Domingo 1, Outubro 2023
HomeCulturaDIARIO DUN ENTERRO, O ABURRIMENTO DOS VELORIOS

DIARIO DUN ENTERRO, O ABURRIMENTO DOS VELORIOS

NARRATIVA
Diario dun enterro, de Gonzalo Hermo. Galaxia, 2019. 128 páxs.

 

por Susana Sanches Arins

Gonzalo Hermo (Rianxo, 1987) debuta na narrativa con Diario dun enterro, publicado por Galaxia, Premio Repsol de Narrativa Breve 2019. Até agora, o autor destacara (con moitos e prestixiosos premios) como poeta.

A novela, máis ben nouvelle, é un diario de catro xornadas dividido en dezasete capítulos onde Xacobe, un trasunto do propio autor, conta, en primeira persoa e tempo verbal presente, as súas vivencias logo de saber que o seu avó materno morreu tras esvarar na bañeira. A viaxe de Barcelona á ficticia Eiradona, o contacto coa familia e a casa natal, os ritos da morte e o retorno a Catalunya son os tempos e espazos da obra.

A vella máxima di que unha novela é unha representación da vida sen as partes aburridas, algo que non tivo en conta Hermo na composición desta obra. A pesar das súas moitas calidades, das que logo falaremos, o libro faise pesado e intranscendente. Porque o autor, en efecto, quere contarnos esas seis xornadas cunha mestura de observador e microensaísta sobre a realidade. Mestura a descrición, a crónica (de aí o tempo verbal presente) coa digresión reflexiva, o xuízo de costumes e outras apreciacións subxectivas. A estratexia narrativa é un bo punto de partida, pero a Hermo fáltalle brillantez. A súa narración é plana, ás veces anódina, ás veces académica: “Eu seguía patróns de conduta aprendidos no fogar e, en consecuencia, nunca problematizados” (p. 45). A lingua é estándar, expresivamente máis pobre ca un exame do CELGA, case sempre imprecisa. Sobran as frases feitas e os lugares comúns. Non hai unha mirada repousada senón unha falsa espontaneidade que pexa a narración até case desactivala. Ese lastre nótase especialmente nos diálogos. Son evidentes e redundantes. Enchen de palla unha novela de 124 páxinas e só en determinados momentos serven de motor para a narración.

A excepción é a personaxe da nai do narrador. Hermo consegue iluminala, captar a súa esencia e complexidade. Cando ela aparece, de repente a linguaxe se libera. Por traballo ou intuición, o autor logra facer desa personaxe unha personaxe literaria.

A pesar das eivas, debemos tomar este libro como un exercicio narrativo dun escritor que nos deixa percibir as súas potencialidades. Quizais a única maneira de desfrutar deste libro é comprendéndoo como un diario real no que o narrador foi deixando, en bruto, impresións que só deberían ver os seus propios ollos. Gonzalo Hermo ten sensibilidade na ollada para os detalles e facilidade para tirar do caos da realidade unha reconfortante harmonía.

Hai que agradecerlle a Hermo que nun tempo de narrativa prefabricada intente outro camiño: unha novela que non se autoimpón unha trama, que non se cinxe a ningún “tema candente”, que sae ao camiño para ver se encontra a maxia da arte. Mais a arte, por desgraza para o escritor, non se busca, aparece. E neste caso quedou porta fóra. Nas páxinas de Diario dun enterro polo menos séntese o seu recendo.