“O que nos propoñemos é unha refundación de Radiotelevisión Española, cun marco económico e xurídico novo”
O peculiar desta conversa está en que entrevistador e entrevistado seguiron traxectorias paralelas e ás veces tanxencialmente semellantes. Os seus percorridos académicos teñen puntos de encontro na preocupación pola alfabetización mediática, por unha banda, e na mútua convicción do carácter imprescindible dunha radiotelevisión pública estatal forte que axiña poida recuperar na valoración da cidadanía o prestixio e o respeto que chegou a ter en tempos pretéritos, pola outra. Presentáronse os dous ao concurso público para optar á Presidencia e ao Consello de Administración de RTVE, e os dous foron valorados entre os 5 mellores proxectos evaluados por un Comité de expertos. José Manuel Pérez Tornero é agora o actual Presidente da Corporación, e o profesor Agustín García Matilla (catedrático de Comunicación Audiovisual no campus universitario de Segovia) entrevístao TEMPOS NOVOS co obxectivo de clarexar as razóns do que moitos estiman que é a última oportunidade para que a Radiotelevisión pública poida saír da crise á que a levaron os anos de abandono e desidia amosados polos sucesivos gobernos que lideraron España. A conversa tivo lugar o domingo 28 de novembro último entre as 18:30 e as 20:00 horas da tarde, vía online.
texto Agustín García Matilla foto RTVE
Desde o teu nomeamento, asumiches decisións e iniciaches proxectos como o da Gran Consulta, e todo elo nunha situación económica difícil para a Corporación RTVE…
A Consulta pública que lanzamos ten diferentes dimensións. Trátase agora dunha sondaxe dixital. Estamos recollendo moitas impresións de responsables institucionais e tamén de xente da rúa. Faremos 4 ou 5 foros. Un cultural e educativo, outro co mundo do cinema, outro co entorno científico e outro coas organizacións sociais. O obxectivo final é saber o que o conxunto da sociedade quere que sexa Radiotelevisión española. E isto sumado á coxuntura de que é preciso facer un novo mandato marco e que para ese mandato ofrecimos facer un libro branco, aproveitando que tamén se está reformulando a Lei Xeral do Audiovisual. O que tamén nos propoñemos é unha refundación de RTVE. Esa refundación comporta un marco económico e xurídico novo. Paréceme que temos unha ventá de oportunidade ata febrero ou marzo de 2022, e de aí sairá unha nova dimensión da radiotelevisión pública.
E en relación coa difícil situación económica que vive a empresa?
No que se refire á situación económica para o 2022 estou moi tranquilo. Temos máis diñeiro dispoñible e asegurado que nos últimos anos. En total, 1.101 millóns de euros. Non é que sexa a situación desexable ou historicamente concebida, pero si que é mellor que a que tiñamos o ano pasado e os anos anteriores. Remataremos o 2021 cunha débeda importante, que non deriva da xestión económica senón e sobre todo da cuestión do IVE. O problema estriba na reclamación por parte da Axencia tributaria dunha cantidade polo IVE, un litixio que estou seguro que se vai resolver de maneira favorable para nós. Esperamos acabar este ano con equilibrio orzamentario. O ano 2022 non me preocupa. Non é algo que me inquede. Para o 2023 todo vai depender do novo sistema de financiamento que se desenvolva coa Lei Xeral do Audiovisual. Aí si que insistiremos en que o financiamnto de RTVE se corresponsa co mandato marco. Debería axustarse ás obrigas que estableza este mandato.
Ten sentido a existencia de RTVE?
Claro que si. Hoxendía hai máis razón ca nunca para que exista, para que se amplíe e para que se convirta en referente. A escaseza de frecuencias, que era unha xustificación, xa non existe. O papel institucional do Estado está cada vez máis posto en cuestión porque hai moitos intereses que o queren deslexitimar. Hai, ademais, unha saturación informativa que xera dispersión e desinformación. Está tamén a globalización, que está provocando que perdamos a soberanía sobre a nosa cultura e sobre a nosa identidade. E logo está esa polarización da democracia que ten a ver moito coas redes sociais e coa manipulación desas mesmas redes. Cómpre loitar para crear referencia. Esa referencia ten que dala o servizo público. Engádelle a todas esas razóns a crise do xornalismo clásico. RTVE, xa que logo, é máis necesaria ca nunca.
“Non temos publicidade, e non temos por iso servidumes comerciais. Cando se concentra a publicidade como sucede actualmente e se concentran os medios, xa non é coma antes cando había un mercado amplo de publicidade e tamén de medios, e iso comporta o risco dunha perda de independencia”.
Con que obxectivos? E como pode acadalos a Corporación para diferenciarse claramente doutras ofertas comerciais, e xustificar así a súa existencia e o seu financiamento público?
Unha diferencia moi clara e que está definida é que non temos publicidade, e xa que logo non temos servidumes comerciais. Esa é unha cuestión moi importante, porque cando se concentra a publicidade como se está concentrando hoxendía e se concentran os medios, pois xa non é coma antes cando había un mercado amplo de publicidade e tamén de medios, e iso comporta o risco dunha perda de independencia. Así que nós xa demos un salto que creo moi importante. Hai que dar en segundo lugar outro salto de mentalidade. A lei actual asegura que o Consello de Administración é para 6 anos, e a Presidencia é tamén para 6 anos. A dependencia é de todo o Parlamento: na subcomisión de control está representado o Parlamento ao completo, e xa é cuestión de que o Consello de Administración e mailos profesionais saiban gañarse a confianza do público. Non hai unha radiotelevisión pública se non hai un público apodeirado, un público capaz e participativo, un público que demande non unha masaxe senón unha mensaxe, e isto é o que temos que conseguir.
Que dimensión sería necesaria para acadar eses obxectivos en términos de orzamento, en plantillas, e incluso en términos de aspiración de audiencia?
En relación coa audiencia: penso que deberíamos estar nos momentos relevantes das persoas, pois que cando elas teñen un dilema diante dunha información ou diante dun compromiso, a radiotelevisión pública ha ser a máis relevante. Temos valorado a importancia da dieta mediática: unha persoa non debe estar 7 horas diante da televisión, nin sequera diante da radiotelevisión pública. No que ten a ver coa economía, en comparación con Alemaña, Francia ou Gran Bretaña nós estamos mal en canto a financiamento. Isto significa que, pase o que pase, a aportación e o financiamento público á radiotelevisión debería aumentar nos próximos anos. Coido que o mandato marco debe esixirlle máis á radiotelevisión pública, e por iso deberíamos ir a máis. Vindo dun financiamento arredor dos 1.300 millóns, é preciso aspirar a máis non no 2022 ou no 2023, pero si nun periodo de cinco anos. Se gañamos a confianza das institucións e da cidadanía, poderemos ir pedindo máis medios. Para resumir: mentres se faga máis útil, máis xustificado estará o diñeiro que se lle destine.
Respetaches ata o de agora a programación deseñada pola anterior responsable da Corporación, a administradora única Rosa María Mateo. Porén, aínda que durante o seu mandato se buscou modernizar a programación e chegar a unha audiencia máis moza, os datos demostran que ese obxectivo non se conseguiu…
Non estou de acordo nesa apreciación. Nos últimos meses aumentamos a audiencia dos informativos. En setembro, outubro e novembro houbo unha recuperación. A 1, que é a que conta cos informativos principais, subiu a unha audiencia máis elevada que nos últimos anos. Cales son os problemas relacionados coa audiencia? Hai un estrutural: os audímetros están orientados a valorar o anuncio publicitario, e están distribuidos en España para favorecer o consumismo masivo. Non atende ao que é o servizo público; non é válido para medir ese servizo público. Hai que transformalo, hai que amplialo.
“As empresas de audiencias o que miden é a masaxe, non miden o contido. O contido A pode ser nocivo e o contido B pode ser positivo, e sen embargo o que se chama investigación de audiencias só mide o tempo de exposición diante dun medio e a masificación. Coido que este é un problema que nos esquecemos de criticar academicamente nos últimos anos”
Mirando os datos de audiencia dos informativos que dá Kantar, e publicados por Barlovento, vemos que TVE 1 xa baixou do 10% de audiencia…
Non son datos correctos. Eses datos proceden da lectura dun dos elementos que proporciona Kantar, os relativos ás análises de distribución e de alcance. Collendo os datos de Kantar, cos informativos en tódalas súas edicións e por xéneros RTVE alcanza a máis millóns de persoas que os informativos de calquera outra canle. Conseguiuno nos últimos meses. Cando se admite sen crítica nin discusión a presentación sesgada das audiencias, hai que saber que se está presentando exclusivamente unha comparación comercial. Eses datos lánzaos unha empresa que está contratada polas canles de distribución e que ademais é a que lanza a información á prensa. O que estou a ver neste periodo é que hai unha lectura sesgada dos datos de Kantar. Asegúroche que en alcance, en millóns de poboación, nos últimos meses estamos sendo líderes por enriba de Antena 3. Critico o discurso único das audiencias. As audiencias necesitan unha lectura crítica que non se fai, porque estamos plegados a unha estrutura puramente comercial.
E non tería que ser a propia Radiotelevisión pública a que contrarrestase eses sesgos? Non pensas que debera haber un imprescindible labor de comunicación?
Ímolo facer. En primeiro lugar, empezaremos a dar outros datos centrados en xéneros de contidos e alcance. Levamos desde o mes de setembro traballando nesa liña, e empezaremos a dar eses datos a partir de xaneiro. En segundo lugar, nos meses de xaneiro e febreiro levaremos a cabo unha discusión académico/científica con universidades e expertos, e definiremos os indicadores do servizo que debe cumprir unha radiotelevisión pública mediante seminarios e publicacións. A principios de febreiro organizaremos un seminario coa UE, para estudar e comparar os diferentes sistemas de medición. A idea é a de crear despois unha especie de consorcio, no que non só estea RTVE senón tamén outras entidades que poidan garantir uns datos de audiencia diversificados, centrados sobre todo en intereses non comerciais. A partir de aí lograremos consolidar a mediados de ano unha comunicación que non pode ser só de RTVE, porque do contrario non sería creíble, e un sistema de análise plural das audiencias.
Acabas de ser moi crítico co modelo de medición de audiencias, pero como moi ben sabes hai outro aspecto esencial na televisión de servizo público que é o da estratexia de emprazamento de valores. Se existe o productplacement, non se debería falar tamén do valueplacement?. Que pensas desta posibilidade xa experimentada noutras épocas, sobre todo a respecto do que acabas de comentar sobre a relación coas universidades? Debería obxetivarse esta cualificación de tempos e de espazos que a Corporación lle dedica a tódolos contidos específicos de servizo público dos que apenas se ocupan as privadas?
Imos ser realistas: o que agora se chama investigación de audiencias nin é investigación nin é audiencia. Cando se fala de audiencias masivas, estamos nun paradigma mediático que xa está superado. Estamos falando dunha audiencia pasiva que o único que facía era recibir. Desde Stuart Hall e outros sábese que é unha visión moi sesgada da realidade. Mesmo cando partimos do paradigma de audiencias masivas, as audiencias son creativas, e todo isto ninguén o quere medir. O que miden é a maxase, non miden o contido. O contido A pode ser nocivo e o contido B pode ser positivo, e sen embargo o que se chama investigación de audiencias só mide o tempo de exposición da audiencia (diante dun medio) e a masificación. Coido que este é un problema que nos esquecemos de criticar academicamente nos últimos anos. Entramos nunha crise de complicidade cun sistema que é o que Schramm denominaba investigación administrativa, e estamos abeirando a investigación crítica. Ti reivindicas que hai que medir tamén os valores. Diso ninguén se ten preocupado. En RTVE estamos agora retomando estes temas, estudando os metadatos dalgúns contidos dos informativos, pero cómpre facer unha investigación enorme, non? Dado que me preguntabas tamén polo sistema universitario, o que che propoño é que profundicemos na idea da creación de cátedras.
O bo sería que as universidades que xa desenvolveron esa orientación de cátedras vencelladas con diversos aspectos do estudo da televisión, e a súa relación coas tecnoloxías da información e da comunicación, poideran colaborar directamente nesa faceta de investigación e incluso na produción de experiencias piloto. Está claro que hai campo para todas elas, non crees?
O que me vés de apuntar ti agora, e que nos falta, é concretar que valores e que contidos aporta RTVE, o que se chama o test valium que aplican as televisión europeas, quérese dicir, un test de valores da programación, incluso dos informativos. A min si que me gustaría. Dígoo porque os convenios coas universidades asínaos o Presidente da Corporación e o Rector. Unha vez asinados eses convenios, poden federarse universidades. Eu estaría aberto a esa colaboración académica e tamén social, porque son partidario de definir indicadores, e que eses indicadores servisen para valorar e monitorizar o traballo da radiotelevisión, e que fosen tamén a base dun diálogo cos diferentes elos sociais.
As presións dos partidos e dos diferentes sindicatos non teñen contribuido precisamente nestes anos a reforzar o prestixio de RTVE. Como te planteas facer unha defensa da Corporación nun contexto tan contaminado?
O que mencionas forma parte dun sistema democrático. Nun sistema democrático, os sindicatos defenden os seus intereses e os partidos políticos tamén. Ás veces fano de maneira manifesta e ás veces de maneira latente. Iso é a praza pública. Creo que o que ti mencionas é un problema máis do pasado que do futuro. Un periodo no que a Administración Única se enfrontou a un cambio de lexislación, a un cambio de Goberno que propiciou toda unha crítica á radiotelevisión pública. O concurso público e o novo Consello de Administración poderíanse ter feito mellor e máis rápido, con máis resolución e menos ambigüidades. En todo caso, coido que marca un fito, e cando menos ao relacionarme cos sindicatos ou cos partidos políticos percibo que hai unha maior expectativa de deixarlle maior autonomía á Radiotelevisión Pública que non é só unha autonomía profesional. A autonomía está concebida na Constitución e no Mandato Marco, quero dicir que é a defensa dos valores constitucionais, a defensa da democracia, a defensa da cidadanía e da participación. Todo iso é moito máis, é máis complexo que simplemente a liberdade profesional. A independencia da liña editorial de RTVE trascende a independencia dos xornalistas, dos programadores, dos informadores e dos técnicos. Con todo iso eu percibo un crecemento da autonomía.
Podemos buscar e afondar en aspectos positivos e nas aportacións que a radiotelevisión pública estatal está facendo en maior proporción, por caso no que se refire á produción e o apoio á industria do cinema español e aos seus creadores. Entendes que a industria é consciente do papel decisivo que comporta esta imprescindible axuda da Corporación RTVE?
Teño a sensación de que a industria sabe que, aparte da do Ministerio de Cultura, a outra fonte de financiamento -porque, ademais dunha tradición, é unha obriga europea que está en case tódalas Directivas- é a de RTVE, que ten unha función crucial. Gustaríame ser positivo e ao tempo crítico. RTVE pódeo facer mellor. Durante un tempo houbo criterios pouco coñecidos pola industria á hora de seleccionar as películas. Houbo bastante unilateralidade na decisión deses criterios, e tamén pouca comunicación sobre como se aplicaron eses criterios á hora de seleccionar o cinema a financiar, os documentais, etc. Temos que establecer nos próximos meses un diálogo coa industria, chegar a unha especie de entente, se non unánime, si un consenso claro, un principio de acordo, e facer moito máis transparentes os criterios polos que financiar. Por outra banda, como Presidente de RTVE non teño ningún inconvinte en adquirir máis compromisos na axuda ao cinema, e non só, tamén a toda a rama do que se chama Industria Creativa do país, porque moitas veces o audiovisual xa non se pode separar do que é o teatro, do que é a música, as artes escénicas…
“Durante un tempo houbo criterios pouco coñecidos pola industria á hora de seleccionar o cinema a financiar, os documentais, etc. Temos que establecer nos próximos meses un diálogo coa industria, chegar a unha especie de entente, se non unánime, si un consenso claro, e facer moito máis transparentes os criterios polos que financiar”
Podería aproveitar RTVE a potencialidade das súas canles de televisión, emisoras de radio e plataforma para abordar de maneira global un traballo 360º que xa se realizou con éxito noutras etapas, e que especialmente serva a ese campo da educación en competencia mediática e informacional?
Teño na estantería do meu despacho o Libro Branco que ti fixeches hai tempo, porque creo que con só cambiar un pouco o ecosistema tecnolóxico moitos daqueles plantexamentos seguen sendo válidos. Hai moita filosofía no noso país sobre a relación entre audiovisual e educación que é perfectamente aproveitable. Sabemos tamén que aquelo que se chamaba educación en medios, o que agora se chama alfabetización mediática dixital, no fondo é o mesmo, e tamén hai niso moito camiño andado. Un dos meus obxectivos para o ano 2022 é lanzar tamén unha campaña que conecte cun grande esforzo da radiotelevisión pública a prol da educación en tódolos ámbitos: universitario, contínua, e tamén educación da cidadanía. Porque hoxendía a educación é mediática. Se non hai educación mediática, non hai educación. Temos moito por facer, e podemos ser nisto pioneiros en Europa. Sei que RTVE non pode facelo soa, que o ten que facer en connivencia coas universidades, cos expertos, coas asociacións, e aí si que me gustaría que me axudases ti e que me axudasen outros académicos para facer unha plataforma común, porque compartimos obxectivos e valores. Coido que o podemos poñer en marcha a partir de febreiro.
Como conciliar o cumprimento dos obxectivos de servizo público e de rendabilidade social con espazos que reúnan audiencias suficientes, destacadas ou obxectivas, que xustifiquen a súa emisión por caso nas canles xeralistas?
Hai que confiar cada vez máis en que a cidadanía é intelixente e ten competencia, e que o que necesita é máis apoderamento, máis ámbitos de realización das súas liberdades, do seu sentido crítico e do seu afán de progreso. Creo que todo o mundo quere progresar e quere ter unha sociedade inclusiva. Agás minorías cínicas, que existen. Cando sentamos para falarmos sobre o futuro dunha sociedade, sae que queremos que haxa un ambiente confortable, que a riqueza se distribúa igualmente, que non haxa marxinados, que non haxa estigmatizados. Facilitar que se poñan en común estes valores, que son democráticos e de democracia avanzada, é o que xustifica que confiemos e teñamos a esperanza de que os públicos da radiotelevisión pública avancen. Se non avanza, o problema non é só de RTVE, éo da educación, da política, dos investigadores…O que ten que facer a radiotelevisión pública é concienciar a todo o mundo de que a tarefa de apoderar á cidadanía é unha tarefa colectiva.
Sería importante, tal como sucede coa BBC, chegar a establecer un pacto coa educación e un servizo público destinado a que a radiotelevisión pública sexa tamén útil para a educación como obxectivo prioritario?
Totalmente dacordo. Coa educación, coa cultura, coa creación, coa ciencia. Claro que si. Temos un Consello Asesor no que están representadas tódalas comisións educativo-científicas. Cómpre activalo. Tras a Gran Consulta pública ten que saír un pacto de todos, un pacto que é moi importante para asegurar a utilidade da televisión pública.
Cales consideras que son as transformacións tecnolóxicas a curto e medio prazo para que o audiovisual español poida liderar o proceso dese cambio acelerado que estamos vivindo e no que estamos inmersos?
Polo que lle corresponde a RTVE, creo que ese é o grande cambio empresarial que estamos dando. En vez de falar de canles autónomas -radio, televisión, interactivos- cómpre falar de contidos. Tal como etán estruturados, primeiro son contidos culturais e educativos, en segundo lugar ficción e entretemento, e en terceiro lugar contidos informativos. Despois hai unha grande fábrica onde os conceptos de contidos hanse traducir en contidos concretos, e logo hai un sistema de distribución. Xa que logo, ese sistema de distribución é multimedia 360º e de estratexia transmedia. Ese é o grande cambio empresarial. De cara ao sector audiovisual, RTVE pode ser a grande plataforma, o foro común de integración de toda a industria audiovisual porque necesitamos reforzo, coordinación e saír ao mundo. Penso que en Europa as industrias creativa e cultural van ir medrando, convertíndose nun motor de desenvolvemento, creación de emprego e de cultura. En España o audiovisual representa un 0,5% do PIB, pero podemos chegar a un 0,7% ou máis, e o que ten que facer RTVE é impulsalo. De cara a fóra, o obxectivo é construir unha grande plataforma do audiovisual español, incluíndo tamén a toda América Latina, para crear as mellores condicións para o desenvolvemento de todos e cada un dos nosos países.
“Un pacto coa educación, coa cultura, coa creación, coa ciencia. Claro que si. Temos un Consello Asesor no que están representadas tódalas comisións educativo-científicas. Cómpre activalo. Tras a Gran Consulta pública ten que saír un pacto de todos, un pacto que é moi importante para asegurar a utilidade da televisión pública”.
Desde que se creou a Corporación, RTVE tivo ata sete xestores diferentes en 14 anos…Un periodo, pois, de inestabilidade. Cales son para ti as prioridades para consolidar unha empresa sólida, eficaz, útil á sociedade e sostible?
A prioridade é a transformación dixital no novo ecosistema. Isto representa unha renovación cultural interna, porque temos que ver a realidade comunicacional en 360º. E precisa novas competencias. E que é o que nos encontramos? A estrutura empresarial de RTVE adolece dun catálogo ou mapa de competencias, dun catálogo adecuado de postos de traballo. É deficiente no sistema de formación de novas competencias, e a formación contínua veu sendo unha materia pendente nos últimos anos. Coido tamén que se pode mellorar moito na eficiencia da xestión económica. En conxunto, RTVE confioulle a creatividade ao entorno exterior e, xa que logo, adolece de falta de unidade no desenvolvemento de programas, de creatividade, de formatos propios, e penso que este é un incentivo moi importante que hai que incorporar ao futuro. Tamén podemos mellorar as compras de programas noutros aspectos, e tamén en informativos, pois fixámonos demasiado na competencia privada, que ten outros intereses. Nós deberíamos ir moito máis alá na análise desa competencia e planteármonos que temos que facer un servizo público, e aí tamén hai que facer un grande esforzo nos informativos.
Cales pensas que son os riscos e as ameazas neste contexto que vés de definir?
A primeira é a rutina, mirar para atrás e evitar a innovación. A segunda é a desvertebración interna. Se cada unidade se considera un feudo, se cada entidade representativa dirime en público e sen ningún tipo de discreción tódolos problemas internos, resultará que a percepción da radiotelevisión pública será a de que “isto é un volcán”. Non é un volcán. Fáltanos un pouco de concertación interna, e fáltanos despois un pouco de maior diálogo externo. Con todos e cada un dos partidos políticos, con tódalas forzas sindicais, coas forzas empresariais…A misión da radiotelevisión pública é concertar un diálogo sereno de progreso.
Cando dis que unha das misións da radiotelevisión pública é recuperar a creatividade, enfróntaste a unha circunstancia comprobada e repetida por moitos que é a desmoralización dos traballadores. Moitos deles xa tiraron a toalla. Como rescatar nestas circunstancias a eses traballadores que son os que deben aportar creatividade?
Hai que dicir en primeiro lugar que non é fácil. Cada vez que falo con calquera dos traballadores de RTVE recórdolles que dentro estase mellor ca fóra. En segundo lugar, recoñecendo que houbo periodos nos que se ninguneou a creatividade e a aportación dos traballadores, hai que dicir que é preciso abrir cantos máis ámbitos posibles para desenvolver esa creatividade, e iso só se pode facer falando, participando, dialogando. Ten que ser un cambio solidario, compartido coa xente, non? Un cambio de mentalidade. Encontramos como ti dixeches moita desmoralización, que leva ao pasotismo. Hai que darlle máis a quen máis se arrisca e menos a quen se arrisca menos. Cómpre dar, si, un salto de incentivación. Non sei como o imos facer, pero hai que facelo.
Referíchete a que RTVE ten que contar coa produción externa, porque non se pode pensar que todo o talento estea nos seus profesionais. O problema é cando esas produtoras lle ofrecen á radiotelevisión pública produtos que non funcionarían nos medios privados, ou cando se demostra que os produtos ofertados nin son específicos de servizo público nin funcionan desde o punto de vista da audiencia. No Reino Unido, a BBC ten acordos con produtoras independentes, a veces máis pequenas que as grandes produtoras coas que traballa RTVE, pero que producen o que realmente quere producir a televisión pública, sen que sexan as produtoras as que impoñan aquelo que desexan vender…
A nova Lei Xeral do Audiovisual vai definir aos produtores independentes, que son aqueles que non están conectados ás grandes canles. É moi importante ter unha boa relación con eles. A través do Instituto de Radiotelevisión abriremos unha plataforma de creación que creo que vai dar bo resultado en creatividade e diálogo. En segundo lugar, e en liña non só coa BBC senón tamén con outras empresas, marcaremos abertamente as liñas de produción de RTVE para que nos cheguen ofertas de fóra acordes con elas. Pero non nos quedaremos só en ofertas pechadas de fóra. Crearemos ademais unha unidade de desenvolvemento creativo para que cando nos veñan ofertas que nós podemos completar ou axudar, lle deamos prioridade ao talento xove que a veces non é o que promocionan as grandes produtoras. Un dos nosos nortes vai ser, en definitiva, non estarmos subordinados aos grandes conglomerados de produción, que están moi concentrados, e abrírmonos á diversidade. Paréceme que isto reforza a independencia da Radiotelevisión pública.
“Os centros territoriais estiveron sistematicamente desatendidos durante décadas, e atopámolos en ruinas. Hai que darlle a volta a isto. Que desde os diferentes centros das autonomías, e desde as súas respectivas unidades informativas se traslade un discurso vertebrador de España. E isto ten que pasar porque o mandato marco fortaleza a acción da descentralización”
Outro dos problemas que se denuncian e que dificultan unha produción de informativos máis descentralizada, e o papel vertebrador que se lle atribúe aos informativos dos diferentes territorios, é que moitos dos Centros territoriais de RTVE están abandonados e carentes de recursos humanos e técnicos…
Os centros territoriais estiveron sistematicamente desatendidos durante décadas, e atopámolos en ruinas. O actual Consello de Administración fixo un diagnóstico ao respecto: cun desplegue tecnolóxico moi desigual, cunha situación patrimonial e unha dotación absolutamente desigual. Hai que darlle a volta a isto. Que desde os diferentes centros territoriais das autonomías, e desde as súas respectivas unidades informativas se traslade un discurso vertebrador de España. E isto ten que pasar porque o mandato marco fortaleza a acción da descentralización
Volvendo ao tema da educación. Na RTVE xa hai espazos dedicados á educación como os programas da UNED, experiencias como La Aventura del Saber, entre outras iniciativas como as clases de inglés de Vaughan na 2, programas de divulgación científica, etc. Como valoras esas experiencias e como se terían que actualizar neste contexto dixital e na propia plataforma da actual PlayTV?
O que hai que facer é programación contínua. Cómpre multiplicala por dous para o próximo ano. Hai que ir á 1, non á 2 ou só á radio. Hai que introducir os valores formativos e educativos nos telediarios, nos programas de entretemento, no cinema, na ficción. Creo que iso é básico e pode facerse. Existen programas destinados a audiencias residuais. Cando digo multiplicar por dous é porque estamos dispostos a facelo. Por dous quere dicir o dobre de audiencia, de recursos e de incidencia. E aínda que iso pareza moito, é só o inicio. De aí en adiante. Levamos na miseria 15 ou 20 anos. Página 2 é o único programa de fomento da lectura. Podemos multiplicar ese número por dous ou por tres, multiplicando recursos económicos e tamén impacto. Se o pasamos da 2 á 1 tamén cambiará, non?
Non coidas que habería que pensar máis globalmente niso dunha radiotelevisión útil para a educación?
Deberíamos aproveitar os interactivos. Nós podemos poñer a disposición da interacción do profesorado e dos alumnos unha grande plataforma educativa. O meu proxecto incluiría non só a RTVE, tamén ás canles autonómicas e ás universidades, podendo así facer unha grande canle do coñecemento. Non sería un ensino reglado, senón recursos audiovisuais para o ensino reglado, que é cousa distinta. Non é fabricar recursos, é traballar para a educación. Faremos unha grande canle. Son 20 millóns de euros os aprobados para facer esa nova plataforma. Bueno, en realidade do que se trata non é dunha nova plataforma, non é RTVEplay, senón a multiplicación das posibilidades de RTVE Play para moitos públicos e moitos usos -por caso, para a Ciencia, para a Cultura, para a Educación- para a descentralización, para o internacional, para as audiencias contínuas. En definitiva, a articulación dunha superplataforma que levará intelixencia artificial, análise de Big Data, Machine learning, etc. Poñéndoa ao servizo non só dos nosos contidos, senón tamén da orquestración de contidos con outras entidades, públicas e privadas. Esa canle de coñecemento vai ocupar un lugar central. E nisto debemos ter resultados xa non vindeiros meses.
Evidentemente, iso só o pode facer RTVE polos seus recursos e porque ten unha vocación de Servizo Público…
Efectivamente. Pensa por exemplo que coa política de podcast de RNE en relación coa audiencia se poden facer infinidade de cousas. Traballamos nesa liña, para ofrecer tanto recursos audiovisuais como recursos sonoros que favorezan a educación, da que falamos. Pero debemos facelo tamén cos medios públicos autonómicos, coas universidades e cos centros de produción. A min gustaríame desenvolver co Consello Superior de Investigacións Científicas unha especie de Rede de produción de universidades destinada á Ciencia. E tamén me gustaría que na nova superplataforma de RTVE houbera varias canles en streaming ao servizo das universidades. Non todo irá en La 1, porque a primeira canle non o vai asumir todo, pero tamén La 1 terá que referencialo.
E por que non dar pé a unha participación cidadá a través das propostas de RTVE? Porque segue sendo necesario aportar esa educación en competencia comunicativa, e moitos consideramos que estamos ante a última oportunidade para a recuperación da Radiotelevisión Pública…
E temos que facelo xuntos.
“Traballamos na articulación dunha superplataforma que levará intelixencia artificial, análise de Big Data, Machine learning, etc., poñéndoa ao servizo non só dos nosos contidos, senón tamén da orquestración de contidos con outras entidades, públicas e privadas. Gustaríame que nela houbera varias canles en streaming ao servizo das universidades. E nisto debemos ter resultados xa non vindeiros meses”.
O dos Informativos é un dos temas máis controvertidos e o que xerou máis polémicas no terreo da imparcialidade. Estea quen estea no Goberno, RTVE sempre tivo que soportar acusacións relacionadas coa manipulación informativa. Como superar este lastre xa histórico?
Coido que a clave está en serenar a polarización política, porque nos últimos tempos os chamados spin doctors (os conselleiros) que están en tódolos partidos, as redes sociais e o ruído mediático teñen favorecido un clima de confusión. Non temos que facer un xornalismo que contente a todo o mundo, pero si que todo o mundo saiba que é un xornalismo autónomo. Iso en primeiro lugar. Logo están as nosas rutinas. Aí é onde nós como RTVE temos por diante unha tarefa importante. Deixar de facer xornalismo de fontes, xornalismo de declaracións e esixido polas instancias externas, e facer que a nosa axenda informativa sexa a que ten interese para os cidadáns. Non podemos, poño por caso, facer rankings de como progresa a enfermidade pandémica, porque iso non pode convertirse nun resultado deportivo. Cómpre facer pedagoxía. Non é o mesmo enfocar a nosa crise enerxética en clave de crise do modelo enerxético europeo que en clave de goberno si, goberno non. É preciso clarificar as cousas dicindo este é o horizonte de problemas da cidadanía, e temos que axudar a que a cidadanía estea informada. Qué significa isto? Que temos que multiplicar a garantía de independencia, a garantía de responsabilidade e de compromiso social do xornalismo, e logo deixar de facer acusacións internas. A cidadanía ten que saber por que eliximos unha fonte e non outra, por que existe a necesidade de contrastar a información, e todo iso.
Para concluir…
Síntome un membro máis dun colectivo no que ti es unha persoa privilexiada, dun colectivo no que vimos loitando por unha RTVE pública e tamén por un entorno mediático sano. Propóñome conseguir unha grande alianza. Gustaríame que o Libro Branco rematase nun grande pacto, nunha alianza entre todos, para solventar o futuro. Este país non ten o futuro asegurado, e a Radiotelevisión pública tampouco. Tódalas ideas son benvidas. Hai que sumar. Tamén hai que ser autocríticos, e aceptar as críticas sen dramatismos.