texto Fernando Redondo
Matria procede dunha curtametraxe anterior do mesmo nome que en boa medida replica e desenvolve. Como enfrontaches o labor de volver, con matices, sobre o mesmo tema, personaxes, escenarios…?
Considero que son pezas independentes e en ningún momento utilicei o traballo anterior como base. Si é certo que ambas as dúas películas comparten contorna e ambiente, pero no momento no que vin que podía expandirme nun universo como o de Matrix, puxen unha barreira e non quixen mirar para a anterior. Recordo de maneira moi nítida estar rodando o último plano daquela curtametraxe e pensar que necesitaba converterme en canle para que a protagonista puidese atopar algunha fenda na súa historia. Na curta asumiamos unha rutina moi castrante na que, cara o final, si se abría esa fenda para logo pecharse de novo. Entón, o que agora me propoño é filmar ese proceso de apertura, de toma de conciencia, de revolución persoal. Aí vin que había unha película nova. A longametraxe tamén me permitiu explorar a relación materno-filial ou a relación de parella. Tamén me permitiu empregar o humor, usado aquí como ferramenta de supervivencia, e que na curta estaba totalmente capado.
A actriz protagonista, María Vázquez, está constantemente en pantalla. Isto supón un traballo de interpretación brutal, un esforzo esgotador xa a nivel físico…
“María Vázquez fai un exercicio de inmersión na contorna moi intenso. Eu aí fago un pouco de guía. Organizo encontros con outras mulleres para que estea pendente de como interactúan e reaccionan. Foi unha construción da personaxe tanto a nivel físico como psicolóxico”.
Foi, sobre todo, un traballo de tempo. María Vázquez entra no proxecto un ano antes de empezar a rodar. Foi a primeira en entrar no elenco. A súa determinación e compromiso xa os vexo dende un principio, dende as primeiras probas. Comprobo que pode ser o meu propio espello. Ese ano tamén lle permitiu a ela participar en todos os castings e probar así con outros intérpretes se eran ou non os idóneos para os diferentes papeis, para comprobar se lograbamos crear aí un vínculo que logo se deixara notar durante a rodaxe. María fai tamén un exercicio de inmersión na contorna moi intenso. Eu aí fago un pouco de guía. Imos, por exemplo, á lonxa e dígolle: fíxate como move as mans esta muller, como camiña, como tensa o corpo. Organizo encontros con outras mulleres para que estea pendente de como interactúan, da maneira de reaccionar a certos comentarios… Entón, foi unha construción da personaxe tanto a nivel físico como psicolóxico.
Tanto na primeira Matria, a curta, coma na segunda, hai senllos primeiros planos da protagonista, moi estratexicamente situados, que teñen unha enorme forza expresiva. Que buscabas conseguir con este achegamento tan íntimo?
Emocióname moito filmar rostros. Quizais podería dicir que son un cineasta de rostros. Hai algo nesas pequenas variacións dos xestos da actriz que foi fermoso procuralas, ir detrás delas, ver eses rostros que se animan e que case se volven poesía.
Esas variacións no rostro eran algo previsto, falado previamente coa actriz, ou tratábase de comprobar como iría reaccionando?
Hai un pouco de todo. Si que está contemplado, escrito e falado, pero despois hai unha vontade de romper con todo o establecido previamente e prestar atención a como María se estaba sentindo nese día e traballar con iso. Aí María tiña un esquema, pero non queriamos que fora limitante e tiña toda a miña confianza para, se sentía que se quería desviar, que o fixese.
Hai un traballo de cámara, na composición dos planos ou no movemento constante, que crea un ritmo frenético co que amosar a propia vida axitada da protagonista. Como foi aquí o labor da directora de fotografía, Lucía Catoira Pan?
“A directora de fotografía Lucía Catoira é unha profesional moi flexible, que traballa sempre moi instintivamente ao servizo da historia, facendo que o espectador non sinta só a emoción de María Vázquez, senón tamén o que Lucía é capaz de transmitir coa cámara”.
Isto é así a pesares de que a linguaxe formal vaise abrindo progresivamente, da mesma maneira que o proceso de interpretación, que confía todo inicialmente ao corpo, á acción, ao físico, logo vai progresivamente poñendo a emoción no centro e vaise sosegando ese ritmo frenético a medida que Ramona progresa na súa viaxe interior, a medida que a mudanza na situación laboral propicia unha toma de conciencia. Entón, esa apertura tamén a reflectimos na linguaxe formal, aínda que o nervio de cámara nunca desaparece de todo porque é un espello do nervio da protagonista. Con Lucía Catoira plantexámonos simplificar o máis posible, se podiamos contar algo en tres planos non empregar catro. Neste sentido, é unha profesional moi flexible, que non busca que destaque o seu traballo, o que lle permite traballar moi instintivamente e sempre ao servizo da historia. É dicir, que o espectador non sinta só a emoción de María Vázquez, senón tamén o que Lucía é capaz de transmitir coa cámara.
A crítica apuntou á pegada que se observa no filme do cinema dos irmáns Dardenne…
Influencias hai a moreas, pero o que intento é tanto desligarme de todas estas referencias como permitir que vivan en min e, ademais, achegarme a influencias máis próximas. Para Matria estaría entón o traballo fotográfico de Virxilio Viéitez á hora de medir a distancia para filmar aos suxeitos con dignidade, ou a pintura de María Antonia Dans, que pón o foco nunha parte da historia que habitualmente pasa desapercibida. Despois, tiña tamén como referencia, por suposto, a xente da zona onde rodamos. E finalmente, pois o Neorrealismo, o Free Cinema Británico ou o Georges Roquier de Farrebique.
De Matria tamén se dixo que representa un cine social a través dun retrato humano. Como cres que este tipo de cine está a ser acollido nun escenario audiovisual do exceso e a banalidade?
Antes de nada, penso que a etiqueta de cine social non lle fai ningún favor. É bastante reducionista. Penso que coloca este cine nunha esquina e no momento en que mencionas o “cine social”, xa hai moitas persoas que perciben que se trata dunha proposta que non lles vai apetecer ver. Tamén penso que estes filmes non conviven ben co sistema no que estamos, con este sistema hipercapitalista, caótico e tan nervioso.
As dúas curtametraxes túas anteriores máis esta longa teñen á muller como protagonista absoluta, con historias contadas dende unha perspectiva de muller e cunha ollada coido que abertamente feminista. E todo isto levado a cabo por un director home. Estamos perante unha excepción ou camiñamos cara unha sensibilidade nova?
Espero que sexa isto último. Pero sobre todo esta película está feita por un ser humano, máis alá do xénero, que intenta involucrarse en proxectos dunha maneira natural. Non estou pensando en facer unha película cunha muller no centro porque sexa posible que así teña máis saída ou porque estea máis de moda. Móvome entre proxectos escoitando un pouco o meu instinto. Se hai un espazo, unha persoa ou un rostro que me chaman a atención, pois intento seguilos. Tamén hai unha vontade de fixarse nas persoas infrarepresentadas, as que habitualmente quedan do lado da historia que non se conta.
A curta Matria estivo no Festival de Sundance e a longa en Berlín e en Málaga. Como afecta este percorrido internacional á circulación posterior da película?
Os festivais son sobre todo espazos onde compartir o teu traballo e que ademais posibilitan unha estrea en salas máis potente. Despois, á película quédalle moita vida por festivais internacionais, igual que hai moitas “Ramonas “polo mundo adiante. Agora vaise ao Festival de Seatle, e espero que as “Ramonas” de Seatle poidan ver a película e que algunha fenda se poida abrir tamén nas súas vidas se é que o precisan.
“A exhibición faise en versión orixinal subtitulada. É certo que a saída en salas podería ser maior no caso de ir dobrada, pero nunha proposta coma esta, na que todo emana da fala, a dobraxe non podía contemplarse”.
Entendo que a exhibición estase a levar a cabo na versión orixinal en galego.
Si. Versión orixinal subtitulada. Fixemos coloquios en Madrid, por exemplo, e a resposta neste sentido foi moi positiva, agradecendo que se pasara en V.O. É certo que a saída en salas podería ser maior no caso de ir dobrada, pero nunha proposta coma esta, na que todo emana da fala, a dobraxe non podía contemplarse. Porque non é só a fala en si. É a melodía, o ritmo, a estrutura das frases. Si que se fixo unha versión dobrada ao castelán porque así o esixe Televisión Española. É un requerimento seu para entrar na produción do filme.