Hugo Gómez-Chao, compositor e director artístico do Festival Resis

“É primordial achegar o público ás máis diversas estéticas musicais da actualidade”.

Con menos de trinta anos, Hugo Gómez-Chao atópase entre os principais compositores do actual panorama da música académica galega. O seu estilo podería cualificarse como herdeiro directo das vangardas musicais máis esixentes da segunda metade do século XX. Este mesmo espírito tamén se estende ao seu labor como director artístico do Festival RESIS, o encontro coa música contemporánea que se celebra na cidade de A Coruña dende 2018. A edición deste ano poñía o ramo o pasado 12 de xuño nun concerto especial celebrado na Real Academia de España en Roma. Clausurada esta edición, aproveitamos a ocasión para manter unha conversa co músico na Fundación Luis Seoane (A Coruña).

O Festival RESIS acadou este ano a súa sétima edición, converténdose en pouco tempo nunha das principais citas do circuíto nacional especializadas en música contemporánea. Como valorarías a progresión vivida polo festival nestes anos?

RESIS naceu pola necesidade que tiña de crear un espazo de encontro entre compositores, creadores e intérpretes, ao tempo que converter A Coruña nunha cita importante ao redor da música dos nosos días. Nestes sete anos penso que confirmamos este obxectivo ao contar cunha programación estable de primeiro nivel, ofrecendo un interesante percorrido polas novas correntes estéticas da música. Contamos cun apoio importante das institucións, entre elas o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o INAEM. Pero o máis importante é que tamén colaboramos coas institucións musicais galegas, como a Banda Municipal da Coruña, a Orquestra Sinfónica de Galicia e outros ensembles e agrupacións galegas. Por todo isto, creo que é moi importante ter un festival que logre esa conexión directa coa sociedade, ofrecendo unha música que normalmente está máis lonxe das tempadas dos auditorios.

“Ao contar cunha programación estable de primeiro nivel, coido que confirmamos o obxectivo de crear un espazo de enconro entre compositores, creadores e intérpretes, ao tempo que converter A Coruña nunha cita importante ao redor da música dos nosos días”.

Para a edición deste ano creouse un amplo programa vertebrado en torno á figura do compositor Luigi Nono. Son moitas as razóns que nos fan considerar o italiano como un dos músicos fundamentais do século pasado. Cales son os aspectos que máis admiras da súa obra? 

Para min, a figura de Nono é fascinante en moitos sentidos. Foi un compositor moi involucrado politicamente coas tendencias da esquerda, principalmente co Partido Comunista Italiano nos anos 60 e 70. Mais tamén tivo unha importancia cultural decisiva apoiada en grandes amizades: Claudio Abbado e Maurizio Pollini, filósofos como Massimo Cacciari, algún vínculo coa filmografía de Pasolini ou mesmo conexións coa activista e feminista Carla Lonzi. Entón, xa a personalidade é fascinante.

Hugo Gómez-Chao e Severiano Casalderrey durante a entrevista

Dende o punto de vista musical, é un compositor moi particular que, tendo unha linguaxe moi radical e sofisticada, dialoga directamente coa tradición da música clásica. Podemos atopar conexións coa música do Renacemento e do Barroco temperán, principalmente con polifonistas como Lasso ou madrigalistas como Monteverdi; así coma do posterior Barroco italiano, caso de Corelli ou Vivaldi. Pero despois tamén destaca polo dramatismo da súa música, cunha forte relación co Romanticismo alemán, tal vez non tan obvia a primeira vista. Este sentimento máis dramático e reflexivo vincularíao coas músicas de Wagner, Bruckner, Mahler… Así debe entenderse a densidade característica das pezas orquestrais de Nono, que son como grandes bloques de son que están como suspendidos no baleiro.

Teremos un novo homenaxeado deste calibre o próximo ano? Véñenme á cabeza posibles candidatos como Pierre Boulez ou Luciano Berio, ás portas de cumprir tamén o seu centenario. Ata onde nos podes contar neste sentido?

En principio, non teremos unha tempada enfocada a homenaxear a un só compositor. Teremos pezas de Boulez, algunha outra de Berio, pero si, non podo falar moito máis da próxima tempada, xa que faltan elementos por pechar.

Todos os músicos de Arxis Ensemble traballaron con outras formacións de renome como Ensemble Modern, o Klangforum Wien ou o MusikFabrik, o que lles permitiu coñecer a importantes compositores actuais. Para min é moi importante ter unha formación así en Galicia. 

Un dos grandes atractivos deste ano foi a presenza de Niño de Elche, quen abriu o festival no concerto inaugural de A Coruña, para logo clausuralo nesa actuación complementaria realizada na Real Academia de España en Roma. Falamos dun artista cunhas capacidades artísticas tan ilimitadas como heteroxéneas. Que aportou co seu espectáculo ao RESIS deste ano?

A peza de Niño de Elche, que é unha coencarga entre RESIS e a Real Academia de España en Roma, está vinculada á exposición que fixemos na Fundación Luis Seoane. A idea era vincular e revitalizar a figura de Nono a partir da mirada de catro artistas contemporáneos, un deles o propio Niño de Elche. A pesar de proceder dunha estética máis asociada co flamenco, interesábame moito esta colaboración dende o momento que descubrimos que Niño de Elche era un gran admirador da música de Nono, e mesmo que coñecía a súa conexión coa poesía de García Lorca. Parecíame que era unha ocasión moi particular de ter un creador que fai música contemporánea dende outros medios estéticos. Era unha peza para voz e altofalantes en cuatrifonía que dialogaba moi ben coa música de Nono, reflectindo ese mundo da voz e a súa xestualidade, das palabras fragmentadas, dos discursos rotos, algo que xa se atopa no Prometeo (1984) do italiano.

Actuación do Cuarteto Arditti na sede de Afundación

O Cuarteto Arditti configurou outro dos puntos fortes da programación, tanto polo magnífico concerto ofrecido como polo traballo desenvolvido no RESIS.LAB, a vosa aposta pola formación de compositores novos. Cales son os obxectivos buscados neste laboratorio de creación e como foi a experiencia cos membros do Cuarteto Arditti este ano?

A experiencia foi fantástica. Dentro do RESIS cremos que é moi importante ter, á parte do programa de concertos, un espazo para que novas xeracións de compositores e compositoras poidan experimentar. Para poder afondar en cuestións técnicas, é moi importante colaborar con músicos que están afeitos a traballar coa música contemporánea. O Cuarteto Arditti é un conxunto histórico, dos máis importantes de hoxe en día. É un cuarteto que traballou con Stockhausen, con Xenakis, co propio Luigi Nono, polo que está habituado ao contacto directo cos compositores. Creo que é unha experiencia fantástica para calquera compositor ou compositora que empeza a súa vida creativa poder traballar directamente con músicos que poidan non só corrixir e puntualizar a nivel técnico certas particularidades das súas pezas, senón que tamén falen da propia experiencia. É moi interesante ver como Irvine Arditti, durante o panel de lectura cos compositores, falaba de certos aspectos técnicos da escritura, de certas cousas que, a priori, é mellor escribir dunha maneira ou doutra, ou probar diferentes opcións dentro dos instrumentos. É un luxo absoluto, como compositor, ter esta posibilidade e esta experiencia.

O resto do programa completouse coas actuacións de recoñecidas formacións como a Banda Municipal da Coruña, a Camerata OSG e a Joven Orquesta Nacional de España. Con todo, os concertos protagonizados polo Arxis Ensemble, o conxunto que ti mesmo fundaches en 2022, sempre xeran unha expectación especial. Como beneficia a un evento como RESIS a posibilidade de contar cun grupo permanente destas características?

Poder contar cunha formación como Arxis Ensemble permítenos dispoñer dun ensemble composto por músicos, moi novos todos, que xa se formaron directamente na música contemporánea. Isto posibilita que se involucren directamente na temporada de RESIS á hora de abordar certas pezas do repertorio de ensemble cunha dificultade considerable a nivel técnico. Do contrario, sería moitísimo máis difícil programar certas pezas, como por exemplo o concerto para contrabaixo e conxunto de Rebecca Saunders, o Fury II (2009), unha composición dunha dificultade extrema que necesita duns músicos que coñezan perfectamente non só a obra, senón a propia estética destes compositores.

Todos os músicos de Arxis traballaron directamente con outras formacións de renome como Ensemble Modern, o Klangforum Wien ou o MusikFabrik, o que lles permitiu coñecer directamente a compositores como a propia Saunders, Alberto Posadas, Beat Furrer, entre outros. Para min é moi importante ter unha formación así en Galicia. Permite arriscar máis, porque tes os medios. De igual xeito, a nosa intención é crear un ensemble que poida ser independente do festival, capaz de ratificarse a nivel estatal como un dos grandes referentes da música contemporánea.

Dende a primeira edición, as actividades complementarias gozaron dun espazo cunha relevancia parella aos concertos. Entre elas, chama a atención o constante interese outorgado aos medios audiovisuais. Como nace esta preocupación por harmonizar o audiovisual coa música de vangarda?

Nos últimos vinte anos, o traballo dos compositores relaciónase con outros ámbitos creativos, entre os cales existe un crecente interese pola incorporación do vídeo. Isto leva aos compositores a experimentar directamente con certa tecnoloxía, pero tamén a relacionarse con artistas, videocreadores neste caso, cos que facer un traballo conxunto. A música e as artes visuais están cada vez máis unidas, existindo apenas diferencia entre a música contemporánea e a videoarte ou a performance. Claro, nós somos un festival de música, pero non descartamos todas as artes complementarias que poidan ter unha relación directa co son. Por exemplo, na exposición sobre Nono temos unha peza de Marcelo Expósito con implicacións electroacústicas, pero tamén contamos coa proposta de Marta Azparren, que é unha artista de performance, na que involucra directamente vídeo, artes plásticas e o tratamento de son sobre unha peza de aceiro. Non creo que haxa moita diferencia entre un compositor que soamente escribe para música instrumental ou aquel que experimenta coas máis diversas materias. 

Son un grandísimo admirador da música do Clasicismo e do Romanticismo. Aínda que traballo con materiais moi distintos aos que pode empregar un Mozart, un Schubert ou un Beethoven, encontro certa estética común á hora de pensar o desenvolvemento formal da música. 

En canto ao público, o RESIS conta cunha audiencia que se foi consolidando aos poucos edición tras edición. Mais, como ves a alfabetización musical do público xeral nos nosos días?

Creo que non existe unha resposta directa sobre como é o nivel de alfabetización do público. Si que podo dicir que sempre está ben que o público coñeza máis cousas. En RESIS contamos cun público moi heteroxéneo, xa sexa coñecedor da música contemporánea, da música clásica máis xeral ou mesmo doutros ámbitos artísticos. Falamos pois dun público moi distinto ao que é importante ofrecerlle unha oferta máis ampla. É darlle a oportunidade de acceder a unha cultura de calidade que represente a realidade artística actual.

Tampouco podemos esquecernos da túa faceta como compositor. Creo non equivocarme cando digo que a túa linguaxe creativa segue a evolucionar con cada nova partitura. Que nos podes contar grosso modo sobre os detalles formais e compositivos do teu estilo?

En primeiro lugar, interésame moito pensar a música como se fora un obxecto físico. Busco crear sons que afectan directamente ao corpo do oínte. É algo que percibo por exemplo no inicio da Segunda de Mahler, nese trémolo en fortissimo, capaz de activar o corpo nunha situación de espera, de alerta. De igual xeito, a configuración do material sonoro tamén me fai entender a música como un desenvolvemento discursivo. Neste sentido non estou tan lonxe da tradición clásica. Son un grandísimo admirador da música do Clasicismo e do Romanticismo. Aínda que traballo con materiais moi distintos aos que pode empregar un Mozart, un Schubert ou un Beethoven, encontro certa estética común á hora de pensar o desenvolvemento formal da música.

Acabas de mencionar a Mozart, a Schubert… Que compositores marcarías como as túas principais influencias?

Sen dúbida, a tríade do Clasicismo vienés da primeira época: Haydn, Mozart e Beethoven. Son autores cunha idea do discurso moi sólido. É posible percibir un desenvolvemento lóxico na música de Beethoven. Tamén me atraen certas fórmulas do Barroco, como a construción musical a partir de material moi pequeno, habitual en Haendel ou en Bach. Sinto interese polos músicos de finais do Romanticismo: Wagner, Mahler… Interésame moito, por exemplo, a densidade sonora de Richard Wagner. E, por suposto, encontro grandes influencias nas prácticas creativas de compositores máis contemporáneos: o tratamento do son de Helmut Lachenmann, a idea de proceso de Beat Furrer, o sentido do timbre de Rebecca Saunders… Si, todas elas son grandes influencias.

Hai dous anos fuches becado para participar nas residencias artísticas da Real Academia de España en Roma. Falamos dun programa formativo de referencia ao que accederon no pasado outros músicos ilustres da nosa terra como Xavier de Paz López-Nóvoa, Fernando Buide ou Eduardo Soutullo. Que che achegou esta experiencia única?

Creo que foi unha experiencia fantástica, moi importante tanto a nivel persoal como a nivel artístico. Hai moitos aspectos que converten a Real Academia de España en Roma nun espazo único. Permíteche estar en contacto directo con innumerables artistas de diferentes disciplinas. Tes tempo para conversar sobre arte, sobre música, sobre os museos de Roma… É un ano que enriquece moitísimo por moitas cousas. Sen ir máis lonxe, a nivel creativo, noto unha maneira distinta de aproximarme á práctica compositiva despois do ano de Roma. Síntome máis interesado por certas calidades do son que antes me pasaban máis inadvertidas. Certamente, foi un ano que cambiou bastante a miña experiencia como compositor.

Acabas de estrear a túa última creación orquestral, Estudio sobre la carne (2024), encarga realizada pola JONDE para as pasadas Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela. Que nos podes comentar sobre esta peza e en que novos proxectos compositivos estás traballando agora mesmo?

A peza creada para a Joven Orquesta Nacional de España é realmente un estudo de composición para un ensemble grande. Trátase da primeira obra na que se reflicte ese cambio de pensamento que comentaba antes, logo da experiencia vivida na Real Academia de España en Roma. É unha peza na que non traballo tanto coa idea de textura, senón coa idea de desenvolvemento motívico, moi na liña dos procedementos compositivos do Clasicismo vienés. Isto convérteo nunha música máis discursiva, pero tamén debedora de Lachenmann e Saunders.

“A miña última composición orquestral, Estudio sobre la carne, foi creada para un ensemble grande para a Joven Orquesta Nacional de España (…) De cara ao futuro teño un encargo da Fundación Antoni Tápies e outros dous dos que aínda non podo falar”.  

De cara ao futuro, existen novos proxectos similares. Teño un encargo da Fundació Antoni Tàpies de Barcelona para conmemorar o centenario do artista polo Ano Tàpies. Este proxecto chámase Las sillas de Tàpies, no que participamos doce artistas ao longo do ano. A miña peza estrearase en setembro na propia sede da Fundación, pensada para tres sopranos. Despois teño dous proxectos grandes máis dos que non podo falar.

Que balance fas desta edición do RESIS e como se presenta o futuro do festival?

Esta edición de RESIS creo que foi moi especial porque… logramos un grande éxito en termos de programación, en termos de calidade e en termos de asistencia. Penso que xa estaba asentado na vida cultural coruñesa, pero este ano tamén supuxo unha confirmación a nivel nacional ao involucrar a outras entidades culturais alleas a Galicia. Despois tamén se programou un concerto en Madrid, no Círculo de Bellas Artes, e outro en Roma. Creo que foi a confirmación dun espazo que faltaba en Galicia. Espero que ano tras ano sigamos facendo un traballo igual de fantástico coa programación, que teñamos o mesmo apoio institucional e que cada vez vaia gañando máis espazo na vida cultural galega. 

Levalo quizais a outros lugares de Galicia?

Si, é unha cousa que barallamos. Obviamente, RESIS está moi vinculado a Coruña. Somos o Festival de Música Contemporánea da Coruña, pero iso non pode excluír que fagamos cousas noutros lugares. Si, é algo que teño pendente e que creo que vai favorecer a RESIS de cara ao futuro.