Domingo 1, Outubro 2023
HomeCulturaDO ACTIVISMO LINGÜÍSTICO AO ACTIVISMO ECOLÓXICO

DO ACTIVISMO LINGÜÍSTICO AO ACTIVISMO ECOLÓXICO

ENSAIO
Moure, Teresa. Lingüística Eco- O estudo das línguas no Antropoceno. Através Editora, 2019

 

por María Alonso Alonso

A ecocrítica, como disciplina académica, comezou a coller forza a finais do século XX, sobre todo despois da publicación de The Ecocriticism Reader: Landmarks in Literary Ecology (eds. Cheryll Glotfelty e Harld Fromm, 1996) e Writing the Environment (Richard Kerridge, 1998), que examinan a relación entre os seres humanos e o medio ambiente, e que intentan chamar a atención sobre o rumbo antropocéntrico e instrumental do noso entorno máis inmediato que ve á natureza como un mero obxecto para a explotación humana.

Con Linguística Eco- O estudo das línguas no Antropoceno, Teresa Moure continúa con esta pescuda e vincúlaa cun dos aspectos máis inmediatos da nosa existencia, co noso sentido de pertenza, algo que condiciona de xeito irremediable a nosa identidade. Linguística Eco- súmase a outras publicacións recentes como Animais de estimação e bestas de companhia (Através, 2019), de Rebeca Baceiredo, ou Na defensa dos animais (Axóuxere, 2019), de Oscar Horta, libros cun claro compromiso de respecto e conservación do mundo natural. A Moure docente, profesora de lingüística na Universidade de Santiago de Compostela, móstrase nesta nova publicación por enriba da Moure investigadora para reclamar a necesidade de sacar a lingüística das aulas universitarias e facer dela unha materia non só de estudo científico. Linguística Eco- xorde como manual de divulgación para achegarnos á relación entre a ecoloxía e a lingüística. Despois dun percorrido polo estado da cuestión, o libro céntrase no Antropoceno (termo non libre de controversia e que fai referencia a esta época na historia recente caracterizada polos efectos negativos da actividade humana sobre a natureza) e no xeito no que as linguas tamén se ven condicionadas por estes efectos nocivos. A través de diferentes exercicios e exemplos ilustrativos, Linguística Eco- abrangue o trinomio asimilación/imposición/aniquilación para abordar o complexo tema da substitución e/ou morte das linguas. Axudada pola coñecida metáfora das linguas como organismos naturais, Moure reivindica o traballo de investigación lingüística de campo como modo de loitar contra o eurocentrismo desta disciplina.

Nos cinco capítulos nos que se divide a obra, a autora comeza cun percorrido polas linguas do mundo e cuestiona conceptos como ‘diglosia’ ou ‘bilingüismo harmónico’ ao centrarse no caso galego. Esta cosmovisión que ofrece o libro ilustra de xeito moi efectivo o proceso de imperialismo lingüístico da nosa era, á vez que fuxe de definicións reducionistas á hora de achegarse á idea de linguaxe. Moure fala da linguaxe sexista, da visión animalista e da ecocrítica da linguaxe para conectar a lingua co contexto no que se reproduce. Este contexto é fundamental para comprender a necesidade de ligar o activismo ecolóxico ao activismo lingüístico e evitar a perda deste material intanxible de valor incalculable que son as linguas.

___________