Ángel Rodríguez (Gogue): “Floreano é o máis grande que conseguín”

Gogue (José Ángel Rodríguez López, O Grove, 1953) é un dos humoristas gráficos máis importantes de Galicia, pero tamén un dos caricaturistas españois con maior presenza na prensa dos Estados Unidos. Estes días está especialmente de actualidade por varios motivos que teñen que ver coas súas dúas facetas. Por unha banda, acaba de ser premiado –e xa van cinco veces– pola Asociación Nacional de Publicacións Hispanas (NAHP, nas súas siglas en inglés), que reúne máis de 450 cabeceiras en español dos EEUU, por unha caricatura publicada o ano pasado. Por outro, vén de presentar na cidade olívica a curtametraxe Paseo por Vigo, na que, en colaboración con Jorge Costas, anima en tres dimensións (3D) a Floreano, ao que debuxa acotío en Faro de Vigo. Costas formou parte do equipo de animación de catro longametraxes gañadoras do Goya: O soño dunha noite de San Xoán, Planet 51, Mortadelo y Filemón contra Jimmy el Cachondo e La gallina Turuleca. Ademais, Floreano celebra este mes, o 9 de decembro, o seu 34 aniversario, todo un récord na prensa galega e española. En Galicia só o supera o Carrabouxo, de Xosé Lois, que xa fixo 41 anos.

 

Vén de recibir a medalla de bronce do Premio José Martí 2023, da NAHP, na categoría de caricatura editorial por un debuxo do presidente Joe Biden publicado en 2022 no periódico Hoy en Delaware…

É o quinto premio que me dá a NAHP. Os tres primeiros foron por colaboracións en El Tiempo Latino, o xornal en español para a comunidade hispana que edita The Washington Post, e os outros dous por caricaturas en Hoy en Delaware [un dos 50 estados de EEUU, cuxa capital é Dover]. É un premio moi importante. Compítese co mellor.

Como comezou a publicar na prensa estadounidense?

Cando xurdiron as novas tecnoloxías, empecei a mandar algunhas caricaturas a xornais e revistas do país. Algunhas publicábanse e outras non. Seguido durante anos, teño colaborado en El Tiempo Latino e en Hoy en Delaware. As outras eran publicacións esporádicas. Por exemplo, en MoviMaker Magazine, unha revista de cine moi mportante, publiquei cinco ou seis caricaturas. En 2005 fun dar unhas charlas á Universidade de Moorhead, en Minnesota, e deixei unha exposición permanente de Floreano. E cando estiven en Nova York visitando a casa museo de Louis Armstrong, regaleilles unha caricatura. A xente sempre aceptou moi ben os meus traballos.

Que colaboracións mantén hoxe nos EEUU?

Só Hoy en Delaware, onde fago unha ilustración todos os meses de diversos temas, non só de política, tamén de deportes, de música…

Vostede comezou a debuxar na taberna que tiña o seu pai no Grove. Foi así, non?

Chamábase “Bar Pepín”. É moi recordado. Había moi bo ambiente. Xogábanse unhas partidas de dominó que parecían Copas de Europa. Eu compaxinaba os meus estudos co traballo no bar. Meu pai gardábame os cartóns das caixiñas de tabaco porque eran un papel extraordinario para debuxar.

“Gústame conservar o espírito das tabernas de antes. Por iso saco sempre xente maior e con boina na viñeta. Eu chámoos “os boina band”

Se cadra, a orixe de “Floreano” está nese ambiente…

Todo influiu. Na miña viñeta todo xira en torno ao viño, á taberna, aos barrís. Gústame conservar ese espírito de taberna de antes para que non se perda. Sempre saco xente maior, con boina. Eu chámoos “os boinas band”.

Pero logo marchou do Grove…

Fun a Madrid e traballei nunha empresa que facía cuartos de baño. Tiñamos clientes famosos, moitos actores de “Estudio 1”, aquel programa de teatro de TVE. Eu compaxinaba a venda cos deseños dos baños. Daquela facíase todo a man alzada, nun papel milimetrado. Mesmo ás veces usaba acuarela para que quedase máis bonito.

Como foron os seus comezos en Faro de Vigo?

Madrid non me ía e na empresa pedín o traslado a Vigo. Entrar en Faro era dificilísimo. Para min vivir do debuxo nun xornal era como subir o Everest, pero cando soñas algo, as cousas cúmprense. Un día presenteime en Faro coa miña carpeta de debuxos. Falei co xerente e xa me colleu. Empecei facendo caricaturas do Celta. A primeira foi de Pavic, o adestrador. Fíxome tanta ilusión que chamei ao meu pai, aos meus amigos… Despois, o director Armesto Faginas, que me acolleu coma a un fillo e me deu moitas oportunidades, díxome que ía empezar a publicar na sección de Nacional. Era a época de Adolfo Suárez, Felipe González, Alfonso Guerra… Tiña moito traballo.

Milei, por Gogue

Por ese tempo contribuíu tamen á fundación de Can sen Dono, a primeira revista galega de humor despois da guerra civil, de cuxa aparición cumpríronse agora 40 anos…

Fundámola Pepe Carreiro, Anton Mascato e mais eu. Cando volvín de Madrid, coñecín a Pepe e pensamos en facer unha revista. Eran tempos dificilísimos. Traballabamos na casa del con Letraset. Presentamos o proxecto no Castro, en Sada [no I Seminario Galego de Humor], pero fallou. Logo apareceu Mascato. A primeira caricatura de proba que fixen foi unha do presidente Leopoldo Calvo Sotelo vestido de xogador de fútbol americano. Non lembro se se chegou a publicar. Pero non estiven ata o final da revista. Deixeino antes.

Ademáis de en Faro de Vigo, vostede colaborou tamén noutros xornais…

Funme de Faro porque non vía moito futuro e estiven uns anos colaborando primeiro con La Voz de Galicia e logo con El Correo Gallego, onde cheguei a publicar algunha caricatura na portada.

Pero volveu a Faro…

Chamoume Suso Portela, que era redactor xefe, e propúxome crear un personaxe fixo para unha tira diaria. Eu nunca fixera un e pensei: “E agora como fago?”.

“Floreano está inspirado no meu avó e nun mariñeiro moi enxeñoso que se chamaba o señor Manuel e co que me escarallaba de risa”

Floreano

Inspirouse en alguén?

A boina, a chaqueta, a cunca de viño, o xornal, a partida de cartas… tireinas do meu avó. Por atrás era fisicamente igual ca Floreano. Sentábase nunha mesa el só e púñase a facer solitarios e a ler o Faro. Tamén me inspirei nun amigo que tiña que se chamaba o señor Manuel. Era un mariñeiro cun enxeño moi grande. Escarallábame de risa con el. Ademais, no Grove había un cura, don Juan, que era igual ca don Ramón, o cura da viñeta: era gordo e moi simpático, e gustáballe comer e beber viño.

O mundo mudou moito durante estes máis de 30 anos que pasaron desque creou a Floreano. Unha das cousas que máis cambiou foi a situación da muller. Tivo problemas por iso coa viñeta?

Algún problemiña tiven. Hai moita xente que non entende ao que me refiro. Eu non fago nada con maldade, se meto a pata, síntoo. Esas cousas aféctanme moito. Son un gran defensor da muller. Monchiña é un emblema do feminismo. En Cambados [onde ten unha estatua] querían nomeala presidenta das sequeiras.

“O segredo da popularidade de Floreano e Monchiña? Non sei, é a pregunta do millón. Tocáronos cunha variña máxica. Se non, sería imposible que tivensen cadansúa escultura de bronce”.

Por que cre que Floreano e os seus compañeiros de viñeta seguen a ter tanta popularidade, malia o paso do tempo?

É a pregunta do millón. Non sei, tocáronos cunha variña máxica. Se non, sería imposible ter dúas figuras de bronce [a de Floreano no Grove e a de Monchiña en Cambados, feitas as dúas por Lucas Míguez]. E están falando de poñer tamén unha do cura ao outro lado da ría.

Vostede soñaba desde hai moitos anos con animar a Floreano e os seus amigos, e por fin conseguiuno recentemente da man de Jorge Costas.

Fixemos dous vídeos en 3D para unha campaña de promoción turística da Mancomunidade do Salnés: A orixe de todos os Camiños e A variante espiritual. E outro sobre o Camiño Francés para o repositorio TCRedes en galego ao abeiro do Fondo Xacobeo. E agora este do Paseo por Vigo para o Concello. Queriamos facer unha serie de varios capítulos, pero polo de agora non temos máis financiamento.

Tira con Floreano en Faro de Vigo

Floreano tamén ten a súa canción. O grupo Onte e Hoxe gravouna en 2017 e fixo mesmo un videoclip…

Abriu a porta para realizar unha serie con actores reais para a TVG. Fixemos incluso un casting e un capítulo piloto. Era un proxecto bonitísimo, pero fallaron as axudas.

Coa TVG tamén houbo un proxecto para facer unha serie sobre o selo postal de Floreano.

Si, pero ao final botáronse para atrás.

Fáleme dese selo co que Correos conmemorou o Xacobeo 2021-2022…

Desde que comezamos a falar ata que se fixo realidade pasaron seis anos. Ao final pedíronme unha carta de confirmación da Oficina Internacional do Peregrino. Eu pensei: “Mi ma”, porque don Ramón é un cura un pouco pecadento, pero foi todo o contrario. Ao deán da Catedral encantoulle a idea. O selo de Floreano é quizais o máis grande que puiden conseguir. Agotouse axiña. Incluso me escribiu algún coleccionista de Holanda para me preguntar como podía facerse con el. Pero a Xunta non fixo propaganda ningunha. Entras na súa páxina do Camiño de Santiago e non aparece. É tristísimo.

Mañá [polo 10 de novembro, a entrevista fíxose o 9], presenta o vídeo Paseo por Vigo na cidade olívica, pero de aquí a nada, o 16 de novembro, ten outra cita importante no Grove…

Preto do porto hai unha taberna mítica que se chama “O Peirao”. Vai xente de todos os lados. No verán é imposible entrar, fórmanse unha ringleiras enormes. O dono xubilouse e colleuna o seu fillo. Nunha parede branca que ten fixen un vinilo grande. É “O Bar de Epi” convertido en “O Peirao”. Están Floreano, os “boinas”, o cura, Florentino Pérez –o presidente do Real Madrid–, Picasso, o papa… Un montón de xente. Está moi simpático. Díxome un: “Creo que vai ser un sitio de eses de photocall, de quitar fotos”.