Hai vinte e cinco anos, José Saramago advertíanos que o mundo moderno estaba a converterse nunha caverna como a de Platón, todos mirando imaxes e crendo que son a realidade. Ninguén pon en dúbida isto a día de hoxe, mergullados como estamos no reino das redes sociais e do seu ditado das imaxes que distan moito de ser a realidade. Corremos o risco, con todo, de que esa exposición ás imaxes da caverna moderna nos cause o mesmo efecto cando miramos dentro de nós mesmos: que non saibamos distinguir a realidade do que somos como seres humanos.
Se a espeloloxía é tanto a ciencia que se ocupa do estudo das cavernas como a actividade deportiva que consiste na súa exploración, cos versos contidos en Oídos de espeleóloga, poemarío co que vén de gañar o premio de poesía Concello de Carral, Ciro Briones entende ao ser humano como unha cova, unha caverna, un foso, ao que lanzarse a explorar o abismo do noso interior nunha escuridade onde ver cos oídos. Enfrontarnos a esa exploración cunha escoita atenta como elemento fundamental é o que nos propoñen estes versos.
O primeiro poema, “Pathos”, xa marca o ton dese descenso ao inferno que somos nós mesmos e dános unha idea da filosofía que subxace no poemario. “Pathos” como emoción, sentimento, conmoción, sufrimento, mais tamén como repercusión no ánimo do espectador da traxedia, producida polo desenvolvemento da acción dramática. Nesta volta de porca aristotélica, a traxedia somos nós e nosa é a conmoción.
O poemario é, pois, unha viaxe de descubrimento, de explicación do que somos, ou polo menos, de tentalo desde a poesía para que empaticemos coa humanidade do poeta, pois nós tamén somos, como lectores, seres humanos que soñan, senten, teñen medo, latexan, descobren, fulxen, levántanse, sementan, recollen, bailan, pasean, teñen presenza e ausencia, humidade, calor, pel, suavidade, transitan, suspiran, miran, loitan, calan, resisten e pelexan contra o paso do tempo, que non por menos inexorábel deixa de ser fascinante, pois aínda que sabemos que se impoñerá a nós e acabaranos devorando, como din estes versos de “Spelaïon”, derradeiro poema do volume, “as raíces que medraron nunca deixan de existir / embaixo incluso da fervenza da cidade”,
Decía o poeta José Hierro que cando escribía os seus poemas necesitaba non soamente comunicar unha circunstancia senón impregnar a quen o lese desa mesma circunstancia. Todos quedamos impregnados por completo da escuma dos días e da cinza das horas, tras este fermoso descenso con atentos oídos de espeolóloga ás profundidades do ser humano, no que Ciro Briones nos brinda unha das experiencias poéticas máis potentes dos últimos tempos.
Oídos de espeleóloga
Ciro Briones
Espiral Maior, 2024