Reivindicar a Colombo en tempos difíciles 

Cando Os Soprano, A dous metros baixo terra ou The Wire chegaron as televisións estadounidenses primeiro, e do resto do planeta despois, a vella caixa tonta volveuse un medio respectable de creación de cultura audiovisual. Este proceso deuse en chamar a III Idade de Ouro da televisión, e supuxo un cambio de paradigma ao analizar as series de televisión non so como produtos de entretemento, senón tamén como obras de arte. 

Se ben é certo que antes outras ficcións como The Twlight Zone ou Twin Peaks acadaran este status, a partir de finais dos 90 multiplicáronse o número de series que podían medirse de ti a ti coas mellores películas. 

Nesta sofisticación das series de televisión, comezouse a mirar con desprezo aos vellos formatos televisivos e, sobre todo, aos procedimentais. Este snobismo desbotaba a aportación de ficcións históricas como Colombo ou Escribiuse un crime. Dúas series nas que os protagonistas resolven un crime por capítulo. 

Porén, un cuarto de século despois, algúns autores estanse atrevendo a reivindicar o formato procedimental, porque o importante non é o formato en si mesmo, senón o que se fai con el. 

Así, o ano pasado Rian Johnson (Brick, Looper…) estreou Poker Face, unha dramedia fantástica sobre unha muller que escapa da mafia e no seu percorrido polos Estados Unidos vai resolvendo crimes á vez que coñece tódolos baixos impulsos que moven aos cidadáns un país en decadencia.  

Mentres que este ano, o matrimonio que conforman Michelle e Robert King sacou a luz a terceira serie do que poderíamos chamar o The Good Wife-verso: Elsbeth. Un procedimental criminal protagonizado por un personaxe esporádico dos dramas xudiciais The Good Wife e The Good Fight (a gran serie sobre os Estados Unidos de Trump que se ten realizado ata o de agora). 

A diferenza desas series, Elsbeth presume de falta de ambición. A avogada protagonista trasládase a Nova York para exercer un traballo que nos amosa o podres que están as raíces do sistema estadounidense: exercer de vixiante da policía neoiorquina para corroborar que non se cometen prácticas abusivas contra os cidadáns, e se cumpre coa lei de forma estrita. 

Xunto a esta misión en A, Elsbeth está traballando para o FBI, investigando un posible caso de corrupción na comisaría á que foi destinada. Todo isto mentres esta muller tan brillante como estrafalaria resolve un crime en cada capítulo. Un asasinato que vemos nos primeiros cinco minutos do episodio.  

É dicir, Elsbeth non so é un procedimental fácil de ver, deses que un pensaría que pode observar sen prestar moita atención despois dun longo día de traballo, que tamén, senón que ademais é unha serie tan divertida como ácida. Ben escrita, ben interpretada e rodada co ritmo áxil propio das series dos King. Unha dramedia que fala do tema central destes autores: a corrupción das institucións e das persoas. 

Elsbeth 
Creada por Michelle e Robert King 
Reparto: Carrie Preston, Carra Patterson, Wendell Pierce 
EE.UU. 2024