En Galiza a ópera comeza a finais do verán, coincidindo co inicio do curso escolar, coa temporada lírica da Asociación Amigos da Ópera da Coruña, que vai pola súa 71 edición. Inaugurouse o 14 de setembro de 2023 no Palacio da Ópera da Coruña cunha das máis coñecidas e populares do repertorio, Aída de Verdi. Unha especie de Romeo e Xulieta co exotismo, a pompa e a grandilocuencia que lle dá a ambientación no Exipto mítico dos faraóns. O libreto de Antonio Ghislanzoni baséase no drama do exiptólogo Auguste Mariette Bey, sobre a historia de amor entre Aída, unha princesa etíope prisioneira en Exipto, e Radamés, o comandante do exército exipcio.
A produción coruñesa é unha especie de reposición da orixinal de Amigos Canarios de la Ópera, que se estreou en marzo, co mesmo reparto nos papeis principais e con José Miguel Pérez-Sierra na dirección musical e Daniele Piscopo na escénica.
O espectáculo adhírese ao estilo canónico e ás convencións particulares da ópera máis recoñecibles: cerimoniosidade, estilización artificiosa nas actitudes e relacións dos personaxes, unha representación que ilustra a acción máis do que executala dun xeito verosímil e orgánico, reprodución de clixés comportamentais e situacionais, e utilización de moitos elementos e recursos escénicos e incluso personaxes (secundarios, figurantes, coros, bailarinas/es) cunha función decorativa e prescindible no que atinxe á funcionalidade narrativa. Así pois, esta Aída, é no escénico unha montaxe estética e teatralmente conservadora, que non nos vai sorprender nin vai brillar pola súa inventiva e capacidade de renovar ou profundar na obra que representa. Porén, ten a grande virtude de servir, de xeito fluído e claro, as escenas, permitindo un seguimento da trama fácil e agradable. Ao público que enchía o Pazo da Ópera o día que eu fun, o 16 de setembro, gustoulle.
O que si brillou foi a música, dacabalo da monumental Orquestra Sinfónica de Galicia, baixo a batuta dun Pérez-Sierra que manexou os tempi con efectiva contundencia e maxestosidade, nos momentos máis épicos da trama, como na marcha triunfal (Acto II), e con amplitude e tensión dramática nos máis íntimos e melodramáticos, nomeadamente nas romanzas de Radamés: “Celeste Aida” (Acto I), e de Aída: “O patria mía” (Acto III), e nos dúos entre Radamés e Aída (Acto III e IV). A soprano Marigona Qerkezi, de 30 anos de idade, que debuta no papel de Aída, brillou pola súa expresividade e potencia de voz, capaz de transmitir a angustia e o amor do personaxe. Porén, o tenor Jorge Puerta, no papel de Radamés, desenvolveuse tamén con expresividade, pero faltoulle potencia vocal, ficando por baixo da música nalgúns momentos climáticos. Algo semellante tamén lle aconteceu á mezzosoprano Nino Surguladze no papel de Amneris (a filla do Faraón, tamén namorada de Radamés), aínda que neste caso pareceume que estivo aforrando a súa forza vocal para os últimos actos, onde quizais tiña máis peso o seu personaxe. Pola súa banda, o barítono Carlos Almaguer, no papel de Amonasro, o rei de Etiopía e pai de Aída, exhibiu un poderío vocal e unha afouteza inquebrantables en todas as súas intervencións. Nese mesmo lugar situaría, nun rol máis social e menos dramático, o sumo sacerdote Ramfis, interpretado polo baixo Simón Orfila e o Faraón, rei de Exipto, interpretado polo baixo Giacomo Prestia, convincentes en cadanseu rol.
Unha montaxe, en certo sentido sinxela, sen ostentacións, pero eficaz e longamente aplaudida por un público ávido de máis ópera en Galiza.