Sábado 13, Agosto 2022
HomeCultura MARCOS NINE, director de cine

[ENTREVISTA] MARCOS NINE, director de cine

A virxe roxa: utopía, feminismo e cinema 

por Fernando Redondo

A virxe roxa, último filme de Marcos Nine, reconstrúe a utopía imaxinada por Aurora Rodríguez para a súa filla, a célebre Hildegart, educada para converterse en modelo de muller emancipada. Enfiando entrevistas con secuencias de películas moi diversas daqueles anos 20 e 30 a través dunha voz en off, ármase este artefacto fílmico que pasou pola SEMINCI de Valladolid e o Festival de Cine Español de Nantes, e vén de recibir o premio Mestre Mateo ao mellor documental. A produtora da película, Recrea Films, traballa agora, tamén con Nine na dirección, nun proxecto sobre caso de José Couso.

Que foi o que chamou a túa atención ao respecto da vida e as peripecias de Aurora Rodríguez e da súa filla Hildegart?

A min interesoume dende un principio o contexto histórico e social no que se densenvolve esta historia. Xuntábanse aquí o movemento obreiro, a utopía socialista e o feminismo. Sempre quixen que o espectador entenda as razóns dos personaxes, do seu comportamento, das súas tomas de decisión, e para isto era necesario indagar no contexto. Despois, o aspecto máis interesante do pensamento e a obra de Hildegart é o revolucionario, sobre todo no que ten que ver coa educación sexual como forma de emancipación da muller, a toma de control sobre a sexualidade propia. Nisto era moi adiantada ao seu tempo, tendo en conta ademais o peso que tiña a Igrexa.

“Interesoume dende un principio o contexto no que se densenvolve esta historia sobre a vida de Aurora Rodríguez e da súa filla Hildegart. Xuntábanse aquí o movemento obreiro, a utopía socialista e o feminismo, sobre todo no que ten a ver coa educación sexual como forma de emancipación da muller”

Como cres que se relaciona esta historia cos tempos actuais, nos que pula con forza unha sensibilidade renovada por visibilizar e promover o papel da muller na sociedade?

Coido que se dá aínda unha certa vixencia. Hai elmentos comúns, como é o da emancipación no sentido de liberar á muller da subordinación sexual ao home, que era contra o que ela pelexaba nos seus escritos. A día de hoxe, aínda non se ve de igual xeito a busca do placer no home e na muller. Logo, está o empoderamento, é dicir, que unha muller teña entidade propia más alá da súa relación co varón. Finalmente, están as relacións materno/filiais, a idea de ter unha filla como proxección de unha mesma, buscando conseguir a través dela o que quixera ter logrado para si. Tamén houbo quen me lembrou que estabamos diante dunha historia universal, a dunha muller e nai controladora.

Sobre a proposta estética e narrativa, estamos diante dun filme de non ficción no que se xoga coa asociación de imaxes de procedencia moi diversa, que se poñen a dialogar e interactuar entre elas. Isto implica unha complicidade do espectador, que deberá manterse especialemente activo e atento…

Si, pero tampouco me propoño necesariamente que o espectador o comprenda todo. O relato está armado pola superposición de varias capas. Hai alomenos tres. Unha primeira capa literal, coa exposición dos feitos de base. Logo ven unha capa simbólica, para a que temos que pensar en imaxes en forma de metáfora visual que sirvan para representar aquela capa literal. Funciona así, basicamente, como unha metáfora: temos un elemento real (o que vai na “capa literal”) e temos un “elemento comparativo” (que vai na capa simbólica). No momento en que establecemos a relación entre ambas as dúas, podemos eliminar o real, porque o comparativo pasa a ser unha representación simbólica do real. No tocante á capa emocional, ten que ver coa percepción que queres que teña o espectador. Nunha secuencia na que discuten Aurora e Hildegart, colocamos planos de persoas pelexando en paralelo coa imaxe dun grifo que vai pingando ata chegar a un mar embravecido. A idea é xerar no espectador a sensación de acumulación, de que pinga a pinga a tensión vai en aumento

Onde bucas ese cantidade e variedade de imaxes que precisas? Que método segues para localizar e logo remontar todo este material?

Internet fai todo isto moito más fácil. A través de portais como Europeana ou Internet Archive podes acceder a moitas institucións (arquivos, filmotecas, etc.), buscar aquí, contactar, entablar negociacións e chegar a acordos para o uso das imaxes que che interesan.  Dende o guión, a historia está estruturada en capítulos. Primeiro pensamos as imaxes que se precisan para cada capítulo. Cando se reciben, comeza unha primeira fase da montaxe. Normalmente, poñía unha semana de prazo para a localización das imaxes e nesa semana ía montado o capítulo anterior. Esta montaxe pode ir reconfigurándose a medida que chegan imaxes novas para os sucesivos capítulos, de onde é posible ademais que se poida aproveitar algo para capítulos anteriores.

A virxe roxa pertence a ese tipo de cine que non sei moi ben se chamarlle de compilación, de apropiación, de remontaxe… Demostras no teu traballo unha singular habilidade para trafegar coas imaxes, levándoas dun contexto a outro…

“En A virxe roxa o que se saca de contexto son as imaxes. Aquí sonme moi útiles as técnicas de montaxe de Pudovkin, traballar coa montaxe por contraste, coa montaxe simbólica e cos leit motiv como unha constante de algo que se vai repetindo e creando así unha atmosfera”.

Sempre gustei de buscar nos arquivos e traballar con material preexistente. O que máis me interesa disto é que, no fondo, todo é linguaxe. Nun filme convencional, penso no plano como unidade mínima de información e nos planos que necesito para armar unha secuencia na que contar algo concreto. Pero cando traballo co arquivo e busco expresar algo, a información que traen os planos está pensada para contar unha secuencia á que xa non van pertenecer. Daquela, xa non podo pensar nun plano como unha unidade porque esa unidade nunca vai contar coa información que eu preciso. Aquí o que trato de facer é desactivar a información que traen consigo estas imaxes para darlles outra nova.

Esta descontextualización á que sometes as imaxes, non pode dar a sensación de que estás traizoando a súa verdadeira natureza, o propósito primeiro para o que foron elaboradas?

Pois si, penseino algunha vez, pero enseguida deixei de pensalo neses termos. Hai algo no traballo de apropiación que ten que ver con darlle unha vida a todas estas imaxes, de revisitar  todo este caudal visual esquecido ou que dificilmente volve a verse tal e como se creou no seu momento. Nesta apropiación dá igual que se produza coa intención orixinal ou cunha nova. Entendo que todo está aí, que pode tomarse e transformarse. En relación con isto, sempre lembro unha secuencia da Letra de Siberia, de Chris Marker, onde unha mesma montaxe cambia por completo con dúas voces en off distintas.

Esta película emparenta, en certa medida, con aquela outra túa, A viaxe de Leslie, nese afán por afondar no que as imaxes mostran sobre certos acontecementos ou personalidades singulares, non?

Bueno, pero tamén hai moitas diferenzas. En A viaxe de Leslie usabamos o audio das películas que se asociaban alí entre si, o que condicionaba moito o uso que se facía dese material. En A virxe roxa, polo contrario, case todo é cine mudo e o son non se respecta porque se emprega un comentario off engadido. Por outro lado, En A viaxe de Leslie, eses diálogos sácanse de contexto, namentres que en A virxe roxa o que se saca de contexto son as imaxes. Aquí sonme moi útiles as técnicas de montaxe de Pudovkin, traballar coa montaxe por contraste, coa montaxe simbólica e cos leit motiv como unha constante de algo que se vai repetindo e creando así unha atmosfera.

No teu traballo no audiovisual hai unha faceta moi experimental, penso por exemplo en títulos como A fenda, que se complementa co labor de guionista en series televisivas plenamente asentadas no modelo narrativo (Mareas vivas, Pazo de familia, Serramoura…)

Penso que é moi útil poder moverse dun rexistro a outro. Isto dáche ademais unha comprensión máis ampla da linguaxe audiovisual. Non me causa ningún conflito. A virxe roxa tamén é unha película moi narrativa. Facer sempre cine experimental non é posible, e non só por cuestións económicas, senón tamén mentais. As películas experimentais, como A fenda ou a A virxe roxa, esixen moito no plano emocional e no mental. Lévante, neste sentido, a unha intensidade mental da que tamén queres descansar de vez en cando.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]