Domingo 1, Outubro 2023
HomeCulturaEntrevista a Agustín Fernández Paz

Entrevista a Agustín Fernández Paz

Agustín Fernández Paz : “Quería contar a intrahistoria da represión”

Os anos 60 tiveron moito de carauta. De estratexia publicitaria dun réxime que se vía, por primeira vez, apertado de verdade ante as mobilizacións obreiras e estudantís. Por iso a represión continuaba. Malia que a relativa prosperidade económica a tapase. Fálanos diso Agustín Fernández Paz no seu novo libro, ‘A viaxe de Gagarin’, como antes o fixera en ‘Non hai noite tan longa’. A memoria volve, así, ser protagonista das súas obras.

 Montse Dopico Texto      Distrito Xermar Foto

 

Compartes nun blog a documentación que utilizaches para o libro, que é moita. Como foi ese proceso de busca?

 Pois xusto estes días teño o blog parado, porque estiven facendo a laudatio de Xavier P. Docampo e o texto para o premio Trasalba, por iso teño algúns posts sen facer. Despois de facelos xa vou dar por pechado o blog. En todas as novelas con certa profundidade a documentación é moita. Teño claro que non se pode caer niso de que se consultaches moita documentación, ten que aparecer no libro. Non é así, mais si que hai un certo substrato que ten que notarse, porque o autor ten que saber do que fala. Creas un mundo de ficción, pero ten que ter baseamentos sólidos. Neste caso saen cousas que eu vivín, nos 60, e cousas que lin. Sobre o Tribunal de Orden Público é case imposible atopar documentación. O libro que hai, de Juan José del Águila, retirárono da circulación ao pouco de publicarse. Tiven a fortuna de encontrar un exemplar na biblioteca, e cando o lin entendín por que o retiraron: porque boa parte do libro son nomes de xuíces, avogados… que colaboraron co TOP. Sobre a carreira espacial foi máis fácil documentarme porque hai moitos libros e documentais. Foi, en xeral, un proceso apaixonante. Entendín á xente que se dedica a facer investigación sobre historia. Sobre a Brigada Político Social foime moi útil ‘La carta’ de Antoni Batista, que é un libro formidable. Sobre a loita política e sindical, as memorias ‘O latexo da vida e da conciencia’ de Rafael Pillado…

 

Volves, como en ‘Non hai noite tan longa’, aos anos 60. Aos 60 da represión e das torturas. Non aos de “apertura” que vendeu o franquismo.

Falábase de apertura en relación cos 50. É verdade que se quixo vender esa imaxe de modernidade. Os 60 foron o tempo da minisaia e dos Beatles, pero máis alá do que contaba o telediario estaba a loita obreira e estudantil e a represión. Cada vez se decretaban máis estados de excepción porque o réxime víase por primeira vez apertado de verdade. En Europa foron os felices 60, da liberación da muller, da pílula anticonceptiva… Mais tamén houbo represión en Estados Unidos ou en Alemaña… Así, houbo as dúas facetas, a da prosperidade económica e da represión, cunha loita subterránea tremenda.

 

O personaxe acompaña á nai, a piques de falecer, e recorda a súa infancia, a memoria familiar. Como en ‘Non hai noite tan longa’, ou ‘Noite de voraces sombras’ ou ‘Corredores de sombra’. A memoria.

Non pensei todos eses libros de maneira conxunta, pero si. Hai momentos da vida nos que che pasa algo fundamental: mórreche un ser querido, es maior e fas contas…, no que tes tendencia a revisar, a facer balanzo da vida. En ‘Noite de voraces sombras’ eran os sucesos tremendos que te marcan… Ademais, esa volta ao pasado permíteche, como autor, xogar con dous tempos, o pasado e o presente. En ‘Corredores de sombra’ era unha muller cando é adolescente e cando é unha muller de trinta e tantos. Neste caso non hai esa dualidade, máis que ao principio e ao final que sería o presente. Ao final, ‘A viaxe de Gagarin’ é o que os críticos chamarían unha novela de formación… Aínda que, claro, escribes movido por un impulso e despois é cando encontras as xustificacións, as explicacións…

 

O libro fai ás veces pensar nas herdanzas que deixou o franquismo en canto a liberdades públicas. As regresións actuais…

É certo que hai voltas atrás en moitas cousas, pero os anos do franquismo foron moito peores. Vese ben ao ler o libro de Pillado, por exemplo.

 

Un dos personaxes máis interesantes é o da nai. A súa forza.

Estou de acordo. A nai é a columna vertebral da familia. É ama de casa, libreira e militante. O seu papel é moi destacado. Aínda que a dimensión externa do traballo a leven máis o pai e o sei amigo Euclides, que é outro personaxe moi importante. Euclides representa a eses republicanos que puideron sobrevivir publicando novelas policiais e do oeste na editorial Bruguera. Había autores que escribían unha novela á semana… Eu lin moitas desas novelas, como as de González Ledesma, que publicou máis de 1.000 co seudónimo de Silver Kane. Eran republicanos represaliados que buscaban un nome anglosaxón… O esquema das novelas era sempre o mesmo, pero tiñan moita ironía detrás. E nós non tiñamos problema: un día líamos a Camus e outro a Silver Kane.

 

O de que os pais do protagonista fosen militantes do PC será porque era a organización política máis activa na oposición franquista…

Podía escoller un anarquista, por exemplo, pero eran moitos menos. A organización antifranquista máis importante era o PC. Tamén fago algunha mención ao nacemento dos partidos nacionalistas pero, daquela, o Partido era o PC.

 

Parte da historia é a relación do protagonista con Francesca, filla dun xuíz represor. Cando el é maior, lémbraa a ela e pensa tamén que debeu estar máis coa súa nai en lugar de traballar tanto. Volves, nese sentido, reivindicar os afectos. Como en ‘O único que queda é o amor’ e tantas obras túas.

Hai un sentimento que debe ser universal, que é esa sensación, na etapa adulta, de ter estado pouco cos pais. Porque cando somos novos pensamos que xa haberá tempo, pero despois non o hai. Ademais, o que dis ten que ver coa miña concepción da literatura. As novelas que me gusta ler son as que teñen vida, nas que as persoas móstranse cos seus afectos, os seus sentimentos. Son personaxes que resultan próximos, vivos, que producen empatía. Se cadra hai novelas máis perfectas, pero máis frías, entón non me convencen tanto. Para min é moi importante que o lector se sinta implicado. É como en ‘Fahrenheit 451’, o personaxe ao que lle preguntan por que le aqueles libros que o poñen en perigo. E el di que sente como se fosen persoas que lle falan.

 

Falando diso, algúns exemplos que se citan de libros prohibidos do franquismo resultan sorprendentes, desde a perspectiva actual.

Tes que decatarte de que falamos dun tempo no que estivo prohibido Superman e Batman, porque sendo Fraga ministro de Información e Turismo e secretario de publicacións infantís e xuvenís Jesús María Vázquez estes tebeos non se podían ler porque os superheroes tiñan “atributos divinos”. Viñan tebeos de importación clandestina, de México, pero eran moi caros. E non foron legais ata os anos 70. Por iso non é tan difícil de imaxinar que estivesen prohibidos ‘A Peste’ de Camus ou a ‘A metaformose’ de Kafka. Moitos deses libros eu non puiden lelos ata que fixen a mili, porque tiña un compañeiro que os tiña na casa dos seus pais, e íame traendo algúns.

 

Nese sentido, a novela ten bastante tamén de reivindicación da palabra escrita como vía de transmisión do coñecemento, de pensamento libre… Os pais imprimen textos prohibidos…

E a nai é libreira, e Euclides é encadernador… A actividade de todos xira arredor da letra impresa. Tamén é reflexo desa fe que tiñamos na palabra… De feito, o primeiro que fan as ditaduras é censurar e queimar libros. Agora a censura faise doutra maneira: é económica, banalízase o libro como un produto de consumo máis… Mais segue a ser un instrumento fundamental para expresar e descubrir o mundo.

 

Algo máis?

Pois case non preguntades pola historia de amor! Entendo que é o máis normal e que se lle dea máis importancia á parte da represión… Mais o que ocorre é que cando falamos de memoria histórica normalmente ollamos os grandes feitos, mais eu quería falar do cotián, contar a intrahistoria da represión, máis que falar dos grandes feitos. Outra cousa importante no libro son as cancións. Porque naquel tempo había discos que viñan con cancións de menos porque foran censuradas. O disco ‘Sticky fingers’, dos Rolling Stones, tiña na portada, que deseñara Warhol, unha foto duns pantalóns cunha cremalleira de verdade, que se podía baixar. Pois a censura franquista decidiu facer outra portada. Así que de felices 60… nada.