Feira, o folk de De Ninghures

De Ninghures presentou en febreiro o seu novo disco, Feira. É o seu segundo álbum despois de Aquí (2022). Este conxunto de dez cancións supón unha evolución importante na sonoridade deste grupo folk ao reinterpretar música tradicional baixo o prisma de músicas urbanas contemporáneas. Para a súa produción contaron coa colaboración de Juan de Dios Martín, coñecido polo seu traballo con artistas coma Xoel López ou Amaral. Para a canción “Poço” contaron coa produción do Hevi. 

En Feira encontrámonos unha música que parte do folk para adentrarse en terreos máis próximos ao indie ou a electrónica. Comparte con moitas das propostas emerxentes dos últimos anos na Galiza o interese por mesturar elementos da música tradicional con recursos propios das producións contemporáneas do mainstream. Por exemplo, en “Morena”, primeiro single que apareceu do disco, as bases electrónica e o autotune lévanos a unha fusión coas músicas urbanas que dende hai un tempo é xa tendencia. Porén, De Ninghures consegue desmarcarse de moitos dos lugares comúns das neofolk e presentan unha proposta refrescante dentro desta escena.  

Conségueo apelando a unha diversidade de influencias que converxen con naturalidade en melodías de gran carga emotiva. Neste aspecto, destacan cancións como “A Burriña” ou “Aquí” onde o diálogo entre o indie e folk alterna momentos que tanto poden recordar a Beirut como a Eliseo Parra. As referencias ao pop sucédense en cancións como “Descolorido” ou “En fin, que máis dá”, onde contan coa colaboración de Xoel López na guitarra. 

A referencia á música tradicional en Feira, máis que nostalxia, é celebración da comunidade por parte dunha xeración que fai compatible o macrofestival coa foliada. “Poço” podería ser parte do repertorio dunha banda de rock de estadio con outra instrumentación. Supón un dos momentos máis inspirados do disco. Consegue aproveitar de maneira enxeñosa a ampla paleta instrumental da que dispón a banda baixo unha pegadiza melodía cun resultado de gran epicidade. Da mesma maneira, “Corazón Alionado” ou “O último baile” transpórtanos ás multitudes de baile do dance integrando electrónica e folk. 

De Ninghures participa con Feira nos discursos contemporáneos sobre a reinterpretación do tradicional cun formato de grupo (percusión, violín, acordeón, clarinete, gaita, percusión, acordeón, guitarras coa recente incorporación de electrónica), máis propio do folk de hai un tempo que das configuracións de músicos privilexiadas hoxe en día na escena. Isto permítelles por un lado establecer pontes entre bandas como Berrogüetto e o neotradi actual. Por outra banda, con esta variedade de recursos conseguen asinar un disco onde destacan a calidade dos arranxos, o dinamismo grazas ó contraste das diferentes voces e texturas, e a fusión creativa de estilos. 

Feira 
De Ninghures
Editado por Tremendo Audiovisual 
2025