Martes 6, Xuño 2023
HomeCultura El robo del siglo: o por e o para

[CINEMA] El robo del siglo: o por e o para

CINEMA

EL ROBO DEL SIGLO (Arxentina, 2020)

Dirección: Ariel Winograd; Produción: Fernando Carranza, Javier del Pino, Ricardo Freixa, Juan Pablo García, Axel Kuschevatzky, Fernando Szew, Alex Zito, Pola Zito; Guión: Alex Zito, Fernando Araujo; Música: Dario Eskenazi; Fotografía: Félix Monti; Montaxe: Pablo Barbieri Carrera; Dirección artística: Daniel Gimelberg.
Intérpretes: Guillermo Francella, Diego Peretti, Luis Luque, Pablo Rago, Rafael Ferro, Mariano Argento, Juan Alari, Johanna Francella, Mario Alarcón.

 

por Yolanda López

O asalto ao Banco Río en Acassuso en xaneiro de 2006 supuxo un fito na cultura arxentina: un furado, un túnel, unha rede de sumidoiros e un botín de 20 millóns de dólares que mantiveron aos arxentinos pegados á televisión. Desde entón cancións, libros, artigos, e agora este filme, seguen a agrandar o mito. Un suceso extraordinario, tanto polo perfil non usual dos delincuentes e a planificación meticulosa do golpe, como pola simpatía que espertou a banda entre a poboación. Lembremos que logo do corralito do goberno de Fernando de la Rúa, a desconfianza nas entidades bancarias seguía moi presente na sociedade arxentina… En cal non. A iso habería que engadirlle que actuaron sen violencia, nin armas (empregaron revólveres de xoguete), que o dispositivo para ceibar os reféns foi tan chafalleiro coma puntualmente retransmitido pola televisión, e que a investigación posterior acadou cotas de despropósito (simulacros de fusilamento, indución de testemuñas e unha identificación final dos culpables por mor dunha delación, que non pola destreza dos detectives…)

Con estes ingredientes case folclóricos Winograd, director especializado en comedias no país, asina esta longa que pechou a última edición do Festival de Málaga e chega estas semanas ás salas. Cun guión co-escrito polo autor intelectual do atraco, Fernando Araujo, o principal acerto da longametraxe reside no traballo interpretativo de Diego Peretti e Guillermo Francella, quen encarna á perfección a ironía e a picaresca. Se hai vinte anos Fabián Bielinsky gañaba adeptos coa historia de dous estafadores en Nueve Reinas (2000), -co permiso de Sebastián Borensztein e a súa La odisea de los Giles (2019)-, Winograd tenta recoller o relevo de filme arxentino sobre atracos coa solvencia narrativa, a montaxe dinámica e a fotografía coidada como bazas.

Remata o filme cunha sensación de entretemento grato porque, indiscutiblemente, a proposta sabe combinar ritmo fluído e humor. Non se lle esixe máis. Os rótulos finais informan do devir de cada un dos membros da banda… A sensación de clamor popular, que viu neles os novos vingadores do sistema económico, sensibles á desigualdade por ese cartel de “nun barrio de ricachóns…”, esvaécese cando unha descubre nas memorias de Vilette Sellanes, que hoxe rexenta unha xoiería en Uruguai e conta con máis de vinte mil seguidores na rede dos chíos. Un perfil discreto en comparación con outros compañeiros que pasean por destinos exóticos e gardan os cartos en Suíza… Robin Hood máis fuga de divisas soa a estafa, porque o que nos pesa non é só a quen, senón o por e o para.