Encantar un mundo desencantado

No ano 1905, unha parella modernista, con todo o que tal palabra acollía inicialmente no seu seo, en tanto que reacción ao realismo e ao positivismo, rexeitamento explícito das tendencias realistas e positivistas dominantes, á procura de novas formas de expresión artística, encara a violencia que está a azoutar a daquela próspera vila de Vigo. Este par, composto por Ícaro Añón, mozo xornalista afincado en Lisboa, e Madame Dax, especialista americana nos enigmas do oculto, encara un misterio que confronta o tanxible e perceptible con enerxías supostamente espirituais.  

Segundo a acta do xurado do Premio Torrente Ballester, que a novela mereceu, cabe destacar nela “a riqueza e axilidade dos seus diálogos, así como o elemento fantástico, que encaixa á perfección na trama”. O propio autor ten falado desta novela como narración cómica de aventuras de ambientación histórica.  

Interésame o eco dese tempo de ficción, finais do dezanove, nestoutro tempo actual no que estamos, inicios do vinte e un. A dialéctica que se establece na mente lectora entre o tempo que se nos ofrece para soñar e a propia temporalidade que como existentes temos que aturar. E o feito de que o conxunto se nos presente como un síntoma que vai moito máis alá do que, nun principio, poidamos obviar como unha simple trama imaxinaria.  

Algo cheira a crítica desta sociedade moderna, aínda que se nos presente por debaixo dun envoltorio de aventura e comedia. Porque acaso esa sexa a aventura secreta que César Cequeliños está a compartir connosco, mesmo alén dos seus agudos divertimentos de ficcionista.  

Adorno e Horkheimer sinalaran na súa inesquecible Dialéctica do Esclarecemento, varios factores que, ao meu ver, non deberían deixar de ser sinalados como eixos dominantes en todo o proceso de transformación cultural que nos acompaña á disolución como país, como pertenza e como herdade.   

A industria cultural: a transformación da cultura en mercadoría, que promove unha satisfacción compensatoria e alienada e efémera, contribuíndo para a perda da autonomía do individuo. A razón instrumental oposta á teoría crítica, criticando a razón abstracta da teoría tradicional por crear mitos que sustentan o cientifismo. O esclarecemento (Iluminismo): como un proxecto baseado na razón ilustrada pode conducir a sociedade á barbarie, en vez de á emancipación humana. A pseudo individualidade: resultado dun proceso social de masificación dos individuos a través da lóxica da mercadoría, que diminúe a capacidade crítica individual. O capitalismo e as súas estruturas de poder: como os detentores do poder económico manteñen a súa dominación sobre a estrutura social. 

E o que considero fundamental polo seu reflexo nesta ficción novelesca de César Cequeliños: o concepto de “desencantamento do mundo” expandindo a proposta de Max Weber.  

Velaí, pois, un mundo aínda encantado nun tempo en que tal encantamento aínda era posible.  

Sábeme a salamántiga o ceo da boca 
César Cequeliños 
Editorial Galaxia 
Vigo, 2024