Pódese contar a historia de Galicia a través do deseño? Esa pregunta foi o punto de partida do proxecto expositivo e editorial Galicia. Procesos e formas (Matosinhos, Portugal) que traza un percorrido polo pasado, presente e futuro do deseño de Galicia, amosando algún dos seus fitos a partir dunha serie de profesionais e empresas clave na súa aposta polo deseño como motor para a innovación desde os anos vinte do século pasado ata hoxe. O proxecto procurou responder as preguntas “De onde vimos? Quen somos? e Onde imos?”, esas grandes dúbidas da filosofía, que en clave galega lémbranse por ser o título dunha das cancións máis coñecidas do grupo Siniestro Total, publicada en 1984 dentro do disco Menos mal que nos queda Portugal.
O papel do libro será primordial e a renovación gráfica da industria editorial será tamén caldo de cultivo e ideas para sectores industriais e económicos, que se apoiarán no deseño para competir e diferenciarse, achegando valor engadido.
Por esas mesmas datas, outro grupo galego da movida, Os Resentidos, titulaba o seu disco Vigo Capital Lisboa, cunha portada protagonizada polo popular galo de Barcelos e unha curiosa contraportada coa bandeira portuguesa cruzada por unha banda similar á da bandeira galega. Galicia reivindicábase en España como “sitio distinto” a partir dunha sorte de compromiso dadaísta, dunha maneira máis desenfadada que anos atrás, cando o celtismo e o atlantismo sustentaban a identidade diferencial galega nos anos vinte ou setenta, deixando paso nos oitenta a manifestacións plásticas contraculturais que camiñaron paralelamente á normalización e profesionalización do deseño e a proliferación de identidades e produtos de carácter público ou privado.
Galicia. Procesos e formas foi un proxecto da Porto Design Biennale, que na súa última edición contou con Galicia como país convidado. O proxecto, que foi coproducido pola Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia coa colaboración da Fundación Artesanía de Galicia e a Fundación DIDAC, ocupou a totalidade da Galería Municipal de Matosinhos e estructurose en tres partes, as mesmas nas que se estructura a publicación, a partir das tres preguntas antes citadas.
A primeira introdúcenos en como desde o deseño se conseguiu construír un carácter diferencial. Neste sentido, o papel do libro será primordial e a renovación gráfica da industria editorial será tamén caldo de cultivo e ideas para sectores industriais e económicos, que se apoiarán no deseño para competir e diferenciarse, achegando valor engadido. O papel dos oficios e os costumes da cultura popular e a artesanía, iso que Luis Seoane describiu como “formas inéditas”, son outra clave transversal, porque as formas son un vehículo do significado e posúen condicións semánticas fundamentais que moitas empresas comprenderon de maneira pioneira para desembocar no paradigma do Laboratorio de Formas de Galicia e a recuperación simbólica de Sargadelos, fundamentada na construción dun sistema de expresión propio e na promoción de industrias capaces de fabricar obxectos con orixe desde Galicia.
Os obxectos e instrumentos tradicionais dos oficios serven para entender a sociedade de cada momento e a súa economía, a tecnoloxía agraria coa que contaban, as súas innovacións e como era a súa relación coa contorna.
Iníciase así unha segunda parte que responde a quen somos e presenta propostas experimentais que protagonizan a apertura democrática. Por unha banda, a partir de propostas experimentais e contraculturais, e pola outra, con traballos nos que o deseño homológase e cobra autoridade, equiparándose a outras profesións creativas, e imponse como disciplina profesional, grazas a unha aposta das administracións públicas, entidades financeiras e empresas que senten unha necesidade de renovación da súa imaxe ou de idear novos produtos innovadores.
Unha serie de casos de éxito de deseño introdúcennos nunha terceira parte, a Galicia do futuro, que non é outra que a que, estando inmersa no noso presente, é capaz de falar de impacto en liña cos obxectivos de desenvolvemento sostible e os recursos do territorio e a súa condición atlántica.
Porque o reto non cambia: resulta necesario reinventar unha e outra vez Galicia, porque para valorar unha cultura é necesario renovala e innovar tendo en conta as súas raíces, formas e recursos. Pensar de onde vimos é unha premisa fundamental para tentar encarar a pregunta de cara a onde imos, que ten máis dunha resposta, pero que seguramente ten que nacer da planificación tanto como da propia vontade dunha sociedade que ten que preguntarse en que dirección quere orientar a súa capacidade para competir de maneira responsable no contexto social, económico e cultural. Por iso é polo que o proxecto Galicia. Procesos e formas conclúe cun exercicio de deseño especulativo do artista e deseñador galego Manuel Vázquez, a modo de epílogo prospectivo en presente continuo, porque, como adoitan dicir os mariñeiros, cando sabes onde te dirixes, todos os ventos son bos, e o gran reto do noso tempo non é imaxinar o futuro, senón entender realmente o presente como un lugar onde se mesturan os pasados e os futuros.
A construción dun carácter diferencial
A Galicia real asenta sobre a súa propia construción mítica; é un territorio, pero tamén un relato que emerxe entre os confíns da memoria, a saudade e a paisaxe. A preocupación polo idiosincrático de Galicia remóntase ao século XVIII, cando algúns ilustrados incitan a coñecer a súa xeografía e a súa lingua, preocupándose pola súa economía e o seu sistema produtivo. A tradición continúa con intelectuais como Rosalía de Castro ou Manuel Murguía, que pon a semente do celtismo como mito fundador e a transcendencia da cultura popular como soporte duns valores xenuinamente galegos. Vicente Risco sumará unha conciencia atlantista e a posición finistérrica refórzase coa idea de Otero Pedrayo de que en Galicia o Atlántico goberna os procesos e as formas. Todo iso será interpretado por Castelao, o antivangardista que máis influíu nos protagonistas da Galicia moderna máis vangardista, como Cándido Fernández Mazas, Manuel Méndez ou Carlos Maside e máis tarde por Isaac Díaz Pardo ou Luis Seoane, que sinalou que non hai mellor modo de protexer unha industria e unha cultura que recoller na historia propia as formas que a caracterizan ao longo do tempo. Porque na Galicia moderna non todos eran igual de modernos, aínda que compartían un mesmo obxectivo. As artes gráficas empodéranse como principal canle de transmisión a través de publicacións e carteis para proxectar unha Galicia diferencial a través do deseño, unha Galicia azul e verde que se tornará gris durante a ditadura e florecerá coa apertura democrática.
A cerámica empoderouse como medio de expresión plástica en Galicia, co paradigma pioneiro de O Castro e Sargadelos como estandartes industriais e co Laboratorio de Formas de Galicia como instrumento teórico para a construción dun sistema de expresión propio.
O deseño é transmisor dun universo de signos e formas que outorgan ese carácter diferencial. Os obxectos e instrumentos tradicionais dos oficios serven para entender a sociedade de cada momento e a súa economía, a tecnoloxía agraria coa que contaban, as súas innovacións e como era a súa relación coa contorna. En Galicia moitos obxectos sobreviviron ata o presente e, como os oficios, cóntannos cousas. Porque as formas expresan, son unha linguaxe primaria, e no deseño máis artesanal advírtese un instinto estético e unha sensibilidade herdada de xeración en xeración. Entre esas tradicións destacan algunhas que non variaron no tempo, como o encaixe de palillos, que tradicionalmente foi desenvolvido por mulleres.
Outras disciplinas conseguiron transformarse ao extrapolar os seus procesos a distintos materiais capaces de abrir novos escenarios; é o caso dunha técnica ancestral como a cestería, ou a xoiería tradicional galega, que desde o século XV proxéctase co sapo como xoia por excelencia. O mesmo sucede con signos culturais imprescindibles como os zocos, a pandeireta ou a gaita, ou en traballos como o das redeiras que, partindo do seu saber tradicional, desenvolven hoxe unha metodoloxía de traballo intersectorial con moitas outras disciplinas. Pero se un oficio cobrou relevancia é a cerámica, que se empoderou como medio de expresión plástica en Galicia, co paradigma pioneiro de O Castro e Sargadelos como estandartes industriais e co Laboratorio de Formas de Galicia como instrumento teórico para a construción dun sistema de expresión propio.
Os principais proxectos empresariais, en moitos casos postos en funcionamento por personalidades da intelectualidade galega, apoiaranse no deseño defendendo as potencialidades de Galicia para alcanzar estratexicamente unha proposta de valor.
A auga e o mar foron a porta para a entrada do deseño e a innovación en Galicia. Os principais proxectos empresariais, en moitos casos postos en funcionamento por personalidades representativas da intelectualidade galega que foron moito máis alá dos intereses económicos para divisar novos horizontes estratéxicos capaces de construír o futuro tamén no social e no cultural, apoiaranse no deseño defendendo as potencialidades de Galicia para alcanzar estratexicamente unha proposta de valor. Exploraron así a tradición para renovala desde o coñecemento das súas particularidades, cun fin innovador, co valor simbólico da identidade e co deseño como innegociable valor engadido. O seu incuestionable esforzo por incentivar a investigación e incorporar os avances técnicos á produción, esforzándose en “facer país” con accións máis aló das ideas, converteuse en paradigmático exemplo de I+D+i.
A industria do mar, con Conservas Massó, Alfageme ou J. Barreiras e Hijos; a industria farmacéutica con Laboratorios Bescansa, Laboratorios Orzán ou Zeltia; os produtos derivados da cultura balnearia de Mondariz ou La Toja; as máquinas de coser Refrey, os automóbiles de Barreiros, a industria editorial encabezada por Editorial Galaxia, os paradigmáticos deseños cerámicos de Sargadelos e O Castro, as solucións tecnolóxicas de Televés, ou o despunte da moda coa achega histórica de Adolfo Domínguez e o programa para o desenvolvemento do sector téxtil “Galicia Moda” xa nos oitenta, serán exemplos paradigmáticos dunha aposta polas potencialidades do deseño como axente clave para o desenvolvemento empresarial e industrial.
A apertura democrática: O deseño como disciplina profesional
Coa democracia desátase o deseño como principal instrumento para a renovación social, económica e cultural. Administracións públicas, entidades financeiras, empresas, xornais e revistas moldean a súa imaxe pública. Tamén se producen iniciativas de vocación experimental. Entre elas, algunhas de interese máis xeneralista, como as revistas, que abrían camiños alternativos para a información, ou as portadas de discos.
No século XXI a información é global e iso reflíctese no estilo dos profesionais do deseño gráfico en Galicia, máis impersoal, máis internacional e menos arraigado, aínda que nos últimos anos advírtese máis compromiso coa propia historia de Galicia.
Xorden entón unha serie de profesionais xa formados academicamente que capitanearán o labor comezado polos pioneiros da Galicia moderna, para proxectar unha nova imaxe acorde co momento de euforia institucional. Todo iso desenvólvese baixo un dominio do patriarcal e, salvo casos illados, non será ata os anos noventa cando aparecen profesionais mulleres que hai que ver como pioneiras, ante a ausencia de moitos referentes na historia do deseño en Galicia, e comézase a visibilizar así o seu traballo dunha maneira contextualizada. No século XXI camíñase cara á inclusión, a información é global e iso reflíctese no estilo dos profesionais do deseño gráfico en Galicia, máis impersoal, máis internacional e menos arraigado, aínda que nos últimos anos advírtese máis compromiso coa propia historia de Galicia. Tamén no presente xorden expoñentes dunha forma de mirar irreverente, próxima aos pioneiros do cómic, coa imaxe como arma. Esa pretendida incorrección convive con fórmulas máis ortodoxas pero efectivas en termos plásticos, que se dan, sobre todo, no campo editorial.
Non cabe dúbida de que o progreso do deseño prodúcese paralelo ao desenvolvemento da industria e a economía dun lugar. Na nosa vida estamos rodeados de deseño e hoxe o deseño funciona como motor para o desenvolvemento, a innovación e a competitividade das empresas. O deseño permite innovar e competir e, nas últimas décadas, as empresas galegas entenderon isto e valoran o deseño como un elemento chave das súas promocións e proxectos. En Galicia será sobre todo no sector alimentario onde o deseño revolucionará o sector. A puxanza do mundo do viño ou a aposta de chefs e restaurantes por xerar unha imaxe innovadora e fresca xerou un gran número de exemplos exitosos de packaging e produtos orixinais, actitude extrapolable a outros sectores. As alianzas estratéxicas entre deseñadores e empresas conducen á aplicación de solucións innovadoras coas que transmitir os sinais de identidade do produto, ofrecendo vantaxes en termos de distribución, usabilidade e visibilidade.
Por outra banda, pódese advertir como o sistema de produción artesanal baseado na manufactura -que tiña sido subestimado pola euforia tecnolóxica- hoxe abraza as formas máis singulares. O campo entre arte, artesanía e deseño profundou en valores esquecidos pero que xa estaban nas experiencias da Bauhaus, para xerar interesantes cruces que permiten valorar o traballo manual desde unha perspectiva actualizada. Nos últimos anos, creadores de distintos perfís mostran a súa capacidade para incorporar novas fórmulas de investigación e innovación acordes ás necesidades do presente, sen deixar de respectar e reinterpretar a tradición. Porque os materiais contan cada vez máis historias e vólvense máis humanos e hoxe os profesionais do deseño incorporan novas tecnoloxías aplicadas que conviven coa recuperación dos procesos manuais, buscando a intensidade emocional, así como a identidade do contexto onde se prototipa e produce, para ter en conta valores propios da economía circular.
Aínda que todo iso xa estaba presente no Laboratorio de Formas de Galicia, coa relación entre deseño, arte e industria, coa comunicación e a investigación como procesos. Porque se trata de deseñar o cambio desde a responsabilidade co territorio e coa nosa propia historia, construíndo desde esa herdanza os signos futuros dun sistema de expresión propio, partindo da utopía de que o deseño pode cambiar o mundo.