Domingo 28, Novembro 2021
HomeCultura XESÚS FRAGA, PREMIO NACIONAL DE NARRATIVA.

[ENTREVISTA] XESÚS FRAGA, PREMIO NACIONAL DE NARRATIVA.

É imposible entender os dous últimos séculos sen a emigración

 

Virtudes (e misterios) (Galaxia, 2020) non é unha novela sobre a emigración galega ao uso, aínda que nela conflúen algunhas das características deste xénero tan propio do noso canon literario. É unha novela que esperta unha curiosidade case obscena no público lector para remexer nunha historia allea que non deixa de ser tamén o noso propio xerme como sociedade. É un texto que desprende amor e veneración por parte do narrador/autor, pero tamén necesidade e sacrificio ao nos achegar á razón que levou a Virtudes, protagonista indiscutible da novela, a separarse de tres fillas para emigrar soa a Londres na segunda metade do século pasado.

texto María Alonso Alonso foto Ana Couceiro

Imaxino que escribir esta novela foi, ante todo, unha gran responsabilidade.

É certo, si. O peso desa responsabilidade resultoume, por veces, esmagador. Decidir que calaba e que contaba, e como o contaba, foi un proceso longo, cheo de comezos e falso e moitas páxinas que acabaron na papeleira. E moitas persoas sobre as que escribín están vivas: busquei un equilibrio entre abordar as situacións difíciles polas que pasaron sen refugar a súa dureza e non reeditar esa dor, senón que a escrita e a lectura fosen catárticos.

As fotografías están aí para dar fe da veracidade da narración ou como catalizador desa mesma narración?

Diría que ambas. Dunha banda, reforzan esa veracidade á que aludes, pero, doutra, engaden capas interpretativas dende a súa contemplación polo miúdo, na procura deses signos inadvertidos ou involuntarios nos retratados, pero ao mesmo tempo moi reveladores. Tendo en conta, claro, que a miña só é unha das diversas interpretacións posibles.

A novela é unha clara homenaxe á túa avoa e aos seus sacrificios como muller emigrante. Nós non somos máis que o resultado dos seus logros.

A miña avoa, de nena, traballaba terras polas que pagaban foros. Cincuenta anos despois, as miñas curmás e mais eu fomos os primeiros da familia en acceder á universidade, algo que non se pode entender sen o sacrificio das dúas xeracións anteriores. En boa medida sentaron as bases para un avance social do que non deberiamos esquecer de onde procede.

Cal foi o proceso selectivo para non caer nunha irremediable idealización dun pasado familiar que, sen dúbida, é odiséico?

Supoño que todas as olladas ao pasado caen, en maior ou menor medida, nunha idealización, un consolo lóxico ante a evidencia de que o tempo pasado nunca será de novo presente, senón só memoria. Pero esa perspectiva tampouco pode agochar que temos unha historia máis ou menos recente con grandes eivas: pobreza, discriminación das mulleres, ditadura, autoritarismo e déficit democrático… Lembralo non debe ser un exercicio de melancolía paralizante, senón un mapa do camiño andado e do que queda por percorrer.

A túa avoa e a túa nai practicaron a ‘resiliencia’ antes sequera de que esta palabra fose tendencia.

Si, é un termo moi acaído. A miña avoa superou a súa orixe na pobreza e o abandono do home, deulle un teito e unha educación as fillas, viviu máis de trinta anos lonxe dos seus nunha soidade cotiá, sen fraquear nin renderse. E, coma ela, moitas outras mulleres, ás que nunca admiraremos nin recoñeceremos dabondo.

Utilizas ao longo do texto unha serie de expresións que son moi significativas, como poden ser “todo para os demais, pouco o nada para min” ou “traballa todo o que poidas, aforra todo o que gañes”. Coidas que son mantras comúns da emigración galega ou que son expresións dun tipo de emigrante moi particular?

Sen poder xeneralizar, creo que forma parte da estratexia da emigración o intento de compensar os sacrificios que esixe coa proxección futura dos seus froitos. O aforro, sobre todo, é unha ferramenta para acceder a unha vida mellor. E isto vale para emigrantes que coñecín que traballaron arreo, sen descanso ningún, dous ou tres anos e volveron cando gañaron o que precisaban para cumprir co seu obxectivo de mercar un piso, e tamén para os que soñaban cun retorno fantasioso coma o que pintou Castelao no seu Regreso do indiano.

Na túa novela tamén emigran os homes, pero a caracterización que fas deles é outra. De feito, todos os homes (avó, pais, amizades) ocupan un lugar secundario ao longo da narración. Non podería ser que esta característica de muller sacrificada sexa unha cuestión máis de xénero que de experiencia migrante?

Esa é unha pregunta moi interesante e, como todas as preguntas interesantes, de resposta complexa. Creo que se superpoñen ambas características, a migrante e a de xénero. Meu pai tamén tivera que deixar a escola con 13 anos para levar cartos á casa e logo se entregou por completo ao traballo na emigración: nun mesmo día facía dúas quendas na cociña dun hospital e logo aínda ía de noite a recoller vasos e cinseiros e limpar nun pub; o día que libraba non o dedicaba ao descanso, senón que ía como albanel cunha empresa de reformas. Creo que por iso se levaban tan ben entre eles, porque identificaban ese espírito que compartían. Pero mentres o seu obxectivo era ser bo e responsable no seu oficio, ademais de contribuír ao sostemento da súa familia, creo que a arela de mellora era máis forte en miña avoa e miña nai, especialmente en miña nai, que sempre tivo unha fe inquebrantable na educación e na cultura como motores dese progreso. Dende a miña limitada capacidade como observador, creo que é aí onde intervén a perspectiva de xénero, porque, sendo pobres como eran todos, no caso delas engadíase outra discriminación máis, o papel subordinado que lles asignaba a sociedade na súa condición de mulleres.

De xeito directo ou indirecto, conflúen no texto tres experiencias migratorias: a de principios do século vinte a América Latina, a da segunda metade do século pasado ao norte de Europa e parece que tamén se intúe a actual diáspora galega. Non tes a impresión de que Galicia está nunha especie de loop histórico migrante do que lle é imposible saír?

A Fernando Pérez-Barreiro Nolla escoiteille dicir varias veces que Galicia debía asumir a súa condición diaspórica. É imposible entender, para ben e para mal, os dous últimos séculos sen a emigración. Nun lado da balanza houbo pobreza e sufrimento; no outro, remesas de cartos e ideas novas, alicerces para proxectos. Como apuntas, seguimos emigrando. Pero, por difícil que sexa a situación, non é a do XIX nin a da posguerra. Outra diferencia é que emigran moitas persoas cualificadas. Pero o avance das comunicacións debería permitirnos conciliar a Galicia territorial e a diáspora, e creo que os beneficios poderían ser moi importantes.

Virtudes (e misterios) é unha novela moi significativa sobre o moito que lle debe a Galicia actual á emigración, pero tamén lle poderiamos dar a volta a isto: o moito que lle debe o Reino Unido á inmigración. Que tería sido das illas británicas sen o traballo e o aporte á economía local daquelas persoas que chegaron ás súas fronteiras dende lugares tan dispares como Galicia ou Xamaica? O Brexit non deixa de ser un fracaso desta conciencia histórica.

Concordo plenamente. O moi loado estado de benestar británico de mediados do século pasado tiña na súa base o traballo de persoas coma a miña avoa e os meus pais, xunto con emigrados de todo o planeta. Un traballo invisible, esquecido ou que non se quere recoñecer agora, visto o resultado do referendo. Os romanos fundaron Londinium á beira do Támese para comerciar coas tribos do lugar e o río foi unha canle de comunicación pola que fluían mercadorías, traballadores ou refuxiados: Inglaterra ten unha longa historia como acolledora de exiliados, tamén de emigrantes, coma outras cidades portuarias, caso de Liverpool. É unha cuestión de análise complexa, pero esa decisión que ignorou o pasado e o presente do país prexudicará considerablemente o seu futuro.


 

Novidades