Autor de Outra política para outros tempos, de recente publicación, Xosé Luís Franco Grande está convencido de que a xente acudiu ás eleccións europeas do 15-M cunha información escasa, e sen saber moi ben o que ía votar. Bótalles a culpa aos medios con maior influencia do país. Cre ademais que o momento da cultura galega é malo, mais non só aquí, entre outras cousas porque non se ten producido, dende o punto de vista da creación, nada novo nos últimos anos. Sobre a cuestión lingüística e a cultura galega fai unha chamada ao pacto entre todos os partidos, convencido de que tan iletrado é o Goberno de Madrid coma este (de Galicia). Asemade, repasa nesta entrevista as confrontacións que tivo con algúns membros da súa xeración, entre eles Xosé Manuel Beiras e Xosé Luís Méndez Ferrín.
Luís Villamor Texto e foto
Tense definido como liberal, pero hoxe todo o mundo participa desa etiqueta…
Pero o meu liberalismo non ten que ver nada co liberalismo do que se fala por aí. É o liberalismo da cultura europea, o de Camus. Non quero facer comparacións, sería estúpido, pero a liña que a min me impresiona é esa.
Camus foi reivindicado polos anarquistas…
Eu no fondo tamén me considero un pouco anarquista. Non me desdigo diso, dese liberalismo.
Vostede é do 36, Beiras tamén, Ferrín e Mourullo practicamente, Rodríguez Pardo… Con algúns deles ten, por dicilo dunha maneira suave, bastante confrontación dialéctica…
Si. Con Ferrín teño confrontación dialéctica no aspecto político. Porque na miña opinión é disparatado. Como creador, como escritor, téñolle un respecto grande. Como político non, porque me parece todo un disparate. E sábeo e ademais escríboo e dígollo.
Non coñezo a ninguén que non recoñeza o talento literario de Ferrín…
Si, pero habería que falar moito, porque, tamén é certo que ultimamente non publica nada… O seu optimismo político machacouno, esmagoulle un pouco a vea literaria. É unha cousa moi perigosa…
Vostede ten censurado tamén o que chama minifundismo cultural de Galicia: Consello da Cultura Galega, Real Academia Galega, Instituto Ramón Piñeiro…
Si, creo que Galicia non dá para tanto. Ao mellor estou errado e estou disposto a rectificar, pero paréceme moito. Creo que chegaba cun par de cousas: a Academia e algunha pequena cousa máis.
Con Beiras tamén tivo o seu pola mina de Corcoesto… Vostede nun artigo publicado na Voz de Galicia acusábao de actuar con lixeireza…
Pásame con Beiras un pouco o que me pasa con Ferrín. A nosa relación segue a ser moi boa. Non pode ser doutra maneira, porque vén amasada en cincuenta anos de intereses e ideas comúns, pero hai cousas que politicamente…
No caso da mina de Corcoesto non era só Beiras, había tamén ecoloxistas e veciños que se opuñan… Vostede tiña tan claro que era beneficiosa para Galicia?
Eu creo que non toquei ese tema para nada.
Preguntábase no artigo se era malo que tivéramos minas de ouro…
Non creo que fora malo en principio, había que estudalo e dicirlle á xente as cousas máis seriamente.
Moita xente dicía que era ouro para Canadá e veleno para Galicia…
Si, pero estas cousas hai que ir con moito coidado. Tamén os embalses eran cousas moi importantes, pero fodías á xente que estaba alí, como era o de Castrelos. Entón, estas cousas hai que miralas con moito coidado.
O que está claro é que vostede non se pon de perfil ante as cuestións vidrosas do país…
Teño fama de ser moi duro, é verdade, o que pasa é que son independente. Non teño votos que recadar nin xefes ante quen responder: son libre.
Os intelectuais son libres neste país ou deberán selo máis?
Non sei. Eu non presumo de nada.
Pero hai ou non moito pesebre?
Iso é evidente, pero non só en Galicia.
Non vai moito coa función do intelectual…
Eu creo que a gran definición de intelectual deuna Denis de Rougemont, un intelectual suízo que eu respecto moitísimo pola cousa europeísta, que dicía que non era unha persoa que pensase moito e constantemente, senón aquela persoa que se enfronta á realidade con máis criterio. Eu non sei se me podo enfrontar á realidade con máis criterio ou simplemente teño máis experiencia, porque teño máis anos ca outros, pero non pretendo nada…
Europa, España, Galicia e a democracia
Vostede é autor de Outra política para outros tempos. Acaba de haber eleccións europeas: entran no Parlamento nazis, populistas… A democracia ten cedido terreo… Como habería que recompoñer isto?
Este é un problema moi grave. As campañas xa foron un disparate, porque os partidos non informaron a xente para nada do que é o Parlamento europeo, que ten arredor de cen competencias, claves na vida da xente. E a xente foi votar alí PP, PSOE…
E foi votar Podemos…
É un epifénomeno do mal que se fixeron as cousas. Se os partidos tivesen informado ben do que pasa aquí! Os medios que teñen influencia no país non fixeron absolutamente nada por dar unha idea á xente do que ían votar. A xente non sabía nada. Se se lle pregunta que idea ten do financiamento do fondo de cohesión, por exemplo, non ten nin idea…
Non cre que o que acontece é que a xente sinxelamente está farta?
Se se informa de que poden pasar cousas graves se non se vota, creo que o desastre non sería tan grande. Hai que informar ben a xente.
A imaxe que dá a UE é a de que os lobbies, os intereses privados, están por riba dos intereses colectivos… Fai falta outra Europa?
Lobbies hainos en todas partes, pero a Europa que pensaron os fundadores ten pouco que ver con esta. Esta é unha Europa nacionalista. Merkel é nacionalista. O estado nación é unha gran creación de Europa, pero non serve. Europa hoxe non significa practicamente nada politicamente, porque politicamente é nacionalismo.
Esfumouse a ilusión que había hai anos cara a Europa como espazo de oportunidades?
Pasaron cousas moi graves. O poder político quedou supeditado ao económico. Quixo escapar este poder político de cousas antipáticas, como é o de crear impostos, e dixo endebedémonos. E claro, agora están agarrados polos poderes financeiros. Os bancos queren cobrar, e dunha maneira desapiadada. Grecia perdooulle a Alemaña a indemnización pola ocupación nazi, e agora a señora Merkel non lles perdoa nada, cobrando ata o último centavo, rebentando o país e de que maneira… Por iso se di que hoxe Alemaña está facendo con estas políticas máis dano que Hitler cos tanques…
É como se a Unión Europea estivese atrapada nunha galería de espellos deformantes…
Si, claro. Con mentalidades como as de Sarkozy…
Aquí Zapatero tampouco foi quen de rachar con iso…
E que agora hai auténticas medianías, que non son comparables con Jean Monnet e os fundadores, nin con Adenauer… Agora é o poder financeiro o que goberna o político. E para coña está o das portas xiratorias. Unha xubilación dourada, nos consellos de administración das grandes empresas…
Galicia está no mapa político europeo?
Non. Que partido lle fala aquí de Europa á xente? E isto é o que está a condicionar a nosa vida e o noso futuro. É fundamental que Galicia teña voz directa en Europa.
Houbo moita cesión de soberanía?
O que se chama soberanía compartida… Porén, eu creo que é pola vía da soberanía compartida por onde hai que resolver o problema. Explicouno moi ben Michel Keaton, ese famoso soberanista escocés. O de Galicia, Cataluña e Escocia haino que resolver dentro de Europa.
A marxe de acción que ten Galicia para iso é moi reducido…
Máis que a dificultade que para nós pode representar Europa o que o dificulta é a resistencia dos países a soltar soberanía. Son moi remisos. En países como Francia e España é tabú. Os países son os que bloquean. Isto foi visto xa en 1947 por Denis de Rougemont no discurso federalista, baseado nun modelo suízo. Detectou este problema, e segue aí.
Cre que o fenómeno Podemos terá continuidade?
Creo que non. É unha explosión típica do cabreo que ten a xente. Teñen o hándicap de non ter aparello de partido.
Pablo Iglesias é nun friki?
Diso nada. Iso é unha estupidez. Pablo Iglesias é un home competente e é posible que poida montar un aparello e pactar con outros.
Con AGE, por exemplo?
Si, podería ser, pero non sei o que pode pasar aí. Hai varias opcións.
Xa pasou. De feito, o mapa electoral galego está totalmente alterado, nomeadamente nas cidades e vilas…
Totalmente. Nas cidades galegas desapareceron practicamente os partidos importantes.
En Galicia, nin á dereita nin a esquerda, con matices, son antieuropeístas de oficio. Dáse un europeísmo crítico…
Mais ben un europeísmo escéptico, como case todo. Creo que podería ter influído positivamente se os partidos tivesen a visión mínima de subliñar os problemas e os factores que determinan a nosa vida. A xente vai votar, insisto, sen saber o que vota.
O resultado das europeas é extrapolable ás autonómicas?
Non o sei, pero é un aviso. As cousas poden ir incluso a máis.
Unha acción unitaria do nacionalismo podería ter sido máis eficaz nas eleccións europeas? Estamos nun momento en que é máis doado que unha forza se entenda mellor con Bildu ca con outra que ten ao lado…
Hai que ver con quen se pacta. Porque unha opción nacionalista pactada co PC… Aínda que o PC xa non se sabe o que é… Habería que velo en cada caso, pero en principio si, porque a política é pacto, pero non só cara a Europa, tamén aquí, en Galicia. Por exemplo, aquí hai unha cousa que aínda non entendeu, que foi o pacto sobre a normalización lingüística. O consenso que houbo inicialmente, que había que dicir non se toca, porque está por riba dos intereses partidarios… Este foi o labor tremendo, xordo, que fixo Piñeiro, e para os políticos semella que non fose importante. E habería que volver a convencer a todos os partidos de que a lingua, a cultura, ten que ser cousa de pacto.
Que sobra na política galega?
Moita estupidez. Moita desta xente que está na política pensa só no que vai saír no xornal. Buscando titulares. Hai que explicar como se solucionan os problemas. Ese sectarismo do Bloque non o entendo. Hai un peso excesivo do ideoloxismo e unha falta absoluta de pragmatismo. É o que vexo como persoa que está fóra. Ás veces escoito a un líder falar e pregúntome: un señor que ten unha tenda ou unha lancha, que pensará desta carallada? E incluso o idioma que utilizan, pero niso están comprendidos todos: dende o presidente ata o último mono. Eu publiquei en tempos un artigo en Faro de Vigo titulado a linguaxe dos nosos políticos. Cando hai distancia polo medio, a xente refuga. E logo están as saídas de ton… Creo que iso pasa factura.
O decreto da lingua, a RAG e a cultura do país
Cal é a solución ao decreto do galego?
Cambialo. Pero habería que facer máis cousas. Creo que o PP meteu a pata de mala maneira. Eles pensaron que había cousas por aí, déronlle credibilidade a Galicia Bilingüe, e iso non é nada… Como é posible que un responsable de política autonómica vaia a unha manifestación desas? Iso demostra a ignorancia que hai sobre todo isto. Non acontece en Cataluña. Isto definiuno cunha frase lapidaria Javier Marías aplicado ao Goberno: “Este é un Goberno iletrado e bárbaro”. E tan iletrado e bárbaro é o Goberno de Madrid (o de Rajoy) coma este de Galicia (o de Feijóo).
Como académico que é da Real Academia Galega, como valora a marcha da institución?
Neste momento, ben. O presidente soubo distinguir moi ben a súa ideoloxía da función da Academia. É un home de ideoloxía marxista, pero nos programas concretos da Academia, a miña identificación é absoluta, cousa que non foi ata agora posible. O que pasa é que ten a dificultade que tivemos todos neste momento, a procura de financiamento. E aínda así vai rabuñando aquí e alá…
Bota en falta na última edición do dicionario galego algunhas verbas do seu dicionario?
Non podería contestar con rigor a esa pregunta. Habería que baixarse a facer comprobacións e non se me ocorre ningunha. Despois houbo un dicionario de dicionarios, que editou a Academia, que se fixo en dvd, e aí está o meu, o de Valladares… Creo que é útil, pero tamén que a xente non o vai utilizar moito, pero está ben que se fixese.
Que pensa do momento polo que pasa a cultura galega?
É un mal momento, pero non só en Galicia. En España, tamén. Dende o punto de vista da creación, non hai nada novo. Non achegou nada novo ao que achegaron as persoas da miña xeración. Hai xente que escribe moi correctamente, que conecta, pero a min iso non me di… Hoxe hai en Galicia moito escritor profesor, hai corrección pero non talento creador. E coa poesía pásame outro tanto.
Está moi subvencionada a cultura do país?
Non sei, a subvención é mala sempre, porque pode anestesiar ao creador, pero o problema fundamental é que o que se publica en xeral non achega nada ao que xa había. En poesía, nada, e en prosa non vexo grandes cousas. A maior parte caen das mans. E imposible atopar hoxe unha cousa nova, distinta, como foi a de Díaz Castro, de pouca obra, pero unha cousa incrible. Pouca obra, si, pero tamén é pouca a de san Juan de la Cruz. Os poetas novos teñen unha obsesión por estar publicando libros cada ano. Díaz Castro estivo facendo, desfacendo, corrixindo, para facer unha obra sólida, E toda a que agora escribe esta xente non é sólida. Eu demóstrolle a esta xente que cambiando unha cousa de abaixo para arriba é igual. En cambio é moi boa a investigación.
A abdicación do rei e a situación crítica do PSOE
Acaba de abdicar o Rei…
Era esperado. Houbo toques de atención na prensa. Pola súa idade, pola idade do Príncipe, polas diversas circunstancias, quizais de perda de credibilidade da monarquía. Creo que fixo ben.
Pero pode achegar algunha solución este relevo?
Eu son republicano por inclinación, pero non me crea ningún problema que haxa unha monarquía, sempre que non goberne. Se é para dar unha idea de unidade, en fin. Creo que podería ser peor que tivésemos un presidente que puidese ser Alfonso Guerra, Aznar ou Pepiño Blanco… Estes polo menos falan ben, falan idiomas… Non me parece que sexa grave.
O PSOE en crise e botando sangue pola ferida, aínda na oposición…
O PSOE non sabe comunicar coa xente. Nunca entendo o que di Rubalcaba. Iso non pode ser. Hai que comunicar con claridade, precisión, capacidade de síntese. Iso facíano ben Felipe e Guerra, pero esta xente nada… Non o sabe facer ningún deles. E despois está o problema de fondo. Están con cousas que poden ser do PP. E o que fixo Zapatero na segunda lexislatura, entregouse ao neloliberal. Entón a xente non distingue. O PSOE non soubo artellar programa distinto.
PP e PSOE teñen que estar preocupados?
Supoño que si. Isto é un batacazo impresionante. Pode ser unha explosión nas próximas eleccións, a peor. Creo que en Galicia poden acabar non tendo ningunha cidade. A cousa é para andar con moito coidado e deixar dunha vez ese triunfalismo de Rajoy, que me parece dunha estupidez moi grande. O seu escapismo e a forma de non afrontar os problemas. Parece a política de Franco.
Que opinión lle merece o que está sucedendo en Cataluña?
A política española é incapaz de entender ben o problema da organización territorial do Estado. O que deu no cravo foi Sánchez Cuenca cando dixo o medo que hai aquí. É que este é un país inseguro. Por que hai tanto medo ao federalismo? Cando federar é unir. Eu no meu libro Outra política para outros tempos dedícolle un capítulo a este tema. Rajoy ten que mover ficha e todo o mundo está dicíndollo. Di que isto é diferente do de Escocia, pero é o mesmo. O problema é de sentarse a falar. Aquí superamos unha etapa difícil, a autonómica, nun país que non era nada autonomista. No que os que mandaban eran os herdeiros do franquismo e fíxose isto. Agora recentralizar: é unha equivocación absoluta. Se fosen minimamente áxiles, sentaríanse a falar.
O cambio na xefatura do Estado pode impulsar cambios verbo disto?
Hai movementos. O futuro Rei, o novo xa, ten que empezar. E non estaría mal empezar por aí, aínda que non fose máis que unha forza arbitral. Porque isto é un disparate. O independentismo estalle crecendo.