Domingo 4, Xuño 2023
HomeCulturaDo rock sen capar á volta dos Heredeiros da Crus

Do rock sen capar á volta dos Heredeiros da Crus

O rock Bravú naceu en Galicia aló pola década dos 90. Pode que unha xeración de mozos estivera farta de que se lle impuñera o foráneo: o rock que viña de Londres, chegaba a Madrid e impoñíase aquí. Levábase o rock ´n´roll das chupas de coiro, os Cadillacs e as Harleys. Pero eles romperon o molde. Grupos como Os Resentidos de Antón Reixa, Os Diplomáticos de Monte Alto de Xurxo Souto e moitos máis como os Yellow Pixoliñas, os Heredeiros da Crus, Rastreros ou Xenreira déronlle corpo a este movementoO escritor Xavier Vilariño definiuno como “un rock sen capar que xurdiu cando as guitarras chegaron ás aldeas”. Para Antón Reixa, dos Resentidos, non debe denominarse un rock de aldea, pois para el, o Bravú plasma esa dicotomía de rural e cidade que é Galicia. Para o vocalista de Diplomáticos, Xurxo Souto, tampouco se pode denominar rock de aldea, pois “Os Diplomáticos de Monte Alto non eramos de aldea. Nacemos nun barrio coruñés, na Coruña profunda”. Porén, Reixa coincide fondamente na afirmación de que é un rock sen capar. Explica que nos 80 os grupos tiñan unha certa pretensión comercial, pero que nos 90, co Bravú todo isto desaparece. O Bravú é un rock que se move unha esfera alternativa, sen normas e que naceu tamén dunha eclosión que se deu de nova música que viña do post-punk e bebeu doutros grupos como La Polla Récords, La Mano Negra, Chemichal Brothers, Orbital ou Class.

O certo é que de súpeto comezaron a nacer bandas en toda Galicia, case en cada pobo, cantando en galego: os Skornabois en Lourenzá, os Impresentables en Vimianzo, o Caimán do río Tera en Ponteareas… e entre todos eles crearon esa etiqueta do Bravú, nunha xuntanza alá por terras de Vilalba mentres degustaban un cocido. Tal etiqueta tamén se podería resumir en terra, lingua e amor ó Rock´n´Roll. Souto afirma que deicidiron autodenominarse “Bravú” porque “xurdiron moitos nomes pero ao final decantámonos polo Bravú. O bravú é o cheiro do monte, da carne sen castrar”.

A labor de normalización lingüística que levou a cabo o Bravú foi palpable. Souto declara que “A xente nova valorou máis a lingua galega e superou os nosos tabús. Hoxe en día, pola contra, a lingua galega está sufrindo novamente a falta de apoio en contidos emerxentes”. Reixa móstrase menos positivo neste eido e afirma que “existiu, foi palpable, pero todos debemos ser autocríticos e compartir un certo fracaso. En todo caso, se o Bravú non existira, habería que inventalo. Pero todos os esforzos pola lingua son poucos, polo que estábamos eticamente emprazados a facelo. O Bravú ratifica un avance, instala o galego no rock”.

Por fuciños, por cacheiras

O Bravú tivo difusión televisiva  e chegou un intre no que case calquera rapaz galego coñecía cancións Bravú, pois o movemento  contou cunha gran plataforma de publicidade, que foi o Xabarín club. Así, cancións como Oda ao futbolín ou Que jallo é convertéronse en himnos da xeración Xabarín. Pode que o éxito fora o divertido das letras ou ese xeito retranqueiro de tratar a idiosincrasia da terra, pero a gran verdade é que calquera mozo que as tivera escoitado na súa nenez, non pode evitar un sorriso cando as poñen nun pub nin reprimir as ganas de cantala polo baixo.

Para Souto é un movemento morto, pois explica que “morreu por cuestión xeracional. A xeración dos noventa tivo como referente a algún destes grupos. Cos novos tempos xorden novas ideas”. Reixa amósase máis optimista e declara que “Morreu porque non morreu. Con respecto aos 80 o Bravú era moi orixinal e mal que ben supuxo a creación de dúas tendencias: por un lado, grupos que usan o galego para as súas letras, e polo outro, grupos de propostas musicais moi singulares”.

A cuadrilla de Pepa a Loba

“Bueno, vamos empezar a misa”. Con esa ironía irreverente que os caracteriza anunciaron os Heredeiros da Crus a súa volta aos escenarios tras oito anos de inactividade. Volven “os máis ghrandes” como eles mesmos se definen, foi a proclama de do guitarrista, Tucho. Afirman que volven tal e como marcharon: “cun directo potente e brutal” e tamén con esas letras cargadas de ironía, retranca e naturalidade que os caracterizan. En realidade, tal e como marcharon, non, pois segundo Tonhito de Poi terán que contratar a alguén para que lles faga os nus porque eles xa non teñen “corpo para iso”.

O 3 de marzo na sala LP de Ordes os Heredeiros retoman o directo. Xa están ensaiando para o evento, ou como eles mesmos din “afinando a sachadora”. Os asistentes, que teñen coidado, pois eles prometen guerra: “as vallas anti-pánico téñennolas que poñer a nós”

Deciden volver porque o público o demandou e porque se cumplen neste 2012 vinte anos da fundación do grupo, aínda que seica os Heredeiros non volverían tocar ata chegado o pasamento de Fraga… coincidencia? “Todo é posible”, afirmaron eles.

Novos discos dependerán da resposta do público, pero en todo caso a súa reunión quedará como un fito, como a volta da terra, da lingua . Do amor ao rock and roll.