papeis de homes. Os actores teñen papeis de mulleres. Quen é novo fai papeis de vello e quen ten máis idade fai papeis de xente nova. Desta maneira, a obra é como un mecanismo de reloxería no que actrices e actores teñen que estar todo o tempo ocupados, facendo esforzos para que non haxa fallos de raccord, re-enganchando escenas e personaxes. Así pois, esa relación de tensión entre as partes e ese xogo metateatral, no que o elenco tamén narra moi brevemente os personaxes que interpreta, contribúen ao efecto de calidoscopio e alucinación.

Schimmelpfennig, na conversa co público, despois da estrea en Ourense, comentaba que xa sabemos que o mundo vai mal, xa sabemos das catástrofes e dos múltiples problemas que nos atenazan. Por tanto, non é necesario ir ao teatro para que chos volvan amosar ou sinalar. Falou da capacidade, nunha xuntanza como a teatral, para facer xurdir o marabilloso. E iso foi o que aconteceu en O dragón de ouro. E se iso pode pasar significa que non todo está perdido e que, sen dúbida, hai esperanza. Aínda que poida parecer que nada muda, algo anda a mudar pouco a pouco, de xeito case imperceptible.

O dragón de ouro
Sarabela Teatro
Autor: Roland Schimmelpfennig
Tradución: Catuxa López Pato
Dramaturxia e dirección: Ánxeles Cuña Bóveda
Elenco: Fina Calleja, Fernando Dacosta, Sabela Gago, Fernando González e Fran Lareu
Escenografía e vídeo arte: Iris Branco. Deseño de iluminación: Laura Iturralde. Deseño de vestiario: Ruth Díaz Pereira. Composición musical: Vadzim Yuknevich. Fotografía: Rubén Vilanova. Produción: Fina Calleja
Estrea. Teatro Principal de Ourense, 23 de febreiro de 2024.