A ecuación dese silencio

| Escena

As revolucións, a estas alturas, parecen accións que deben estar xustificadas e dirixidas por alguén, por un grupo, por un partido político, por unha estrutura. As revolucións deben ser útiles e até rendibles. As revolucións pódeas comprar unha grande empresa multinacional e facer delas “merchandising”. Iso acontece un pouco co teatro que leva o selo de político ou de revolucionario, pero que está feito coas convencións e as estéticas que lle permiten homologarse, ser programable polos teatros que pagan ben, ser vendible e, a ser posible, ter gancho para facer billeteira.

Contra todo isto, contra as tendencias en boga, e mesmo contra o contra, puidemos asistir, no Teatro Ensalle de Vigo, a Desde ese silencio de AveLina Pérez. Unha proposta pos-espectacular, ou sexa, baseada na renuncia aos efectos espectaculares máis básicos.

Porén, a creadora convídanos amablemente a unha experiencia revolucionaria, na que parece facer apoloxía contra as revolucións, contra o útil, contra a necesidade de ter xustificacións ou motivos para a acción. Unha proposta pos-espectacular para 10 persoas, que van ocupar o escenario, o lugar da acción, e que van facer algo moi importante: escoitar. Escoitar xuntos e percibir aquilo pequeniño que se poida dar sen o provocar, sen o forzar, sen o impor.

AveLina parece falarnos ao ouvido, cunha ladaíña poética e punk, con certa sorna, con humor serio, coa descrición de situacións que non poden deixarnos indiferentes e coas que é difícil a compracencia. Unha ladaíña que parece acariciarnos, case como unha canción de berce, pero que rasca, que por veces queima, perturba.

Todo, neste encontro, está dramaturxicamente calculado e coidado até o máis mínimo detalle: o número de persoas que participan, o lugar que ocupan, o lugar onde se sitúa AveLina, os obxectos cotiáns utilizados, a luz e a súa sutil evolución, o vídeo, no que as mans se enredan no cabelo ou se deixan caer e os pés non avanzan e, por suposto, a palabra. “O importante é que a palabra suceda, dixo ela”, cito de memoria.

Desde ese silencio crea o lugar para a escoita, sen oportunismos, sen marketing ao seu redor, sen a procura do baño de masas e, por tanto, tampouco da billeteira. AveLina, con esta proposta, pon a pelota no noso tellado.

Desde ese silencio non é desde o silencio, nin desde calquera silencio, senón desde ese. Quizais desde ese que nos fai cómplices, efectivamente, do mundo no que vivimos.

Se Desde ese silencio se fixese nun teatro deses que non son o Teatro Ensalle, para un público deses que non é o do Teatro Ensalle, entón sería un escándalo e a revolución volveríase máis evidente. A revolución ou o hostión. Porque o público de Ensalle é unha recepción propicia para asumir sen retruque calquera desafío artístico, sempre que teña a honestidade, o risco e a coherencia poética, como acontece neste caso.

Sexa como for, a ecuación dese silencio comprométenos.

Desde ese silencio
Dirección e texto: AveLina Pérez
Son e imaxe: Jesús Tejada
Colaboración: Cena Lusófona e Teatro Ensalle
Estrea: Teatro Ensalle de Vigo, 10 de decembro de 2023