Detrás está o azul

O Azul Monforte é unha creación da nai, protagonista de moitas páxinas, das mellores páxinas deste libro de Antón Lopo, premio Fiz Vergara Vilariño. “Cada ano o Azul Monforte reaparecía no ceo de Agosto” e era ela, a nai, quen testemuñaba a súa fascinante presenza. E Berta, a artista Berta Cáccamo, na illa de Ons e na compaña de Lopo e outros amigos e amigas, traza con tinta, mica e xofre unha mancha verde. “Detrás está o azul”, asegura. É o Azul Ons. Outros matices da mesma cor van completando en diversos poemas a fantástica xeografía cromática explorada polo poeta: o Azul Hío, o Azul Santiago –que se mostra nas beiras do Sarela- e o verdadeiro Azul, o do Caurel, que Uxío Novoneyra localizaba no horizonte, ollando cara a Tor.

A nai, garimosa e sabia, voz da intelixencia visionaria, constitúe un dos significados centrais destas páxinas de diario resoltas en formato de versículo narrativo. O Azul en toda a súa gama de matices traza unha liña subtil de tonalidades complementarias e colabora na construción do discurso unitario. Pero a unidade do conxunto ven determinada sobre todo pola escolla dunha fórmula expresiva que produce un efecto de rara naturalidade. O curso aparentemente espontáneo do pensamento, o fluír da memoria, o rexistro puntual de acontecementos e emocións son os mecanismos construtivos que, malia a autonomía de cada poema, producen ese resultado: a sensación de escrita concertada, do libro como concerto, como transcurso, tal como o propio autor suxire en versos de autopoética onde, ademais, se manifesta a vontade de crear “un poema construído en por si, sen mecanismos literarios (sen vontade sonora)”.

Non teño dúbida de que Diarios/1 (Azul Monforte) non foi construído “en por si” senón cos aparellos do magnífico vigor vixiante do poeta Antón Lopo. Sei, ademais, que non é posibel escribir un poema que non sustente a súa existencia na acción dos “mecanismos literarios”. Comprobo tamén que a vontade sonora asenta neste libro na xeometría da sintaxe e que o seu estilo, verdadeiramente anovador, nada convencional, fundaméntase na reescrita das noticias do mundo e das experiencias propias cos rexistros propios da crónica e do diario íntimo. con esa aparencia de relato documental que non oculta a cerna do poema como texto de ficción.

Pero, se consigo que estas certezas permanezan en estado de discreta latencia, podo percibir nos poemas de Diarios/1 (Azul Monforte) ese efecto de escrita auto-creada, en certa medida a-literaria. Trátase dunha audaz aposta que nos achega ao territorio do experimental, da indagación en novas posibilidades creativas da linguaxe. Benvida sexa tal aventura se vai conducida, como é o caso destes Diarios, en rumbo da alta poesía.

 

Diarios/1 (Azul Monforte)
Antón Lopo
Espiral Maior, 2023