A revista Tempos Novos denunciou xa en 1999 as irregularidades na Fundación Camilo José Cela. Tivemos daquela acceso a documentos, extractos bancarios e declaracións fiscais que demostraban como Lengua y Literatura AIE, creada en Madrid sen o consetimento expreso dos patronos da Fundación, puido recibir da Facenda pública unha devolución millonaria á que, por estar exenta de IVE, non tiña dereito a entidade. TEMPOS DIXITAL recolle agora nun dossier as reportaxes publicadas en Tempos Novos durante todos estes anos: “Unha fundación moi particular” (nº7, dec. 1997); “Sospeitas na Fundación” (nº30, nov.1999) e “Denuncias na Fundación de Iria Flavia” (nº34, mar.2000).
Dispendio e declive na Fundación Cela. Males de vello (publicado en TEMPOS NOVOS nº 152, xaneiro 2010)
O que debía ser un outono de celebración para a Fundación Camilo José Cela non foi senón revelación última do seu declive. Hai vinte anos que o escritor, inmenso no seu frac e do brazo da súa muller, Marina Castaño, recollía en Estocolmo o galardón que durante tanto tempo degoirara. Dúas décadas despois, as noticias saídas na prensa amosan como a Fundación creada polo Nóbel balorece resultado da mala xestión económica, a perda de patrocinadores e visitantes, a mingua de ingresos e os problemas de conservación da sede de Iria Flavia, do legado do escritor e do museo ferrocarrileiro dedicado ao seu avó, ameazados pola humidade, as inundacións, a ferruxe, o po e, mesmo, a gula dos xilófagos que devoran os libros do escritor.
Á luz mediática saíron este outono, a raíz das denuncias dos empregados, as dificultades económicas da Fundación, os problemas laborais froito do trato dispensado aos traballadores e o dispendio en gastos de todo tipo: dende o elevado soldo –10.000 euros ao mes– do xerente, Tomás Cavanna, que en decembro presentou a dimisión, ao uso da sede de Iria Flavia para usos particulares de Marina Castaño e del, e o pagamento a traballadores ao servizo particular de ámbolos dous. Males de vello que se evidenciaron unha vez máis. Porque hai anos que, dende TEMPOS Novos, viñemos rexistrando como se estaban a incubar os ovos da serpe sen que dende o Padroado da Fundación –do que forman parte Xunta, Casa Real, Universidade de Santiago e Deputacións– se fixera ren.
[quote style=”boxed” float=”right”]Á luz mediática saíron a raíz das denuncias dos empregados, as dificultades económicas da Fundación, os problemas laborais froito do trato dispensado aos traballadores e o dispendio en gastos de todo tipo[/quote]
Fixémolo hai xa máis dunha década, en novembro de 1999, cando demos conta da creación da agrupación de interese económico “Lengua y Literatura AIE”. Participada nun 80 por cento pola Fundación e nun 20 por cento por unha agrupación privada dos Cela, “Letra y Tinta”, a entidade xestionaba as cuantiosas subvencións (300 millóns de euros) recibidas para a adquisición e reforma das Casas dos Cóengos e conseguía así devolucións millonarias da Facenda Pública ás que a Fundación, que como tal fora exenta de IVE, non tiña dereito. Xa entón informabamos, ademais, das cuantiosas perdas rexistradas pola Fundación, cifradas en 41 millóns de pesetas entre 1995 e 1998, malia as xenerosas inxeccións de administracións públicas e patrocinadores privados. E apuntabamos entre os motivos os excesivos gastos de persoal. O salario bruto anual de Tomás Cavanna estaba fixado a finais da década en 12,5 millóns das antigas pesetas. Ademais, a Fundación alugara, en 1994, un piso na compostelá rúa Nova co fin de que fose ocupado polo xerente, a gastos pagos.
Tampouco os problemas laborais son novos. Este outono a xustiza declarou nulo, por improcedentes, o despedimento de catro traballadores. O xulgado do social número 2 de Santiago constatou a vulneración da liberdade sindical. Malia saír publicado na prensa que, até entón, Tomás Cavanna nunca perdera un xuízo, convén lembrar que, xa en 2004, unha sentenza do Tribunal Superior de Galicia ratificara o despedimento improcedente de María Luísa Fernández Pascual, que traballara na Fundación como bibliotecaria. Hai moito tempo xa que a Fundación rota como un cesto sen que ninguén faga ren.
Madeira de fisco
A documentación achegada na reportaxe de investigación “Madeira de fisco” (TEMPOS Novos, setembro de 1999) entrou nos xulgados meses despois de man de dúas denuncias cursadas por dous cidadáns galegos. Unha ante a Axencia Tributaria de Madrid, coa fin de determinar se a Fundación cometera fraude e delito fiscal. A segunda, ante o xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Vilagarcía e a inspección de Facenda da vila contra “Lengua y literatura A.I.E.”.
O traballo xornalístico amosaba como a agrupación de interese económico “Lengua y Literatura” fora constituída un 27 de xullo de 1999 sen previa información nin autorización do Padroado, tal como nos confirmara un dos seus membros. Como uns meses despois, o 5 de outubro, se abre en Padrón unha conta bancaria a nome desta sociedade á que se traspasa todo o diñeiro que percibira a Fundación das numerosas subvencións recibidas. Como, a partir dese momento, as facturas dos diferentes provedores deixan de cargarse á Fundación para ser emitidas a nome da sociedade interposta para obter así a devolución do IVE –TEMPOS localizara documentos que probaban a existencia de catro facturas así reexpedidas, por valor de 37 millóns de pesetas–. E, como, “Lengua y Literatura” obtén dese modo o dereito á devolución de 11.085.863 pesetas, o IVE deducible que presenta ao peche do exercicio fiscal de 1998, e de 6.942.724 pesetas, no primeiro trimestre de 1999.

Tomás Cavanna negaba anos despois, en 2004, nun artigo publicado na revista Tiempo de Hoy, calquera problema de fraude fiscal, mais non o mecanismo empresarial artellado. “Ao informe do auditor de Arcoasa con data 31 de xaneiro de 2000, ditaminando que a Fundación podía participar na agrupación de interese económico creada coa aprobación do Padroado para xestionar as obras das casas rehabilitadas e que o uso dos fondos recibidos foi correcto. Á revisión realizada por KPMG Auditores a instancias da Consellería de Economía da Xunta de Galicia sobre o control financeiro e dos límites e condicións relativos ás subvenciones cuxo ditame favorable se remitiu en data 13 de xuño de 2000. Á Inspección da Axencia Tributaria sobre o cumprimento das obrigas e deberes tributarios da Fundación durante os exercicios 1995, 1996, 1997 e 1998. Á Inspección de Traballo e Seguridade Social referida a un período de tres anos e que tamén se resolveu en decembro do ano 2000. A todo iso, súmase o fallo ditado polo Tribunal Económico Administrativo Rexional de Madrid de data 17 de decembro de 2003 estimando as reclamacións, que aproban as devolucións e mais os seus intereses e anulando a sanción que se acordara o 4 de abril de 2001 pola delegación de Facenda de Madrid”. Así mesmo, o durante anos xerente da Fundación nega, na actualidade, os problemas de conservación do legado do autor, como indicou ante os medios, e, respecto ás acusacións contra el verquidas neste outono, sinalou en declaración á prensa que “case todo o que se dixera era mentira”. Non puidemos falar con el para poder concretar estas verbas, malia as chamadas insistentes realizadas á Fundación ao longo de dúas semanas, por atoparse de vacacións de Nadal. Tampouco a súa sucesora no cargo, Covandonga Rodríguez, quixo responder ás nosas preguntas.
En TEMPOS tamén deixamos constancia –agosto de 2004– do inicio do periplo xudicial da escritora e fotógrafa de Iria Flavia, Lola Ramos, quen tamén interpuxo nese ano denuncia xudicial e ante a Administración de Facenda co fin de que se investigasen as posibles irregularidades en que puidera incorrer a sociedade interposta creada para a consecución da devolución do IVE. A denuncia xudicial, presentada ante o xulgado de instrución en Madrid, foi arquivada provisionalmente porque, segundo explica Ramos, “tería que ser elaborada a través do penal e da fiscalía xudicial”. Camiño polo que está disposta a continuar cunha demanda ante a Fiscalía xudicial se Marina Castaño non dimite como presidenta da Fundación Camilo José Cela. A escritora iriense coida que a viúva do escritor debe abandonar o temón tanto polo modo en que guiou a Fundación como por respecto ao artigo 13 dos seus estatutos, no cal o escritor estipulaba que Castaño sería membra nata do padroado, como vicepresidenta primeira, sempre e cando non cambiara de estado ou pactara obediencia a terceiros.
Lola Ramos dá conta doutras irregularidades, como a nómina percibida polo chofer dos Cela a cargo da Fundación, cando este non traballaba na sede de Iria Flavia senón en Madrid ao servizo do Nóbel, ou o caso de Gaspar Sánchez Salas, doutor en filoloxía e colaborador literario de Camilo José Cela. Por ter contratado a Sánchez Salas, afirma Ramos, a Fundación mesmo percibiu subvención da Consellería de Familia e Promoción de Emprego da Xunta de Galicia en 1998 –foron 600.000 pesetas as que se lle concederon por ter ingresado en nómina a el e a outros dous mozos– malia a estar nese momento traballando como colaborador literario ao servizo particular do Nóbel no seu domicilio de Puerta del Hierro, en Madrid.
“Terrorismo laboral”
De “terrorismo laboral” cualificaba para TEMPOS en 2004 un extraballador da Fundación o “réxime” no que se traballaba na Fundación. Quería así avalarnos o testemuño de María Luísa Pascual. A bibliotecaria conseguira entón que o seu despido fora ratificado como improcedente polo TSXG mais non, porén, levar a cabo con éxito a demanda de acoso laboral contra a Fundación. E iso malia o denigrante das situacións denunciadas. Pascual manifestara entón a TEMPOS como fora trasladada a un pombal, sen calefacción, sen teléfono, sen permiso para entrar nas instalacións principais, e rebaixada á función de pegar ex libris, propia dun técnico bibliotecario mais non dunha bibliotecaria titulada.
[quote style=”boxed” float=”right”]Pascual manifestara entón a TEMPOS como fora trasladada a un pombal, sen calefacción, sen teléfono, sen permiso para entrar nas instalacións principais[/quote]
O episodio volveuse repetir cinco anos máis tarde, co despido improcedente neste 2009 de catro traballadores que formaban parte da lista da UXT ás primeiras eleccións sindicais celebradas na Fundación. Os problemas comezaron, segundo manifesta Ernesto Fontanes, secretario xeral da Federación de Servizos de UXT cando, no seu momento, os traballadores amosaron a súa preocupación pola deterioración do legado do escritor e, paralelamente no tempo, se promoveron eleccións sindicais. O proceso, explica, foi dificultado dende o principio. Sufriu impugnación, tentouse botar abaixo a candidatura da UXT e mesmo se procurou disuadir aos traballadores de que participaran dela. As consecuencias, engade Fontanes e ratifican as sentenzas xudiciais, foron as ameazas veladas e finalmente os despedimentos. O padroado da Fundación, denunciaba María Luísa Pascual a TEMPOS hai cinco anos “non pide informes, cotexa versións nin depura responsabilidades”. Verbas que seguen a ter validez para o momento actual.
Goteiras económicas
Pasaron á historia aqueles tempos de fartura nos que a Fundación se beneficiaba da chuvia de millóns percibida dende entidades diversas para a reforma da Casa dos Cóengos, a finais da década dos 90. Naquel fin de milenio, a Fundación recibira 86 millóns de pesetas da Consellería de Cultura (febreiro de 1997), 40 do Ministerio de Educación e Ciencia (marzo do 1999); 43 da Deputación da Coruña (xaneiro de 1999); 21 da Deputación de Pontevedra (febreiro de 1998); 11 das deputacións de Lugo e Ourense e 25 millóns e medio procedentes da Fundación Ferrocarriles españoles (decembro de 1997).
[quote style=”boxed” float=”right”]As dificultades agraváronse nos últimos anos coa marcha de patrocinadores:USC, Fundación Barrié, Concello de Padrón, Deputación de Pontevedra, Fundación Caixa Galicia, Fundación Cultural Banesto e Consellería de Cultura[/quote]
Os problemas económicos veñen de vello. Mesmo naquel momento a Fundación presentaba xa perdas. As dificultades agraváronse nos últimos anos coa marcha de patrocinadores. No último ano da década dos 90 formaban parte da lista de benefactores nas contas da entidade a USC (4 millóns de pesetas), a Fundación Barrié (5 millóns), o Concello de Padrón (6 millóns), a Deputación de Pontevedra (1 millón), a Fundación Caixa Galicia (4 millóns), a Fundación Cultural Banesto (5 millóns) e a Consellería de Cultura (10 millóns de pesetas). Na actualidade, só figuran como patrocinadores na páxina web da Fundación –o dato non nos foi facilitado pola Fundación cando llo requirimos–, o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte (inexistente como tal na actualidade), a Xunta de Galicia, as catro deputacións, a Universidade de Santiago de Compostela, o Concello de Padrón (con 24.000 euros anuais), Caixanova e a Fundación Caja Madrid. Datos nin sequera exactos xa que tanto as deputacións de Ourense e Lugo, como a Fundación Caja Madrid e o Ministerio de Cultura afirman non contribuír xa economicamente coa entidade.

Á morte do escritor os patrocinios comezaron a minguar, seguiron a baixar á marcha de Fraga da Xunta –quen tiña feito presión ás deputacións para que contribuísen a nutrir a carteira da Fundación– e continuaron en picado por mor da crise económica. A Fundación perdeu tamén patrocinadores importantes non só polo seu capital económico senón tamén polo simbólico. Tal é o caso de RENFE, que colaborou no seu momento co Museo Ferrocarrileiro John Trulock, ou da editorial Planeta. Das deputacións, é a da Coruña a que mantén máis en firme o seu compromiso co legado celiano. No 2009 reservou para a entidade 36.000 euros, a mesma cantidade que destinaba xa en 2004, aínda con Fraga na Xunta. Notabelmente inferior é a axuda da Deputación de Pontevedra – 34.000 entre 2004 e 2009– e nula a achegada na actualidade pola Deputación de Ourense e a de Lugo, que deixou de financiar a Fundación coa chegada do bipartito PSOE–BNG á Deputación e dos nacionalistas á súa área de Cultura.
O BNG tamén limitou a axuda á Fundación ao seu paso pola Consellería de Cultura. A Consellería de Cultura reduciu á metade a subvención que se lle estaba a dar á entidade, até igualala á proporcionada a outras fundacións. A pata socialista da Xunta naquel momento, porén, contrarrestouno coa entrada da Consellería de Educación no padroado e en 2009 achegou unha subvención de case 200.000 euros. Quería así servir de chaleco salvavidas fronte á perda de ingresos da Fundación e as ofertas do goberno da comunidade autónoma madrileña e do antigo goberno balear para trasladala. Deste xeito, os orzamentos públicos situáronse entre o 60 e o 70 por cento dos seus ingresos. O propio xerente, Tomás Cavanna, manifestaba nun correo electrónico remitido a Marina Castaño e a José Luis Delso, incluído na documentación sobre a Fundación achegada no seu momento por Lola Ramos á Xunta bipartita para denunciar a situación da entidade, que “a Consellería de Educación ten na carteira 200.000 euros para subvencionarnos durante o ano 2008 (o 40% do noso gasto ordinario) e que non deberiamos xogar á contra até non ter o diñeiro asegurado)”.
A polémica mediática deste outono provocou a reacción da Xunta e da oposición. Feijóo manifestou o seu interese por trasladar o legado de Cela Trulock á Cidade da Cultura. A proposta, que suscitou xa as protestas do concello padronés, ten na súa contra o desligar o legado dun lugar de alto valor simbólico, a localidade natal de Cela, o destino que el lle procurou en vida. O PSdeG–PSOE, pola súa banda, presentou proposición non de lei para a conversión en pública da Fundación de modo que a Administración, que achega xa boa parte dos seus ingresos, poida tamén xestionala. Ademais, pide que a Xunta xestione autorización para inspeccionar o estado físico do legado. Medidas que tentan cortar unha gangrena que leva anos xa a serpear sobre o legado do Nóbel galego.
(Artigo publicado orixinalmente na revista TEMPOS NOVOS Nº 152, xaneiro 2010)