Sobre, de Ensalle Teatro, estreouse a fin de semana do 22, 23 e 24 de marzo de 2024. Ensalle brinca e desafía ese costume que temos de xustificar as artes escénicas e moitas outras cousas na vida polo tema ou os temas SOBRE os que versan. Así a preposición “sobre” é un sobre aberto no que Pedro Fresneda mete moitas proposicións, que se xustapoñen á performance, na que Raquel Hernández e Artús Rei se entregan para desintegrar ou des construír a imaxe que podemos ter do teatro, incluso do Teatro Ensalle.
Instálase o caos dos residuos e dos desfeitos, as propias cadeiras (as butacas de platea), os cabos eléctricos, os micrófonos, un altofalante, a roupa, as chapas das botellas, a articulación verbal diluída nun balbucir, e incluso nós mesmas/os, formando parte dese mundo. Os corpos semi nus de Raquel e Artús cableados nun dúo de beleza perturbadora, ou a performance dos risos e os prantos, cando ocupan o lugar do espectador a ollar a nosa ollada e a caer por ela abaixo, son só algúns dos momentos sorprendentes.
Ensalle abráianos coa súa capacidade para re-inventarse e mudar, a través da contaminación con creadoras/es que convidaron nos seus “Canchales”. Aquí déixanse notar os inclasificables Juan Navarro e Terrorismo de Autor.
É admirable como Ensalle Teatro se coloca na corda frouxa e nunha zona de risco, na procura doutros xeitos e perspectivas teatrais, a través deses “Canchales” con outras creadoras e creadores heterodoxos. Faino despois de consolidar un estilo propio, caracterizado polos textos de rapsodia crúa e politicamente comprometidos de Pedro Fresneda, combinados, de xeito non hexemónico, co teatro altamente físico, entre a performance e a danza, de Raquel e Artús, o espazo escénico limpo, transformado polo xogo dos corpos e das luces e algúns obxectos escollidos. Faino para non se repetir, para non ficar no que xa saben facer.
O resultado é magnético, porque nos encontramos cunha equipa de artistas que teñen a enorme valentía e xenerosidade de entrar, con nós, en terreos inexplorados, colocándose na corda frouxa. Isto fai que todas as persoas convocadas no teatro sintamos esa sensación de non saber, esa inquedanza e abraio de quen emprende unha aventura. E o milagre é que esa aventura nunca é algo afastado, senón algo moi próximo, que nos toca. Nunca é posible facer turismo en Ensalle.
Ademais, Sobre permítenos, ou polo menos a min permitiumo, sentir que este “espectáculo” vai precisamente sobre o momento actual no que estamos. Vai sobre min, sobre nós e sobre as circunstancias que nos envolven. E non é pouco!
Sobre
Autor: Pedro Fresneda
Teatro Ensalle
Creación: Raquel Hernández, Artús Rei e Pedro Fresneda.
Colaboración na creación: Juan Navarro e Terrorismo de Autor. Iluminación: Pedro Fresneda e Jaume Blai Beneito Santos. Espazo sonoro: Juan Navarro e Pedro Fresneda. Produción e distribución: Jorge Rúa e María Costa. Coaching: Ultharino Fuentes
Coprodución: AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais), MITCFC (Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas) e Teatro Victoria.