Contemplar a beleza do pensamento en danza

Poucas veces temos a oportunidade de ir ao teatro e que o espectáculo nos sitúe ante a contemplación do pensamento, da reflexión filosófica sobre aspectos fundamentais da vida. Eses aspectos sutís, case íntimos, cuxos efectos emancipadores e humanizadores poderían conducir ás persoas alén da infelicidade, da frustración e até da falta deses valores éticos que están detrás de boa parte das desgrazas e das guerras que provocamos. Na micropolítica dos afectos e dos comportamentos encóntrase o xerme da macropolítica. 

Desde hai anos, Ana Vallés foi derivando cara a un teatro posdramático afincado en accións escénicas de alta voltaxe visual e plástica, dunha beleza inédita, porque se constrúe desde corpos, obxectos, luces e sons en movemento, desde unha danza existencial. Tamén derivou cara a unha modelaxe dos espazos dinámicos de xogo que se crean enriba do escenario, motivada por reflexións filosóficas sobre aspectos da vida que a desacougan. Así acontece en Sobre o extravío ou a arte de perderse da Cía. Furia Sotelo, en que son convocados os pensamentos sobre a imaxe e o espazo do artista plástico Antonio Murado, sobre a arte de amar de Erich Fromm, sobre fuxir ou retirarse do profesor Enrique Gavilán e, entre outros e outras, da propia Vallés e de Nuria Sotelo. Esta última é a bailarina e coreógrafa que actúa nesta peza. 

Sobre o extravío ou a arte de perderse é un obxecto artístico sui generis, entre a performance, a danza contemporánea, a instalación plástica e o teatro de texto. Encontrámonos ante un espazo que é aquelado por Nuria Sotelo, desde unha conexión directa con nós, desde a expresión dunha vulnerabilidade e da necesidade de crear un lugar propicio para estar ben. Nesa paisaxe dinámica, os mobles do fogar, as lámpadas, as butacas, a mesa, convértense en elementos de xogo cos que se constitúen diferentes disposicións espaciais nas que a propia bailarina se integra, do mesmo xeito que se integran os pensamentos que comparte con nós. 

Malia a disxunción entre o que se di e o que se fai, podemos sentir o sentido, porque o sentido séntese, que aluma a coreografía e que anima os obxectos e o mobiliario, para dar lugar a espazos que vibran na mesma frecuencia que os pensamentos enunciados. Todo parece levarnos, sen secuestrarnos pola expectativa nin o suspense dunha historia ou dun argumento, cara ao concepto da vida como un tránsito no que é necesario, xusto e bo, irse desprendendo das áncoras do pasado. Trazar camiños para logo permitirse o extravío e, se cadra, incluso, retirarse a tempo do que sexa, sen aferrarse. Non fuxir, retirarse e permitirse a apertura a novos horizontes.  

Os cadros finais do espectáculo amósannos unha especie de sala dun fogar desaqueloutrado, con dúas butacas diante da pantalla dun televisor que xa só emite sinais luminosos abstractos. Pregúntome se se trata da des-construción do confort do fogar dunha parella. Nuria “fai o mutis polo foro” ou, dito doutro xeito, retírase dese lugar e a peza remata, pero a aventura comeza máis aló do escenario. 

Sobre o extravío ou a arte de perderse
Cía. Furia Sotelo 
Dirección: Ana Vallés; Interpretación: Nuria Sotelo; Deseño de iluminación: Laura Iturralde; Espazo sonoro: Camille Hedouin; Dirección de produción: Rubén Vilanova; Produción: Cía. Furia Sotelo 
Colaboran: L’Animal a l’esquena. A Casa Vella. Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas