Luns 2, Outubro 2023
HomeCulturaEdicións Do Castro: un proxecto testemuñal

Edicións Do Castro: un proxecto testemuñal

Entre as moitas achegas de Isaac Díaz Pardo á cultura galega, estivo a súa teima pola recuperación da memoria da Guerra Civil e da represión, que promoveu a través do seu labor editorial. Xosé Luís Axeitos, nun artigo publicado no número 14 da revista de libros PROTEXTA, do verán de 2010, dá conta do inxente traballo realizado por Ediciós do Castro, o selo creado nos anos 60 polo persoeiro que vén de desaparecer. 

Con moita frecuencia se ten dito, con acerto, que os contextos son máis clarificadores ca o propio texto. E poderiamos facer extensiva esta máxima ao caso que nos ocupa: a editorial fundada en 1963 por Isaac Díaz Pardo e que co nome de Ediciós do Castro pasou a ser o voceiro cultural do denominado Grupo Sargadelos.

Aínda que previamente á súa fundación se chegaron a desenvolver unhas xornadas arredor do mundo editorial nas que participaron, entre outros, Ramón Piñeiro, Valentín Paz Andrade, Fernádez del Riego e Rafael Dieste, a política editorial de Ediciós do Castro estaba marcada polas conversas que Díaz Pardo mantivera con Luís Seoane e Lorenzo Varela nomeadamente. Este mesmo ano de 1963 tamén bota a andar outra editorial esencial, Castrelos, que comeza a marcar unha liña popular e revolucionaria no mundo cultural da posguerra. Lembremos que Galaxia estaba a ser neste momento unha empresa cultural con ben ganada sona no mundo do galeguismo malia ter unha políica editorial humanista, universitaria e, logo, minoritaria.

Pesará tamén no contexto fundacional de Ediciós do Castro outros moitos acontecementos políticos: a fundación de partidos chamados a ter un protagonismo político na transición, como a UPG (Unión do Povo Galego) e o PSG (Partido Socialista Galego), que tentaban dar resposta e canlear o descontento causado pola emigración masiva, provocada polo denominado Plan de Estabilización argallado polos tecnócratas do Opus Dei no poder franquista desde 1957. O mesmo ocorría no campo sindical onde a ING e CC.OO. comezaban a facerse notar na loita antifranquista. Neste clima de resistencia, un feito internacional de gran relevancia sería o asasinato de Julián Grimau en 1963, que desata a maior protesta internacional contra do franquismo. Luís Seoane desde Xenebra e Basilea segue con atención estes acontecementos e dá fe deles en cartas a amigos de Galicia e de Arxentina.

Fronte da opción culturalista de Galaxia, o proxecto de Ediciós do Castro estaba no ideario político e cultural do nacionalismo da segunda república. Así foi alomenos como o concibiran Luís Seoane e Lorenzo Varela coa complicidade necesaria do seu principal mentor, Isaac Díaz Pardo. Como proba fundacional, a primeira publicación do novo selo editorial sería unha carpeta artística con gravados de Luís Seoane titulada El toro júbilo. Seguiron a estas publicacións, ademais dos Cadernos do Laboratorio de Formas onde se expoñían as liñas do proxecto do Grupo, numerosos títulos que incluían todos os xéneros: narrativa, poesía, ensaio, teatro, estudos científicos, revistas de contido académico, etc.

No medio desta miscelánea interdisciplinar, aínda que sempre estaban presentes a emigración e o exilio, encarnados en autores como Seoane, Dieste, Cuadrado, Emilio Pita ou Castelao, tamén o estaban outros moitos autores ou títulos que se poden considerar hoxe como claudicacións editoriais. Ben entendido que soamente se pode falar de claudicacións cando hai un proxecto, entendido este como rumbo marcado que impide que cada título sexa unicamente integrante dun inmenso almacén.

Sería a colección “Documentos”, nacida no ano 1981, a que mellor marque o rumbo editorial de Ediciós do Castro. Encarna esta serie toda a vida política e cultural dunha Galicia dinámica e orgullosa de si mesma: aínda que predominan os títulos arredor do galeguismo nos anos da segunda república, abondan as incursións nos momentos históricos decisivos, desde a Ilustración, o provincialismo e toda a historia política e cultural asasinada polo franquismo.

Son miles de páxinas de memorias, autobiografías, procesos xudiciais censurados, exhumación de documentos censurados, etc. Gusta Isaac de invocar os nomes de Luís Seoane, Dieste ou Lorenzo Varela para que avalen os seus proxectos e tamén para permanecer nun segundo plano que lle permita o traballo de cada día. Pero neste caso, desaparecidos os seus ilustres invocados, ten que asumir a responsabilidade, como tantas outras, case todas, de ter creado unha panca de gran poder ao servizo da tan repetida hoxe memoria histórica.

A recuperación do noso pasado debe moito a esta serie “Documentos” que non teñen outra pexa máis que careceren os libros duns índices doados. Os milleiros de nomes e situacións históricas están asíamoreados, sen proxecto de construción.

E non remata aquí o proceso recuperador porque Isaac decidiu, a instancias do catedrático de Literatura da Universidade Autónoma de Barcelona, Manuel Aznar Soler, embarcarse no proxecto “Biblioteca del Exilio”, que nace coa pretensión de que vexan de novo a luz 100 títulos publicados no desterro a partir de 1936. Cábeme a honra de ter sido mediador necesario dun plan que leva publicados máis de dez títulos relativos a Galicia de difícil impresión fóra deste proxecto.

Se hoxe quixeramos escribir unha biografía razoada da obra intelectual e social de Isaac Díaz Pardo a mellor documentación informativa serían os fondos documentais da editorial que fundou. Ata as claudicacións –que as ten– forman parte do proxecto editorial porque son testemuña das süas relacións sociais, amplas e complexas, debido ás tamén complexas relacións do mundo empresarial.

Aínda que a recuperación do proxecto cultural do galeguismo durante a segunda república ocupa o lugar central dos fondos editoriais de Ediciós do Castro, no seu catáogo tiveron espazo as investigacións académicas, tanto de natureza científica como humanística, o mundo da arquitectura, da arqueoloxía, da etnografía, a historiografía, a numismática, etc. O periplo editorial de Isaac fixo paradas en moitos portos, nomedamente tivo rota fixa á Arxentina da emigración e do exilio pero sempre saía de Galicia, porque levou polo mundo os soños e anceios dos galegos.

 

Este artigo foi publicado na revista de libros PROTEXTA, nº14, verán de 2010.