O profesor Narciso de Gabriel, catedrático de Historia da Educación na Universidade da Coruña, prosegue o seu traballo de recuperación de fragmentos do pasado educativo galego pouco visitados, ou mesmo moi conscientemente esquecidos, por unha historia “oficial” que aínda non se ten liberado de certos marcos mentais consolidados. Non digo xa polos corenta anos inicuos do franquismo, senón por séculos de patriarcalismo e por unha concepción da educación fundada en criterios elitistas e excluíntes.
Así acontecía na súa recuperación das “escolas de ferrado” (Escolantes e escolas de ferrado, 2001), na documentación da represión franquista dos mestres republicanos (Vermellos e laicos. A represión franquista do maxisterio coruñés, 2021; Os mestres mortos daquel verán, 2023) ou no insólito caso de Elisa e Marcela (Elisa e Marcela. Amigas e amantes, 2019), ese “matrimonio sen home” que reaparece de novo en apenas dúas páxinas deste libro, aínda que merecendo un lugar na capa a carón das outras figuras que si terán un principal protagonismo.
No Limiar, o autor enuncia e sintetiza o contido e obxectivos desta nova obra: amosar o proceso histórico polo que as mulleres foron aceptadas, tanto na condición de alumnas nos distintos niveis do sistema educativo, como na de docentes, a partir de “tres homes ilustrados” (Feijoo, Sarmiento e Vicente do Seixo), “tres mulleres ilustres” (Rosalía de Castro, Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán) e “dous eventos” (os debates sobre a educación feminina no Ateneo coruñés en 1859, e no Congreso Pedagóxico Hispano-Portugués-Americano de Madrid de 1892).
O que se evidencia a partir destas achegas é que o argumento máis determinante na derrota da férrea resistencia contra a presenza das mulleres nas aulas foi, moi significativa e paradoxalmente, a reapropiación do argumento tradicionalmente usado para recluír á muller no ámbito doméstico: se a muller está destinada “por natureza” a ser nai e ocuparse da educación dos fillos, como poderá facer ben esa función se a ela mesma se lle nega poder ser educada? E quen mellor xaora que unha muller para desenvolver o traballo de mestra? Non é logo o argumento decisivo o igualitarismo promovido polo feminismo, e asumido polas tres mulleres ilustres, secundadas por algúns homes que toman a palabra nos debates do Ateneo coruñés e do congreso de 1892, o que explica a relativamente rápida feminización da docencia no ensino básico (non así no secundario e no universitario), concibida a miúdo como unha prolongación dos coidados maternais. Non se esqueza que Rousseau, a figura de referencia no discurso pedagóxico moderno e ilustrado como tamén se recolle en Xogar coa pólvora, defendía unha educación separada e radicalmente diferente para o seu Emilio e a súa Sofía.
Ese título, Xogar coa pólvora, tan ben acaído, merece unha explicación. O autor tómao do doutor Ramón Pérez Costales, un dos teimudos opositores á educación feminina, perigosa pretensión que comparaba con ese “xogar coa pólvora” porque, aseguraba, do mesmo xeito que a “ciencia médica” atopa “trazos masculinos” nas nenas que amosan ese querer pola pólvora nos seus xogos infantís, unha muller educada, ilustrada, é sospeitosa de non ser abondo muller.
Por aquí se abre a físgoa para unha reflexión, apenas apuntada, sobre un “terceiro sexo-xénero” que de Gabriel xa albisca nos versos de Rosalía, onde a poeta, consciente da súa elección transgresora, ela que escribe na fala do pobo e se afasta das temáticas que “mandaban os canons da poesía feminina”, se pregunta: “Daquelas que cantan ás pombas i ás frores / todos din que teñen alma de muller; / pois eu que non as canto, Virxe da Paloma, / ¡ai!, ¿de qué a teréi? De maneira que a sospeita ignominiosa (“marimachos”, “hermafroditas”) vertida sobre as mulleres que non se acomodaban ao papel tradicionalmente atribuído á súa condición “natural” na sociedade patriarcal, acaba sendo reformulado polo autor como un primeiro momento en que a concepción tradicional sobre o sexo é cuestionado por un discurso protofeminista, no que, moitos anos antes de que Simone de Beauvoir formulase o seu “a muller faise, non nace”, xa se albisca a distinción sexo – xénero.
En todo caso, o que fica claro é que non son os argumentos a prol da autonomía da muller, valorosamente defendidos por dona Emilia Pardo Bazán no Congreso Pedagóxico de 1892, os que derribaron as resistencias dos detractores do acceso das mulleres ás aulas. Nese sentido, o capítulo final dedicado á “cátedra de dona Emilia”, primeira muller en ser nomeada catedrática na universidade española, adquire o sentido ambiguo de algo que debería ter sido unha vitoria da loita polos dereitos da muller que se acabou asemellando a unha derrota. Unha ambigüidade que se cadra, atreveríame a dicir, atravesa aínda moitas das batallas do movemento feminista, con vitorias que parecían indiscutibles que, ai!, vense hoxe ameazadas.
Xogar coa pólvora. A educación das mulleres e as mulleres educadoras
Narciso de Gabriel
Editorial Galaxia
Vigo, 2024