Xoves 28, Outubro 2021
HomeCulturaDO PAI E O PATRIMONIO

DO PAI E O PATRIMONIO

NARRATIVA
Vega, Rexina (2020): O Estado Intermedio, Vigo, Ed. Galaxia, 190 pp.

 

por Manuel Forcadela

A novela de Rexina Vega  preséntase nunhas condicións enunciativas moi particulares. En primeiro lugar polo ton elexíaco que envolve toda a atmosfera e a reiterada apóstrofe ao pai morto como trazo de confesionalidade. Construída na súa primeira parte en unidades capitulares curtas, que van desde unha a catro páxinas, que logo se alongan na segunda parte, manifesta un dominio do ritmo narrativo que semella estar calibrado no interese crecente do lectorado pola historia. Da pregaria e o lirismo no principio á épica central para, finalmente, concluír de novo na elexía. Unha ladaíña intimista e interior sitúanos no lamento do pai morto proxectado pola filla. Primeira persoa e autoficción. Mais unha autoficción indagativa como se o texto quixese formar parte dunha autoanálise que só a publicación pode revertela en colectiva, en social.

Consideremos que toda autoficción comprende un dobre exercicio ficcional. Por unha banda a hipoficción desde a que se conta e, por outra, a hipoficción que se conta desde esa posición enunciativa tamén ficcionada. As dúas reunidas nunha ficción xeral que precisa valerse das súas coherencias. Trátase, por tanto, non só de ficcionar o pai senón tamén de ficcionar a filla dese pai, que é quen relata.

Unha fluencia de discurso que é quen de ir variando de planos imaxinarios, de voces, de focalizacións diversas, sempre dentro desa cohesión e congruencia, mais sen abaixar nunca o seu nivel de beleza verbal. Estamos, por tanto, diante dun discurso que non só se le coa boca, senón tamén co oído, coa imaxinación e coa intelixencia.

Unha casa fechada que está a ser preparada para a venda e que é o lugar da ladaíña e unha filla a limpar a piscina da infancia, unha filla a recoller as cinzas e as poeiras, os refugos e os cascallos do tempo que pasou.

Esta alegoría da casa e da súa venda, coa filla a recoller os papeis que ficaron ciscados, limpando os pousos das idades, rexenerando o tempo. Vender a casa familiar, desfacerse desa propiedade simbólica. Ao contrario do famoso poema de Gabriel Aresti, “Defenderei a casa do meu pai”, procédese a abrazar o pai, o pai real que tivemos, separándoo, para ben e para mal, do seu patrimonio. E esta escisión entre pai e patrimonio resulta, desde o meu punto de vista, fundamental e decisiva. Produto dunha claridade expositiva que brota, tamén, dunha transparencia intelectiva, como se ese falar que domina a voz narrativa fose a principal consecuencia dunha nova organización dos corredores e as estancias, das vías para a fluencia das lembranzas e as imaxes.

Lembro a Freud preguntándose por que as grandes obras da historia da literatura falan de matar o pai. Edipo, Hamlet, Os irmáns Karamazov. O Estado Intermedio é unha tentativa de encontrarlle un sentido ao pai.

Asunción da finitude, procura dunha saída digna para a pulsión de morte, ataraxia estoica, nunha obra certamente imprescindible.

 

Novidades