De cando en vez xorden na leira galega das artes escénicas flores diferentes ao que se adoita colleitar. Entón a flor é o froito, que non se come, que se goza pola vista, sentindo o seu recendo e sucumbindo ao seu encanto. Esas flores adoitan abrollar de artistas inquedas, desconformes, que non acostuman facer cada ano un espectáculo nin teñen unha empresa. Porén, non son diletantes, coñecen o oficio e a artesanía que o sustenta e son quen de transcendela, porque queren facer algo que non existe, algo que aínda non está en curso, e non lles serven, por tanto, os moldes e os xeitos de facer establecidos.
Paula Pier é unha rara avis, unha actriz creadora que levaba anos á procura de algo que non sabía ben o que era, nin de que podía tratar. Non tiña preguntas nin respostas, pero había a certeza de que tiña que facelo. Desa cocción lenta saíu Eu, fraude!, “Unha historia de amor propio en forma de festa”, que se estreou o 12 de xaneiro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. “Unha historia” sen historia no escenario, pero con moita, seguramente, fóra del. Para min, foi o primeiro espectáculo de 2024, logo do parón de Nadal. E non podía imaxinar mellor entrada de ano que este Eu, fraude!: un dálo todo en escena, cantándonos, contándonos -como xograresa contemporánea- e bailándonos desde unha liberdade enorme, que se pode sentir desde a platea. Rock, baladas, rumbas, copla, recitado, rap… celebrando o corpo, o eu, os amores, os desamores, as amizades, as lembranzas, a nai, a gata Marisé, que a encontrou na rúa, as dúbidas sobre o teatro e sobre a vida, os abismos, os cumios e os estados intermedios, e nun dos cumios o orgasmo e aí, xusto aí, mesmo ao lado do orgasmo: a ferida.
Sinerxia total coa banda, formada por Chus López (Saxo), Sandra López (percusión) e María Velasco (guitarra), que nos inclúe, e esa liberdade de tantas voces nunha soa, unha voz fermosa que acaba por liberar ao eu da fraude.
Eu, fraude! parece un concerto, pero é unha actriz en acción e iso rompe os moldes. Hai un abrirse en canal, desde a felicidade que supón a autocrítica, desde a felicidade de (re)coñecerse, de analizarse, de espirse do engano do autoengano, a través da actuación (da acción), contándonos e cantándonos as grazas e as desgrazas para abolir a fraude. Hai un facer o que lle peta, o que máis lle gusta, desfrutándoo, compartíndoo sen cancelas e ofrecéndonolo coa máxima calidade. Nun dos momentos máis apaixonados, Paula Pier e as súas compañeiras, como acabo de referir, chegan a un orgasmo escénico e, xusto despois, como cando, logo de saír das termas quentes, te dás un baño de contraste con auga xeada, afirma e confirma: “aí, xusto aí, ao lado mesmo do orgasmo, está a ferida” (cito de memoria).
E, aínda que parece un concerto musical, prodúcese a catarse propia do xénero teatral a través da identificación, porque as marabillosas competencias artísticas – o artificio – de Paula Pier nunca eclipsan a fonda humanidade da persoa, e unha enerxía moi bonita que se desprende de cada xesto, de cada mirada, dos movementos, do singular timbre de voz, de nena agarimosa e travesa, desenfadada e profunda. Porque, non nos equivoquemos, hai enerxías bonitas e hainas que non o son tanto, e a de Paula, aquí, é extra-ordinaria. E iso fainos moito ben, polo menos a min.
EU, FRAUDE!
Autoría e dirección: Paula Pier
Elenco e música orixinal: Paula Pier (voz), Chus López (saxo), Sandra Pérez (percusión) e María Velasco (guitarra).
Deseño de vestiario: Paloma Saavedra; deseño de escenografía: Paula Pier e Visualiza; deseño de iluminación: Laura Iturralde e As dúas en punto; deseño cartel: Lara Monterde
Son: Tània Aguilera
Estrea: Teatro Rosalía de Castro. A Coruña, 12 de xaneiro de 2024