A cultura da morte en Galiza sempre estivo a rentes da cultura da vida, non só polas lendas ou os monumentos megalíticos, como o dolmen de Dombate, senón tamén pola simboloxía da terra do solpor, por onde morre o sol, o Finis Terrae para os romanos.
De Fisterra tráenos Mariña Lestón, actriz e creadora escénica, que hai pouco rematou os seus estudos na Escola Superior de Arte Dramática, Costa da Morte, cartografía dun naufraxio.
Homenaxe e xustiza poética para as xentes do mar deste país con tantísimos quilómetros de costa e cunha boa parte dela baixo esa denominación: Costa da Morte.
A xustiza poética vén da xustiza actoral coa que Mariña cede a súa voz ás tres testemuñas, representativas dos centos de naufraxios acumulados nas augas da Costa da Morte. Máis de seiscentos documentados desde a Idade Media e uns cento cincuenta desde o 1950, tal cal Mariña nos conta. Faino a través de breves parlamentos que fornecen o contexto para as historias reais coas que nos vai estremecer.
Déixase sentir, na interpretación sinxela desta moza, o coñecemento fondo e a comuñón coa paisaxe humana e natural da que ela mesma provén.
O espectáculo ten o valor da recolla desas historias de naufraxios: a do mergullador, o rubio de Camelle, na procura dos corpos, ese que confesa que el coñece o mar, porque pasou moito tempo alí abaixo, pero que o mar non o coñece a el, porque o mar non ten amigos; a da filla dun dos desaparecidos; a da viúva…
O abraio perante a coraxe máis heroica e a humanidade máis emocionante, desas vidas cinguidas ao mar, latexa na voz ben modulada de Mariña, cando fala por ela, cando relata. Pero tamén cando fala polas outras, adoptando os seus xeitos existenciais con catro trazos certeiros, ou cando canta.
Prendido do espectáculo tiven a sensación de que Galiza – a propia terra, o propio mar e o que queira que sexamos como pobo – estaba esperando por Mariña e por esta Costa da Morte, cartografía dun naufraxio.
Costa da Morte. Cartografía dun naufraxio
Produción, dramaturxia, dirección e interpretación: Mariña Lestón
Apoio na dramaturxia: Vanesa Sotelo
Asistencia vocal: Cristina Domínguez
Escenografía e indumentaria: Carlos Alonso
Imaxe e audiovisuais: Anxo Beiro
Proxeccións e deseño gráfico: Xaime Beiro
Técnico en xira e iluminación: Jorge Álvarez
Coprodución: Centro Dramático Galego
Espectáculo visto no Museo do Mar de Galicia. Vigo, 13 de xullo de 2025.





