Sonia Méndez, directora de As Neves: “Pódense contar dende o local e en galego historias universais”

As neves transcorre nunha remota aldea de Lugo, onde un grupo de adolescentes da Xeración Z se xunta de xeito clandestino para celebrar o Entroido. Un temporal de neve e a desaparición dunha das rapazas darán orixe a esta historia de intriga con tinturas psicolóxicas. Estes son os trazos básicos nos que se fundamenta esta produción, que supón un novo triunfo para o audiovisual galego. Proba diso foi a súa participación no último Festival de Málaga, certificando así a presenza constante do noso cinema neste recoñecido festival.

 

Como punto de partida, supón case unha obriga preguntarche como xorde ese interese, ou quizais inquedanza, por querer retratar o mundo dos adolescentes da actual era dixital?

Pois sae de varios lugares. Por un lado, tiña moita curiosidade por saber como era o contraste, nesta xeración, entre adolescentes que viven hiperconectados, pero á vez en zonas illadas. É dicir, rapaces que viven cun móbil que lle dá acceso a toda a información do mundo, pero en lugares illados onde contrasta moito o dixital co natural. Tamén tiña moitas ganas de facer un retrato xeracional de rapaces galegos contemporáneos, porque creo que non hai nada semellante. E finalmente polo meu traballo no Carballo Interplay, o festival de contidos dixitais que dirixo dende hai once edicións. Levo moito tempo observando a estas xeracións, que xa eran nativas dixitais cando empezamos o festival, como foron evolucionando e como se foron relacionando con estas tecnoloxías. Son rapaces que están a construír o seu propio relato en tempo real, a través das redes sociais. Iso xerábame moita curiosidade.

É ben sabido que traballar con actores non profesionais supón enormes dificultades nunha rodaxe. No caso de As neves, todo o peso do filme recae neses adolescentes ao redor dos que xira a historia. Como foi o proceso de casting para chegar a este elenco tan redondo e cales serían as túas impresións sobre o traballo desenvolvido con eles durante a filmación?

Fixemos un casting moi exhaustivo, no que se inscribiron case seiscentos rapaces. Seguimos a todos os que quixeron vir a facer a proba, primeiro con entrevistas que fixen eu mesma. Logo foron pasando fases. Pouco a pouco fomos construíndo esta “pandilla”, axudados dunha coach de actores, Sandra Lesta, que é unha amiga coa que fixen Angélica y Roberta, entre outros traballos. Cando xa tiñamos o grupo definido, estivemos traballando con eles un mes e pico. Tamén fixemos convivencias na propia A Fonsagrada para que coñeceran os espazos da rodaxe. Busquei que tiveran moita confianza comigo para saber como dirixir a cada un deles, como chegar ás súas emocións. Fixérono moi ben e estiveron á altura, sen cuestionar as decisións de dirección. Estaban abertos a probar cousas, cargados de curiosidade. Foron moi responsables durante toda a rodaxe.

“É unha película que supón unha oportunidade de entendemento entre xeracións, pero contada a través do punto de vista da mocidade”.

Alén da importancia concedida a esta rapazada, por que decides reducir ao mínimo a presenza e o impacto dos adultos nas súas personaxes, sobre todo tendo en conta a envergadura do tema a tratar no filme?

Pois porque o filme está contado dende o seu punto de vista, e iso é unha premisa formal presente no guión. O mundo adulto está, pero a través deles. Esa era a aposta realmente. Para min era moi importante ser honesta co que lle sucedía aos rapaces afondando nas súas emocións, evitando a influencia dos maiores. Isto tampouco a converte nunha película teen, xa que está pensada para todo tipo de espectadores, incluído o adulto. Supón unha oportunidade para os asistentes de entender mellor aos seus fillos, ás súas fillas, aos seus alumnos…, en definitiva, de entenderse mellor xeracionalmente.

O inicio do filme establece un arranque vibrante que culmina nesa escena clave que é a festa. Ata certo punto, logras unha sensorialidade que incluso podería rememorarnos a autores como Leos Carax ou Gaspar Noé. Existe algún referente directo no que te inspiraches á hora de realizala?

En realidade, non tiña ningún referente concreto para facer esa escena. Quería tan só que fose crible e que os rapaces o pasaran ben, buscando ao mesmo tempo que o espectador tamén conectase con este ambiente de diversión nun sentido inmersivo, sen xulgalos. A forma de rodar a escena foi un pouco así, traballando cunha steady no medio do baile, como parte dunha festa real. Logo chega a visión da festa dende fóra, na que a cámara se volve máis lenta. Isto aporta outra lectura do que vai pasar, como unha transición ao resto do filme.

“Foi bastante épico filmar en condicións meteorolóxicas adversas. A atmosfera era real”.

Sonia Méndez en A Fonsagrada (Foto: Leo López)

A produción contou con outra dificultade engadida, como é rodar con neve e en condicións meteorolóxicas adversas. Que destacarías á hora de afrontar esta experiencia?

Era outro hándicap que tiñamos que resolver. Aínda que tiñamos outros tipos de neve na película, precisabamos tamén neve real. O caso é que esta non chegaba, polo que decidimos adiar eses días sen saber ben que facer. Incluso fomos a localizar a León cando empezou a nevar alí. Cando xa tiñamos todo preparado en León para rodar, empezou a nevar en Galicia, polo que decidimos regresar. Foi moi complicado mover ao equipo, xa que era case imposible entrar en A Fonsagrada. Contamos coa axuda de Protección Civil, a Garda Civil e a quitaneves. Foi bastante épico, algo que se reflicte na peli. A atmosfera era real.

Existe un elemento que é clave para crear o ton do filme: a música. Creo que é importante remarcar que este recurso non sempre se resolve con solvencia no cinema galego, sentíndome gratamente sorprendido polo excelente acabado amosado en As neves. Este asombro inicial acadaría un chanzo máis cando rematado o visionado chega ao meu coñecemento que o responsable da partitura foi Andy Bell, integrante de míticas bandas británicas como Ride ou Oasis. Que sucede para que se produza unha colaboración deste calibre?

A historia con Andy Bell remóntase á escritura de guión, momento no que constrúo unha banda sonora a partir dunha lista de cancións. Antes e durante a pandemia escoitei moitos dos discos en solitario de Andy, entre eles The View from Halfway Down (2020) e Flicker (2022). Neste último álbum había un tema chamado Lifeline, que me parecía que tiña que estar na peli, como así foi na versión en acústico que acompaña os créditos finais. Era como un namoramento con este tema, polo que un día antes de iniciar a rodaxe escribín un mail a Andy falándolle sobre o filme. Curiosamente, contestou e aí empezou todo. Nun principio o responsable da música ía a ser Xavi Font, que tamén era o produtor da banda sonora. Xavi tamén era súper fan da época Ride de Andy, polo que dixo ata onde el queira. Empezamos a falar máis en profundidade. Mándolle o guión e, como lle gustou moito, dixo que tiña moito interese en facer toda a banda sonora. Facemos as primeiras reunións e ía mandando cousas. Logo, convidámolo a vir a Galicia e estivo aquí unha semana. Foi un soño. Creo que conseguiu a banda sonora ideal, cunha narrativa propia que axuda a construír a historia. Mediante acoples de distorsión e superposición de capas, xérase unha conexión musical que acompaña a parte emocional e psicolóxica das personaxes sen ter unha presencia excesiva.

Como dicías antes, As neves conta cun forte carácter inmersivo. Parte desa sensación débese á música, mais que outros elementos cobraron forza para lograr ese resultado tan redondo?

A forma coa que pos a cámara, a forma en que está feita a montaxe e, sobre todo, a decisión de estar sempre cos rapaces. Isto fai que sexa inmersivo a nivel narrativo, pero tamén o é a nivel de guión. Tiñamos un guión moi traballado, buscando que os puntos de xiro sexan emocionais, non de peripecia. Tamén é inmersivo porque existe unha atmosfera, creo eu. E hai un timing. A veces acelérase, outras non. Cando os rapaces están agoniados, vas máis cerca deles pechando o plano. Cando se atopan nun espazo de diversión, os planos son máis abertos. Todo está moi calculado, ademais da música e do son. Pensa que todo o tema do vento, do temporal, está sempre presente, pero faino dun xeito progresivo case imperceptible. É un traballo de son moi importante.

“A xente está cada vez máis acostumada a ver películas e series noutros idiomas. Nós pensamos e quixemos facer en galego As Neves”.

Falemos da cuestión do idioma. Antano o debate sobre a presenza do galego no cinema ten sido ben intenso. Pola contra, hoxe en día existe un número crecente de producións rodadas no noso idioma que certificarían que a polémica está superada. Cal é a túa opinión ao respecto e que decisións tomaches neste sentido para o teu filme?

Nunca pensei en facer o filme noutro idioma que non fose o galego. Tampouco o considerei un problema para vender a película. De feito, colleuna HBO e ten participación de Televisión Española. A xente está cada vez máis acostumada a ver películas e series noutros idiomas. Despois penso que precisamente o que parece máis local, moitas veces é o máis universal. As neves pode pasar en calquera sitio do mundo. O localismo non o dá o idioma, senón o xeito como contas esas historias. E dá igual que empregues o galego, o castelán, ou o idioma que sexa. Nos pensamos en galego e queremos facelo en galego. O contrario sería o estraño.

Para a distribución nacional, estás tendo algún tipo de limitación, ou pola contra algunha imposición, como a necesidade de dobrar o filme ao castelán?

Tivemos que dobrar o filme ao castelán, porque é un requisito de Televisión Española. Foi unha dobraxe que fixeron os propios rapaces, por certo dun xeito moi natural. Xa que tivemos que dobrala, polo menos que soasen eles mesmos. Fóra diso, non tivemos ningunha esixencia nese sentido. En Galicia está a proxectarse en versión orixinal en todos os cinemas, sen subtítulos. En Madrid tamén está en versión orixinal subtitulada, xa que pasa en salas de cinema de autor. E non sei en Valencia e outros sitios de fóra. En todo caso, a distribuidora nunca nos impuxo nada nese sentido.

Sonia Méndez en Numax (Foto Severiano Casalderrey)

Seguindo coa mirada máis alá das nosas fronteiras, como se leva ser seleccionada coa túa primeira ficción no Festival de Málaga?

Pois foi moi guai, a verdade, primeiro porque é un dos festivais máis importantes en España. Ademais, estivemos competindo na Sección Oficial, cunha ópera prima, con actores descoñecidos e en galego. Logo, Málaga dáche moita prensa. A xente está moi pendente de ti e tes moita difusión antes de chegar ás salas comerciais. Iso si que o aproveitamos.

E como sentiches a acollida no festival?

Podo dicirche que non pasou nada inadvertida. Gustou e falouse moito da película. Iso deunos un primeiro pulo importante para dala a coñecer. Ademais, foi marabilloso levar aos rapaces e participar nas roldas de prensa xunto deles. Eles falan moi ben tamén. En xeral, foi unha experiencia moi bonita.

O teu perfil é moi completo: guionista, produtora, actriz, directora doutros formatos… En que te beneficiou toda esta experiencia previa para sacar adiante As neves?

A ver, eu son todo iso porque non me quedou outra. Entendo que a xente se pregunte como puiden facer todo iso. Pero, unha cousa foime levando a outra: comecei como actriz, paseime á dirección, autoproducín as miñas curtametraxes e despois montei con Nati [Juncal] a nosa produtora Cósmica. En realidade, sempre escribín os guións de todo o que dirixín. Pero iso non quere dicir que non poida traballar como guionista ou directora para outros proxectos. A día de hoxe, teño sorte de ter a Nati, que se encarga máis da produción, así eu podo dedicarme á dirección. E despois, o tema de actriz, creo que ter traballado neste rol apórtache certa experiencia para traballar a dirección de actores. Gústame moito esa parte do traballo, saber como tratar cos actores. Penso que todo ao final vaiche dando diferentes experiencias que se complementan. Non é que dixera “vou facelo todo”. Como dixen, non me quedou outra.