Eliminar a historia do corpo

Unha estrela decadente é desaloxada da última trincheira da súa fama agretada: un programa televisivo de aerobic. O motivo? O seu corpo xa non é novo e, polo tanto, tampouco resulta atractivo para a sociedade patriarcal de consumo. No seu momento máis baixo, unha misteriosa organización ofrécelle someterse a un tratamento que lle permitirá recobrar a xuventude do seu corpo. 

Este é o punto de partida d’A substancia, a nova película da cineasta Coralie Fargeat, un body-horror no que, precisamente, o corpo é o total protagonista. 

Dicía Michel Foucault que o corpo é «a superficie gravada dos acontecementos», de tal maneira que funciona como un documento no que se pode ler os efectos da historia na vida dunha persoa. O corpo, ao igual que o papel, pero a moita maior velocidade: degrádase. De aí que o filósofo francés apunte a que se trata dun «volume en constante desintegración». Fargeat explora a dobre posibilidade de borrar a historia do corpo e evitar a súa desintegración. O resultado, obviamente, non é satisfactorio. Por que? 

Como sostiña a pensadora Hannah Arendt, «a condición humana é tal que a dor e o esforzo non son meros síntomas que se poidan suprimir sen mudar a propia vida». Un corpo que non sofre, incluídos o paso do tempo e os ditados hexemónicos, deixa de sentir e a persoa que habita nel pasa a ter unha «vida sen vida». 

Isto é o que lle ocorre á Elisabeth Sparkle, protagonista d’A substancia, interpretada con Demi Moore coa rabia dunha muller que viviu no seu propio corpo todo do que fala a película. Ao querer borrar o rastro da historia e da ideoloxía do seu corpo, deixa de vivir. 

Atrapada entre corredores estreitos, asediada por imaxes da súa beleza desdobrada, subsistindo rodeada de restos de comida, guarecida na súa cova… Sparkle descobre que non hai posibilidade de liberarse porque o cárcere nunca foi o seu corpo, senón o sistema no que habita. E a cineasta Coralie Fargeat retrátao á perfección. A luz e o frenesí do banal mundo televisivo, o uso da música nese baño branquísimo convertido en sala de operacións dun mad doctor, a opresión das paredes nuns corredores que non rematan nunca, os ecos dos diálogos máis nauseabundos dos homes que habitan a película… 

Por iso, A substancia pasa de ser unha idea interesante e acaída, a converterse nun filme salvaxe (e cero sutil) que converte o(s) corpo(s) no que sempre foron: campos de batalla. Como consecuencia dilo, a película está chea de imaxes desagradables. As picadas séntense no noso corpo. A caducidade da carne cheira. E o rostro do inimigo, ese produtor nauseabundo, da moito máis noxo que as deformacións dun corpo. Porque si, o verdadeiramente terrorífico é que haxa persoas que crean que os corpos alleos son da túa propiedade e poden mandar neles. 

A substancia  
Reino Unido, 2024
Dirixida e escrita por Coralie Fargeat
Reparto: Demi Moore, Margaret Qualley, Dennis Quaid