Luns 25, Setembro 2023
HomeCulturaÉPICA DO DESNIVEL, CANTO ÉPICO DE MULLER

ÉPICA DO DESNIVEL, CANTO ÉPICO DE MULLER

POESÍA

Rosalía Fernández Rial, Árbores no deserto. Editorial Galaxia, colección Dombate. Vigo 2020. 124 páxs.

 

por Miguel Vázquez Freire

Crónica deste tempo de mulleres que erguen a voz e proclaman que endexamais xa ninguén llela poderá negar, Árbores no deserto (Galaxia 2020) é simultaneamente un poderoso canto épico erguido como homenaxe a once mulleres árbores que, desde Sojourne Truth, nada escrava nos últimos anos do século XVIII, ata a mociña Malala, hoxe apenas con 23 anos, teñen contribuído a desdesertizar o deserto que aínda habitamos. Un canto épico que se ergue contra ese lugar común segundo o cal a épica é unha forma poética do pasado porque na modernidade do individualismo e a posmodernidade das identidades líquidas xa só sería posible a poesía do eu. É, iso si, como a propia autora di, unha “épica do desnivel”. Unha épica que non canta triunfais heroes testosterónicos senón heroínas das máis dignas derrotas.

Como escoitando as advertencias de María Xosé Queizán contra as vellas metáforas naturalizadoras e por iso redutoras do feminino, outras son as eleccións metafóricas de Rosalía, como estas que escolle para a insumisa anarquista Emma Godmann: Ítacas que as mulleres urdimos…  xinetes da patria tear, que a min me evocan o Eu tamén navegar de Xohana Torres. Épica das mulleres que se negan a repetir o oficio de muller penélope que quixo impoñer o vello canto masculino. Estas penélopes diversas de Rosalía, como a de Xohana Torres, non agardan pasivas o regreso do heroe, deciden elas seren heroínas da súa propia aventura.

Xoga Rosalía cunha intertextualidade que se apodera das palabras das outras nun exercicio de mergullo no texto alleo que nos (re)descubre a tradición literaria como un inesgotable palimpsesto no que cadaquén ten que facer agromar as palabras de seu. Cando canta á sufraxista Clara Campoamor, que liderou a loita polo voto feminino na Segunda República, infartando o texto orixinario da deputada republicana fabrica esta poderosa metáfora: a cabeza / é a espada da muller. Contra o estereotipo da “sensibilidade feminina”, reivindicación do pensamento que ataca e fende / a rixidez do pensamento.

Non é casual logo que nesta escolleita galería de árbores ocupen un lugar sobranceiro as mulleres pensadoras, as filósofas. Mais tampouco non o é que representen eleccións tan disímiles como Flora Tristán, pioneira dun socialismo feminista avant la lettrepara lañar a paisaxe maquinaria; María Zambrano, reivindicadora da razón poética –poeta faro / mística luz-; e a defensora do feminismo da igualdade, Simone de Beauvoir –Ningures é o único lugar onde nacer muller.

Acudo para acabar a dúas figuras literarias. Con Virginia Woolf, Rosalía ofrécenos un arriscado exercicio de experimentalismo que é en realidade un poema visual que non precisa hermenéutica ningunha senón a que impón a ollada. Convido a que cadaquén o descubra pola súa conta.

E queda Rosalía. A nova Rosalía dialogando coa nosa eterna Rosalía. Dúas voces libres como os paxaros, como as brisas, como os árabes no deserto, como os piratas no mar.

 Da topografía deixo fóra / só o nome das persoas / ás que quero regresar / un atlas de mulleres / tan salvaxes coma min.

Tan salvaxes coma ela, si, coma todas elas. Once mulleres e unha poeta que, habitando as súas voces, produce a súa voz propia. E algún día xa non haberá deserto, ese deserto.